É sabido que os helicópteros que atenden os diversos servizos de emerxencias, como os incendios ou as urxencias sanitarias, só poden operar durante as horas de luz solar. Durante un cuarto de século así sucedeu tamén os helicópteros do 061 en Galicia. No entanto, o novo contrato do servizo, agora dependente da Fundación Pública Urxencias Sanitarias, limita dende 2014 a operatividade dos helicópteros a 12 horas diarias obviando que durante o verán en Galicia a luz solar alumea máis dunha ducia de horas. Ese recorte, alerta o persoal, volve ter consecuencias prácticas dende a pasada fin de semana e ata finais de setembro.
Na actualidade o 061 dispón en Galicia de dous helicópteros. Un ten base en Santiago e o outro, en Ourense. Ambos traballan con quendas de 12 horas a contar dende o amencer, nun caso, e dende o solpor, no outro. A cuestión é que o que popularmente se coñece como medre dos días provoca que durante os próximos meses as horas de luz solar vaian aumentando en Galicia ata chegar a ser unhas 16 no solsticio de verán.
Ata 2014 os helicópteros funcionaban durante todas as horas de sol, pero agora o horario restrínxese a 12 horas diarias durante todo o ano
O recorte horario, explican a Xunta de Persoal do 061 e mais a CIG, supón, por exemplo, que unha emerxencia que suceda na Costa da Morte despois das sete e media da tarde, cando aínda hai luz, "non poida ser atendido en primeira instancia por un recurso medicalizado", xa que as ambulancias deste tipo "están a máis dunha hora de distancia", en Compostela ou na Coruña, "e o helicóptero operativo estaría en Ourense". Do mesmo xeito, a contorna de Ourense e a montaña de Lugo carece de servizo de helicóptero ata arredor das nove e media da mañá aínda que as condicións do ceo permitan que opere dende máis cedo.
O persoal lamenta que "a dirección da Fundación" apele ao "aforro económico" para aplicar un recorte que, afirma, xa ten consecuencias prácticas na atención sanitaria. Tívoas, por exemplo, na atención ao accidente no Rally de Carral, o pasado 2015, cando "no se puido acudir" cun helicóptero "por este motivo". Pero "hai moitos máis servizos que se denegaron ou simplemente non se fixeron" por sucederen "nese período de inactividade dos helicópteros". Foron "servizos de doentes anónimos, que non se coñecen por non ser tan mediáticos como o do rally", din. E todo isto, censuran, sucede mentres a Fundación "dilapida cartos no mantemento do seu novo edificio da Estrada".
Agardando polo heliporto do Álvaro Cunqueiro
Dende o plantel do 061 advírtese ademais de que o recorte horario non é a única mostra do que, ao seu xuízo, é unha obvia "mala xestión dos servizos". Non en van, "os dous principais hospitais galegos, o da Coruña e o desastroso hopsital de Vigo, teñen heliportos" definidos como "non funcionantes", isto é, que non poden ser utilizados. No caso coruñés "hai máis de dez anos que ten a helisuperficie rematada e nunca puido usarse" e, aínda que "hai máis dun ano que ten corrixidas as súas deficiencias, seguen sen dar a orde para que se use", por iso "os doentes que teñen que ser trasladados a ese centro en helicóptero" teñen que aterrar no aeroporto de Alvedro.
O heliporto do novo hospital de Vigo, presentado á prensa en agosto, aínda non funciona por carecer dun permiso
Algo semellante sucede no novo hospital de Vigo, cuxo heliporto foi presentado cunha demostración para a prensa en agosto do ano pasado. A nova infraestrutura, informou daquela o Sergas, melloraría a "calidade asistencial dos pacientes", que xa non terían que pasar polo aeroporto de Peinador e, dende alí, ser trasladados ao hospital. No entanto, o accidente sufrido por un grupo de ciclistas a pasada semana na Guarda foi a mostra de que o heliporto do Cunqueiro aínda non funciona: "o helicóptero tivo que levar un ferido a Peinador". A razón oficial é que o Sergas está pendente dunha autorización definitiva da Axencia Española de Seguridade Aérea (AESA) que a dirección do hospital di agardar ter dentro dunhas semanas.