Eliance, a empresa que opera os helicópteros médicos do Sergas con ducias de incumprimentos e agora en risco de quebra, mantén inactivos desde hai días dous aparatos en Santiago, o que para o sindicato "compromete un recurso esencial"
Eliance, a empresa que xestiona para a Xunta os helicópteros sanitarios do 061 con bases en Santiago e Ourense, leva meses acumulando ducias de incumprimentos e hai unhas semanas presentou preconcurso de acredores. A Xunta non é quen de convocar un novo concurso para renovar ese contrato despois de intentalo a comezos deste ano e quedar deserto entre sospeitas de amaño. E agora a CIG denuncia que na base de Santiago non só está inoperativo desde o 6 de novembro o helicóptero habitual senón que un suplente trasladado o día 12 está na mesma situación. Uns problemas reiterados que para o sindicato comprometen "un recurso esencial".
O 061 conta con dous helicópteros medicalizados con base en Santiago e Ourense. O contrato contempla que a empresa que presta o servizo debe facilitar un aparato suplente en caso de que algún dos titulares quede inoperativo demasiado tempo. En Santiago, segundo vén denunciando a CIG, o helicóptero habitual quedou parado o 6 de novembro e o 12 chegou un segundo helicóptero, "pero a aeronave segue sen estar operativa", segundo información obtida polo sindicato "debido a problemas de homologación na súa configuración".
"Non se pode normalizar que un servizo esencial dependa dunha compañía que xera dúbidas sobre a súa capacidade para garantir unha prestación adecuada e segura", lamenta o sindicato, que pide á Xunta prazos claros para a renovación do contrato.
O servizo de emerxencias sanitarias aéreas do Sergas foi adxudicado por última vez a Eliance en marzo de 2024, hai dous anos e medio, por uns 4,3 millóns de euros ao ano. O contrato debía durar tres anos, pero apenas un ano despois a empresa xa acumulaba 77 expedientes por incumprimentos, con helicópteros inoperativos durante días e mesmo semanas malia a súa obriga de substituílos en caso de avaría. Ante os incumprimentos, apenas un ano despois da formalización do contrato e dous anos antes do seu teórico vencemento, a Xunta decidiu rescindirlle o contrato, pero tardou un ano en convocar un novo concurso e mentres o servizo seguiu e segue sendo prestado pola mesma empresa porque o servizo é esencial e non pode quedar sen prestar.
Ano e medio despois de resolver o contrato con Eliance pero encargarlle que siga co servizo porque é esencial e non pode quedar sen prestar, a Xunta aínda "traballa para dotar dun novo contrato o antes posible"
O novo contrato ía mellorar as condicións do anterior con máis cartos, pasando de 4,3 a 7 millóns ao ano, e prevía que "tras un período de transición de 20 meses" a nova adxudicataria incorporase un helicóptero con capacidade para voar de noite e en condicións adversas. Pero as condición establecidas nos seus pregos de condicións restrinxiron tanto as posibles ofertas que varias empresas advertiron unha posible vulneración da libre competencia co proceso enfocado a un único fabricante. Ademais, unha empresa recorreu as condicións do concurso ante a xustiza, ante o que a Xunta decidiu primeiro paralizalo e despois retomalo.
A ese concurso finalmente só se presentou unha oferta, da francesa SAF Helicoptères SAS, pero a súa oferta económica foi moi superior ao límite fixado polo 061. Se a fundación pública dependente da Xunta establecera a súa disposición a pagar un máximo de 55,6 millóns de euros polos oito anos do novo contrato, a empresa propuxo prestar o servizo por 80,7 millóns de euros. Así que a mesa de contratación decretou en abril a exclusión desa empresa do proceso, que foi así declarado deserto.
Hai ano e medio, tras varias semanas tamén sen helicóptero en Santiago, o conselleiro tentaba xustificarse no Parlamento: "Estamos facendo as cousas o máis rápido que podemos", dicía
Desde abril, ao declarar deserto o concurso, o 061 non volveu dar ningún paso público para convocar un novo proceso nin aclara cando o vai facer. Ano e medio despois de deixar o servizo en precario ao rescindir o contrato con Eliance pero prorrogarllo por necesidade, e medio ano despois de que quedase deserto o concurso convocado para renovar ese contrato, a fundación pública dependente do Sergas limitábase a responder hai unhas semanas a Praza.gal que traballa "para dotar este servizo dun novo contrato o antes posible" e que "a prioridade é a seguridade, a operatividade, a calidade do servizo sanitario aéreo e a protección da cidadanía".
Hai ano e medio, logo de que Santiago xa quedase sen helicóptero durante varias semanas, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, tentaba xustificarse no Parlamento: "Estamos facendo as cousas o máis rápido que podemos", dicía.