Medio ano despois de admitir ducias de eivas nos helicópteros do 061 a Xunta aínda non convocou un novo concurso

Helicóptero medicalizado do 061 xestionado pola empresa Eliance © 061

"Estamos facendo as cousas o máis rápido que podemos", dicía o conselleiro en abril ante os incumprimentos da adxudicataria, que segue prestando o servizo mentres o Goberno galego non é quen de formalizar un novo contrato

O actual contrato de operación dos dous helicópteros de emerxencias sanitarias do 061 foi formalizado o 20 de marzo do pasado ano por 12,8 millóns de euros para 3 anos. En só un ano a empresa adxudicataria, Eliance, a mesma que xa prestaba antes o servizo, xa vira como a Xunta lle abrira 77 expedientes por incumprimentos, dos que xa resovera 16 impoñendo penalidades que sumaban 145.000 euros, segundo comunicou o Goberno galego ao Parlamento.

Ante esa situación o Goberno galego anunciou que resolvería o contrato coa empresa e convocaría un novo concurso público, pero medio ano despois esa nova contratación segue sen ter data e é a mesma empresa a que segue prestando o servizo para que non quede desatendido mentres non se formaliza un novo contrato.

Helicóptero de urxencias sanitarias con base en Santiago, un dos dous que ten o 061 en toda Galicia, xunto co que ten base en Ourense CC-BY-SA Praza Pública

Tras informar a Xunta ao Parlamento en febreiro dos 77 expedientes por incumprimentos que xa abrira á adxudicataria en menos dun ano, a finais de marzo quedou inoperativo durante varias semanas un dos dous helicópteros do 061, o da base de Santiago -o outro ten base en Ourense-. O conselleiro de Sanidade foi preguntado por esa situación no Parlamento o 21 de abril, hai agora 6 meses, cando asegurou que a Xunta xa estaba "a traballar na licitación dun novo servizo". "Estamos facendo as cousas o máis rápido que podemos", foi a súa resposta. Pero medio ano despois esa nova licitación segue sen existir.

O contrato con Eliance foi resolto pero estableceuse, como é habitual en servizos públicos que non poden quedar sen prestar, que a mesma empresa seguise prestándoo mentres non se formalice unha nova contratación. Unha decisión que non se fixo pública na plataforma de contratación da Xunta, como debería. E preguntada seis meses despois polo novo contrato a Fundación 061 da Xunta segue dicindo que "está a traballar para axilizar a licitación do servizo sanitario urxente aéreo na comunidade galega, que estima se publique en breve". 

Simulacro dun traslado en helicóptero © Xunta

En febreiro a Xunta informou ao Parlamento de que en menos dun ano a empresa incumprira o contrato 77 veces, pero agora o 061 garante "o seu correcto funcionamento"

Os incumprimentos de Eliance non son novos senón que o servizo xa viña rexistrando todo tipo de irregularidades desde hai anos con distintas empresas adxudicatarias. Como que os aparatos funcionen durante todas as horas de luz do día, entre o orto e o ocaso de cada momento do ano, como están obrigados desde 2019 tras revogarse o anterior recorte do servizo aprobado en 2014. Ou que durante as súas revisións técnicas a empresa non os substituíu por outros aparatos, deixando sen servizo as bases de Santiago e Ourense ata 8 e 17 días seguidos.

Malia estas eivas constatadas pola propia Xunta, o 061 asegura que "garante a prestación deste servizo esencial para a cidadanía, realizando un seguimento estrito do contrato e adoptando todas as medidas que garanten o seu correcto funcionamento". Un funcionamento que a propia Xunta admitiu que non é correcto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.