As multinacionais Indra e Inaer son as seleccionadas para xestionar o parque de drons -avións non tripulados- do aeródromo de Rozas (Castro de Rei), un dos proxectos estrela da Xunta nesta lexislatura. Isto é, cando menos, o afirmado polo presidente da Xunta e o conselleiro de Industria ao termo da reunión semanal do Goberno galego. O Consello deste xoves tivo sobre a mesa un informe -documento sen valor xurídico ningún, que o Executivo emprega para anunciar temas que considera convenientes- que Alberto Núñez Feijóo e Francisco Conde resumiron despois ante a prensa para, asemade, afirmar que a instalación da Terra Chá vai xerar 600 empregos.
Ás primeiras horas da tarde deste martes as canles oficiais de información sobre este proceso, a Plataforma de Contratación da Xunta e a web creada especificamente para informar sobre este "polo aeronáutico", só informaban do mesmo que o veñen facendo dende o pasado setembro, isto é, das empresas que se presentaron as súas propostas para optar a ser "socios estratéxicos" da Xunta, financiado pola Xunta con 40 millóns de euros. As candidaturas foron nove: Boeing, a unión temporal de empresas UAVs Galicia, Thales, Everis, Elbit Systems Reponse, Agustawestland e Telespazio Ibérica, Airbus e as que disque se impuxeron ao resto: Indra e Inaer. A primeira xa ratificou, asemade, a súa condición de adxudicataria a través dun comunicado.
Feijóo indicou en rolda de prensa que empresas serían adxudicatarias do proxecto antes de que a documentación fose amosada nas canles oficiais
Menos dun mes despois de que o diario editado en Madrid El Confidencial apuntase que Indra e Inaer eran as mellor situadas para lograr a adxudicación. Sempre segundo o indicado pola Xunta en rolda de prensa, as adxudicatarias comprometéreonse a investir 75 millóns de euros en Rozas a través dun proxecto que implica a 18 empresas, "o 70% galegas", afirman. O resultado, di o Executivo, será "un parque de referencia mundial na fabricación de avións non tripulados" que "posibilitará a creación de 600 empregos en Galicia, a metade deles directos".
Atendendo á decisión da mesa de contratación adiantada polos responsables gobernamentais, a Xunta disponse a traballar unha vez máis con Inaer, empresa que xa foi cuestionada no pasado polas súas actuacións no ámbito da extinción de incendios. Así, por exemplo, a Consellería de Medio Rural adxudicoulle a esta compañía a controvertida privatización das brigadas helitransportadas. Previamente Medio Rural anulara o concurso público que tiña en marcha argumentando que ningunha das empresas que se presentaran cumpría cos requisitos esixidos. Aquela contratación rematou o pasado 2015 investigada pola Fiscalía de Santiago a causa dunha presunta prevaricación.
Civil ou militar?
No seu anuncio para a prensa asegura que o "polo aeronáutico" de Rozas servirá para "fabricar en Galicia" tres "modelos pioneiros" de avións non tripulados con aplicacións como "extinción de incendios, salvamento marítimo, inventariado e xestión do territorio, control do furtivismo" ou "xestión de biomasa", entre outros. Todos os usos citados polo Goberno son civís, algo co que non concordan as voces críticas co proxecto, capitalizadas no ámbito político por AGE.
AGE ve demostrado que o proxecto de drons en Rozas implica tamén usos militares e non só civís, como mantén a Xunta
Así, o deputado lucense de Alternativa Ramón Vázquez subliña que o anuncio de investimento de 40 millóns de euros da Xunta en Rozas -xa achegara 10 para remodelar o recinto- chega despois de que o propio presidente "prometese que as probas de Rozas tiñan carácter civil" mentres o Grupo de Obtención por Sistemas Aéreos, "percentence ao Rexemento de Intelixencia do Exército", operase alí "cun dron militar israelí". "Tamén demostramos, cando denunciamos a instalación de concertinas no campamento militar de Parga, a 20 quilómetros do aeródromo -subliña- que estes drons tiñan unha finalidade militar, e demostrouse na realización posterior de manobras da OTAN neste campamento".
Tras o que o parlamentario define como unha "historia de enganos" para "ocultar" usos militares, Vázquez coida que estamos "ante un anuncio electoral co que o señor Feijóo pretende alisarlle o camiño á súa candidadta no congreso provincial" do PP de Lugo e "facer un anuncio panfletario nunha provincia ausente de investimentos importantes", conclúe.