O 061 confirma que da tarde do 1 de outubro ata a do 4 de outubro non houbo unha aeronave medicalizada na base de Ourense para as urxencias sanitarias e que foi substituído por unha ambulancia de soporte vital avanzado, o que para a CIG-Saúde "é un parche"
O helicóptero medicalizado con base en Ourense e que dá servizo a toda a área sur de Galicia deixou de funcionar o 1 de outubro, ás 17.00 horas, a causa dunha reparación "previsible", segundo denunciou o sindicato CIG. Desde Urxencias Sanitarias de Galicia-061 confirmaron a Praza.gal que unha aeronave substituta está operativa desde a tarde deste martes, día 4. "Vilas fronteirizas con Portugal, a montaña ourensá e lucense e zonas interiores da provincia de Pontevedra, ou o Baixo Miño, quedan desprovistas dun servizo de transporte medicalizado rápido", destaca a delegada sindical da CIG na Base do 061 de Ourense, Susana Rodríguez.
En condicións normais, Galicia conta con dous helicópteros medicalizados que dan servizo a todo o territorio. Durante catro días, só funcionou o que ten base en Santiago de Compostela. Desde a CIG criticaron que a única solución aportada por parte do 061 foi unha ambulancia medicalizada, que se lle solicitou á empresa As Burgas, concesionaria do servizo de transporte urxente sanitario en Ourense. Unha decisión que para o secretario nacional da CIG-Saúde, Manuel G. Moreira "é un parche que non resolve o problema xa que non cubre o ámbito de actuación do helicóptero nin garante os tempos de resposta".
Na CIG-Saúde lembran que en Ourense "só hai unha ambulancia medicalizada cando é a provincia con maior dispersión" e o 061 confirma que non manterá a segunda
Porén, Moreira incide en que esa ambulancia medicalizada "era xa unha necesidade cando estaba operativo o helicóptero e seguirá a selo cando se recupere o seu servizo". "Exiximos a recuperación do helicóptero e o mantemento da ambulancia medicalizada", asevera o secretario nacional da CIG-Saúde. Desde o 061 confirman que a ambulancia só funcionou durante o período no que non houbo helicóptero na base de Ourense e salientan "que a dispoñibilidade dunha ambulancia de SVA (soporte vital avanzado) no caso de avaría do helicóptero medicalizado constitúe unha das melloras presentadas na oferta da empresa adxudicataria para a licitación do concurso de transporte sanitario urxente aéreo vixente".
Na central sindical lembran que na provincia de Ourense "só hai unha ambulancia medicalizada cando é a provincia con maior dispersión e comunicacións máis complicadas fronte a outras que teñen máis ambulancias medicalizadas, que a pesar de todo son insuficientes dada a demanda existente". Tamén apuntan que o servizo do helicóptero non só entra en funcionamento coas urxencias, tamén se emprega para determinados traslados de doentes entre hospitais, tando dos comarcais ata o de Ourense, como do de Ourense ata o de Vigo.
A CIG-Saúde apunta a unha "evidente falta de previsión" das autoridades sanitarias polos catro días sen helicóptero medicalizado e no 061 alegan que só se pode voar "entre o orto e o ocaso"
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 confirma que o helicóptero medicalizado "tivo que trasladarse, na tarde do pasado sábado 1 de outubro, ata outras instalacións para efectuar as revisións técnicas correspondentes en cumprimento das especificacións técnicas establecidas nos pregos de contratación". Porén, apunta que "isto non significa que o helicóptero estea avariado ou inoperativo desde entón", aínda que recoñece que a empresa adxudicataria estivo pendente do desprazamento do helicóptero de substitución á base de Ourense "debido a complicacións loxísticas que afectan a esta aeronave".
Para a CIG-Saúde existe unha "evidente falta de previsión" das autoridades sanitarias, coñecedoras de que a "vida útil" deste helicóptero remataba o 1 de outubro por "non ter tomado medidas, diante da empresa titular da concesión do servizo, para garantir a continuidade con outro helicóptero que cumprira as condicións do concerto". Pola súa banda, desde o 061 xustifican o período sen helicóptero alegando que "a prestación do servizo de transporte aéreo urxente realízase durante o período comprendido entre o orto e o ocaso. Trátase de horas de voo que, ademais, dependen das condicións climatolóxicase de que a meteoroloxía sexa favorablepara a mobilización da aeronave".
Desde o 061 xustifican que desde marzo "as necesidades de desprazamento da aeronave para a realización de tarefas mecánicas de mantemento reducíronse notablemente"
Susana Rodríguez sinala que a empresa concesionaria do helicóptero, Eliance, está a incumprir o seu contrato porque, segundo os pregos, ten que ter un helicóptero medicalizado en Ourense os 365 días do ano. "Un incumprimento que podería comportar unha multa de até 6.000 euros e que nin sequera é a primeira vez que se produce, porque xa ten ocorrido que houbera que cambiar unha peza que por vida útil se sabía que habería que cambiar nese momento e que deixou inutilizado o helicóptero", explica a delegada sindical no 061 de Ourense.
Con todo, desde o 061 subliñan que "desde o mes de marzo, no que comezou a estar operativo o hangar da base medicalizada de Ourense, as necesidades de desprazamento da aeronave para a realización de tarefas mecánicas de mantemento reducíronse notablemente". Así mesmo, fan fincapé en que realizan "un seguimento continuo e escrupuloso" do cumprimento do contrato de transporte sanitario urxente aéreo e están a aplicar "as sancións e medidas correspondentes no caso de incumprimento por parte das empresas adxudicatarias co obxectivo de manter os estándares de calidade na asistencia ás urxencias e emerxencias sanitarias". A concesión a Eliance vence o ano que vén e desde a CIG consideran que "non sería de recibo" que se lle prorrogue.