O 061 terá que seguir agardando para contar cun servizo de helicópteros de emerxencias sanitarias mellorado que tamén opere de noite. O concurso convocado para renovar o servizo, no que varias empresas sospeitaron un posible amaño e foi recorrido ante a xustiza, vén de ser declarado deserto. Isto fará que ata que non se resolva un novo concurso os helicóptero sigan operados pola mesma empresa que o viña facendo, con ducias de incumprimentos, para que o servizo non quede sen prestar por completo.
Tras demorar un novo concurso, que foi recorrido logo de que varias empresas sospeitasen dun amaño, agora vén de quedar deserto, o que obriga a prorrogar á anterior adxudicataria mentres non se resolva unha nova licitación
O servizo de emerxencias sanitarias aéreas do Sergas, con helicópteros en Santiago e Ourense, foi adxudicado hai dous anos por 4,3 millóns ao ano á empresa Eliance, a mesma que xa o viña prestando. Apenas un ano despois xa acumulaba 77 expedientes por incumprimentos, con helicópteros inoperativos durante días e mesmo semanas malia a súa obriga de substituílos en caso de avaría. Ante os incumprimentos a Xunta decidiu rescindirlle o contrato, pero tardou un ano en convocar un novo concurso e mentres o servizo seguiu e segue sendo prestado pola mesma empresa.
O novo contrato ía mellorar as condicións do anterior con máis cartos, pasando de 4,3 a 7 millóns ao ano, e prevía que "tras un período de transición de 20 meses" a nova adxudicataria incorporase un helicóptero con capacidade para voar de noite e en condicións adversas. Pero as condición establecidas nos seus pregos de condicións restrinxiron tanto as posibles ofertas que varias empresas viron unha posible vulneración da libre competencia. Ademais, unha empresa recorreu as condicións do concurso ante a xustiza, ante o que a Xunta decidiu primeiro paralizalo e despois retomalo.
Ao concurso cuestionado por varias empresas só se acabou presentando unha oferta ofrecendo prestar o servizo por 80 millóns, moito máis do máximo de 55 millóns fixado pola Xunta
A ese concurso finalmente só se presentou unha oferta, da francesa SAF Helicoptères SAS, pero a súa oferta económica foi moi superior ao límite fixado polo 061. Se a fundación pública dependente da Xunta establecera a súa disposición a pagar un máximo de 55,6 millóns de euros polos oito anos do novo contrato, a empresa propuxo prestar o servizo por 80,7 millóns de euros. Así que a mesa de contratación vén de decretar a exclusión desa empresa do proceso, que queda así declarado deserto.
Así que de momento, ata que a Xunta convoque e resolva un novo concurso, para que o servizo non quede sen prestar segue en mans da anterior adxudicataria, a incumpridora Eliance. E a incorporación dun helicóptero que poida operar pola noite queda adiada.