A Xunta rescindiu o contrato coa empresa tras 80 incumprimentos pero prorrogoullo mentres non convoca un novo concurso público para que o servizo non quedase sen prestar, o que non logrou
Desde finais de marzo, hai máis de tres semanas, está inoperativo por unha avaría un dos dous helicópteros de emerxencias sanitarias que o 061 ten en toda Galicia, o da base de Santiago -o outro ten base en Ourense-. Unha ausencia que se suma a preto de 80 incumprimentos previos investigados pola Xunta no apenas un ano que pasou desde que a empresa, Eliance, se fixo co servizo en marzo de 2024. "Facémolo o máis rápido que podemos", xustificou este luns o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.

O servizo de urxencias sanitarias en helicóptero da Xunta, prestado a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061, vén rexistrando todo tipo de incumprimentos desde hai anos e con distintas empresas adxudicatarias. O último contrato foi formalizado o 20 de marzo de 2024 por 12,8 millóns de euros para 3 anos con Eliance, que xa viña prestando o servizo no contrato anterior.
Hai só dous meses a 'número 2' de Sanidade aseguraba no Parlamento que había unha "correcta execución" do contrato malia os incumprimentos patentes
En menos dun ano, ata o pasado febreiro, segundo revelou o Goberno galego no Parlamento, a Xunta xa iniciara 77 expedientes por incumprimentos e impuxera 16 penalidades que sumaron 145.000 euros.
Incumprimentos que tamén veñen denunciando CIG e BNG nos últimos meses, como que os aparatos non están a funcionar durante todas as horas de luz do día, entre o orto e o ocaso de cada momento do ano, como están obrigados desde 2019 tras revogarse o anterior recorte do servizo aprobado en 2014. Ou que durante as súas revisións técnicas a empresa non os substituíu por outros aparatos, deixando sen servizo a base de Santiago durante 8 días e a de Ourense durante 17, segundo as cifras ofrecidas por Prado.
Malia estas cifras de incumprimentos admitidas pola Xunta, a número 2 da Consellería de Sanidade aseguraba en febreiro no Parlamento que se estaba a rexistrar unha "correcta execución" do contrato. Porén, apenas un mes despois o Goberno galego comunicaba á empresa que lle rescindía o contrato polos seus incumprimentos.
Pero a rescisión do contrato non significou que Eliance deixase de operar o servizo senón que a Xunta llo prorrogou ata que se convoque e resolva un novo concurso público. Unha posibilidade que teñen as administracións para evitar que un servizo esencial quede sen prestar. E case a continuación da rescisión e prórroga do contrato, o helicóptero con base en Santiago quedou inoperativo por unha "avaría importante", segundo sinalou este luns o conselleiro de Sanidade.

Gómez Caamaño reiterou as cifras de incumprimentos da empresa ofrecidas pola súa segunda hai dous meses no Parlamento e asegurou que a Xunta está "a traballar na licitación dun novo servizo". "Estamos facendo as cousas o máis rápido que podemos", concluíu.