O 061 rectifica unha decisión que ameazaba con deixar en precario os seus helicópteros durante anos

Helicóptero medicalizado do 061 xestionado pola empresa concesionaria Eliance © 061

A renovación do servizo foi recorrida por sospeitas de amaño e a Xunta decidiu paralizala ata que houbese sentenza, o que pode tardar anos, pero agora rectifica e espera que sexa a xustiza quen diga se debe haber medidas cautelares

O concurso para a renovación dos dous helicópteros de emerxencias sanitarias do 061 foi recorrido ante a xustiza hai tres semanas logo de que varias empresas sospeitasen dun posible amaño nas súas condicións. Ante ese recurso, e sen que a xustiza establecese aínda ningunha medida cautelar, a Xunta decidiu paralizar o concurso "en tanto non se resolva o procedemento contencioso-administrativo", isto é, ata que haxa sentenza, o que pode tardar anos. Mentres o servizo seguiría prestado en precario e por razón de interese público pola empresa que xa o vén facendo, Eliance, que acumula ducias de incumprimentos. 

Agora, tres semanas despois desa decisión, a Xunta rectifica e di que a súa suspensión do concurso só se manterá ata que a propia xustiza diga, en cuestión de días ou semanas, se deben establecerse medidas cautelares mentres non dite sentenza. [Tras a publicación desta información a primeira hora deste mércores, pouco despois do mediodía a Xunta retomaba o concurso logo de que o xulgado decidise non ditar medidas cautelares].

Primeira resolución do 061 suspendendo a renovación dos seus helicópteros ata que o xulgado dite sentenza e rectificación para agardar só ata que dite medidas cautelares CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

O concurso para operar os dous helicópteros do 061 con base en Santiago e Ourense vai pasar duns 4,3 a uns 7 millóns ao ano, agora cun prazo de execución de oito anos. O pasado 23 de febreiro Praza.gal contou que varias empresas sinalaron que os pregos de condicións inclúen requisitos "excluíntes" ou "atribuíbles a un fabricante específico", Airbus, o que atentaría contra a libre competencia. Un día despois a Xunta suspendía o concurso e revelaba que se presentara un recurso contencioso-administrativo nun xulgado de Pontevedra.

Ante ese recurso, e sen que o xulgado establecese aínda medidas cautelares, pedidas pola empresa recorrente, o 061 decidiu pola súa propia conta "suspender o prazo de presentación de ofertas en tanto non se resolva o procedemento contencioso-administrativo". Isto é, ata que houbese sentenza, o que pode tardar anos. Unha decisión que o propio 061 admitía tomar "aínda sen estar obrigado ao non terse ditado ningunha medida cautelar".

Un dos helicópteros do 061 operado ata agora por Eliance CC-BY-SA Xunta de Galicia

Mentres non se adxudique o novo concurso o servizo seguirá prestado pola empresa que o viña facendo, Eliance, que acumula ducias de incumprimentos

Co concurso suspendido, é a empresa que xa viña prestando o servizo a que o segue facendo por interese público, pero coas condicións do contrato previo, peores que as que agora quere implantar o 061. Un contrato previo adxudicado hai dous anos a Eliance que apenas un ano despois xa acumulaba 77 expedientes por incumprimentos, con helicópteros inoperativos durante días e mesmo semanas malia a súa obriga de substituílos en caso de avaría.

Agora, tres semanas despois da súa decisión de suspender o concurso ata que houbese sentenza, o 061 rectifica e matiza que a suspensión será "só" ata que o xulgado de Pontevedra decida se debe aplicarse algunha medida cautelar. Unha decisión que toma "habida conta de que o interese público xustifica a continuidade da licitación para prestar o antes posible un servizo público esencial". 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.