Posibles candidatos sinalan requisitos "excluíntes" ou "atribuíbles a un fabricante específico", Airbus, mentres o 061 xustifica que non todos permiten unha "correcta prestación" nas condicións da súa "infraestrutura loxística actual"
"Resulta evidente que algúns requisitos, no seu conxunto, son atribuíbles de maneira unívoca a un fabricante específico e a unha determinada configuración industrial, co risco concreto de excluír operadores económicos capaces de ofrecer aeronaves plenamente idóneas para satisfacer as necesidades do servizo sanitario de Galicia". Quen así se pronuncia é unha posible candidata ao concurso público convocado polo 061 para renovar o servizo dos seus dous helicópteros de emerxencias sanitarias, con base en Santiago e Ourense. Un servizo que vén rexistrando ducias de eivas nos últimos anos, malia o cal a Xunta vén demorando a renovación do seu contrato, que pode ascender a uns 7 millóns ao ano durante 8 anos.
Agora, ante as sospeitas de varias empresas de que os pregos de condicións do concurso puidesen estar orientados para favorecer a un concreto fabricante ou prestador do servizo o 061 di que diferentes fabricantes poden "satisfacer a prestación do servizo de transporte urxente aéreo en condicións de idoneidade pero non todos permiten unha correcta prestación", polo que argumenta que non está a limitar a competencia senón que define "as condicións que require a infraestrutura loxística actual".
O servizo de emerxencias sanitarias aéreas do Sergas, con helicópteros en Santiago e Ourense, foi adxudicado hai dous anos por 4,3 millóns ao ano á empresa Eliance, a mesma que xa o viña prestando. Apenas un ano despois xa acumulaba 77 expedientes por incumprimentos, con helicópteros inoperativos durante días e mesmo semanas malia a súa obriga de substituílos en caso de avaría. Ante os incumprimentos a Xunta decidiu rescindirlle o contrato, pero tardou un ano en convocar un novo concurso e mentres este non se adxudique vai seguir prestando o servizo a mesma empresa.
O novo contrato mellorará as condicións do anterior con máis cartos, pasando de 4,3 a 7 millóns ao ano, e prevé que "tras un período de transición de 20 meses" a nova adxudicataria incorpore un helicóptero con capacidade para voar de noite e en condicións adversas. Pero as condición establecidas nos seus pregos de condicións restrinxen tanto as posibles ofertas que xa hai quen ve unha posible vulneración da libre competencia.
Malia que a altura máxima en Galicia é Pena Trevinca, con 2.127 metros, e na Península o Mulhacén, con 3.482, a Xunta esixe helicópteros que voen ata 5.500 metros por se teñen que desprazarse a Canarias ou outros puntos de Europa
Unha posible ofertante no novo concurso fixo chegar á Xunta o pasado decembro as súas dúbidas sobre a altura máxima de ata 18.000 pés, uns 5.500 metros, á que se esixe que poidan voar os novos helicópteros. Unha condición que considera "excluínte para determinadas aeronaves" e que contrapuxo con que en Galicia a altura máxima sexan os 2.127 metros de Pena Trevinca e en toda a Península os 3.482 metros do Mulhacén. A resposta que lle deu a Xunta foi que pode recibir peticións de asistencia doutros lugares da Unión Europea ou mesmo ter que desprazarse a Canarias viaxando ata alá a alturas de voo elevadas por esixencia do control do tráfico aéreo.
As dúbidas que formulou en xaneiro outra posible empresa ofertante sobre as restricións dos pregos son moito máis amplas. Ademais da altitude de voo analiza outros varios requisitos esixidos en relación ao peso máximo na engalaxe, o tamaño da cabina ou o tipo de tren de aterraxe e conclúe que a combinación dos mesmos "conduce inevitablemente a unha única solución posible, coincidente cos modelos Airbus, tamén debido á referencia explícita a patentes de titularidade exclusiva de dito fabricante".
A Xunta respondeu oficialmente a esas consideracións con argumentos sobre cada un dos criterios por separado asegurando que en cada caso dan cabida "a diferentes fabricantes e operadores", pero sen analizar se o efecto conxunto de todas as restricións apunta a unha única oferta posible. Segundo di, "son diferentes os fabricantes e gamas/modelos os que permiten satisfacer a prestación do servizo de transporte urxente aéreo en condicións de idoneidade pero non todos os fabricantes, gamas e modelos permiten unha correcta prestación, o que non implica limitar a concorrencia senón definir as necesidades administrativas a satisfacer e o obxecto de contrato nas condicións que require a infraestrutura loxística actual".
Unha fonte coñecedora do funcionamento interno do servizo admite as vantaxes en Galicia dalgunhas das esixencias do contrato. Que se pida tren de aterraxe de patíns e non de rodas facilita a operación en terras brandas, ou que se pida un rotor de cola protexido tipo Fenestron, patente de Airbus, ofrecerá máis seguridade ante o arborado e a dispersión poboacional galega. Pero admite que a combinación de todos os condicionantes parece encamiñada a que se preste cun modelo concreto de Airbus, que mesmo considera "acertado" pero de dubidoso encaixe canto a defensa da libre competencia nun concurso público.
Mentres non se resolva o novo concurso vai seguir prestando o servizo a mesma empresa que acumula ducias de incumprimentos nos últimos anos
Para coñecer o impacto destas restricións no concurso hai que agardar ao 28 de febreiro, cando remata o prazo de presentación de ofertas. Despois aínda hai que valorar as candidaturas presentadas e determinar se estas cumpren cos requisitos da Xunta, proceso no que se poden presentar recursos por parte das empresas que se consideren prexudicadas, o que demoraría a adxudicación. Mentres, o servizo seguirá en mans da empresa que o vén prestando ata agora con todo tipo de incumprimentos e que tamén pode concorrer e mesmo gañar o novo concurso.