A loita entre a antiga e a nova adxudicataria paralizou máis dun ano a renovación do servizo e revelou que a Xunta non analizara elementos de seguridade antes de resolver o concurso por primeira vez
Cinco anos despois de que deixasen de facelo tras recortar a Xunta as prestacións dese servizo, os dous helicópteros de emerxencias sanitarias do 061 galego volven operar todas as horas de luz do día, do orto ao ocaso, e non só 12 horas diarias, o que facía que en verán, con máis horas de luz, parte delas quedasen sen cobertura. O aumento do horario do servizo prodúcese quince meses despois de que o anunciase o propio Feijóo e tras un longo proceso marcado pola loita administrativa e xudicial de dúas empresas por facerse co servizo.
Este martes a propia Xunta publicitou o aumento do horario dos helicópteros de emerxencias sanitarias, coincidente co inicio das operacións dos aparatos por parte da nova empresa adxudicataria, Eliance Helicopter, antes denominada Habock, impulsada por un antigo directivo da firma que viña prestando o servizo, Inaer, agora incorporada á multinacional Babcock.
Os pilotos temen un empeoramento das condicións laborais e o servizo por parte tanto da nova empresa adxudicataria como da antiga no resto de servizos que segue a prestar para a Xunta
Durante o último ano Babcock intentou con diversos recursos evitar que Eliance comezase a prestar o servizo, o que lle permitiu a ela seguir facéndoo de xeito prorrogado. Ese conflito entre empresas desvelou que a Xunta adxudicara inicialmente o concurso a Eliance sen comprobar previamente que cumpría con requisitos de seguridade. Tras subsanar os problemas administrativos, agora prodúcese o cambio de adxudicataria entre críticas dos pilotos, que temen un empeoramento das condicións laborais por parte da nova empresa, e que tamén alertan desa situación na propia Babcock en toda España, salientando a perda de calidade que iso suporá para a cidadanía usuaria deses servizos.
Malia o cambio no 061, Babcock segue a operar en Galicia os helicópteros de Salvamento Marítimo (con aparatos que lle aluga a Xunta tras venderllos por consideralos obsoletos), loita contra incendios e 112. Boa parte deses contratos presentaron diversas irregularidades durante os últimos anos, segundo constatou o Consello de Contas e a xustiza, o que non impediu que a Xunta elixise á empresa como socia industrial xunto con Indra para a base de drons de Rozas. A empresa tamén foi condenada pola Audiencia Nacional a pagar 9,3 millóns de euros a Facenda por operacións contables para evitar impostos cando era Inaer e está a ser investigada no marco do denominado cártel do lume.