O 061 suspende o concurso dos seus helicópteros por un recurso xudicial tras sospeitas de amaño

Un dos dous helicópteros do 061 e suspensión do novo concurso tras un recurso xudicial CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Mentres non se adxudique o novo concurso o servizo seguirá prestado pola empresa que o viña facendo, Eliance, que acumula ducias de incumprimentos

A Xunta vén de suspender o prazo de presentación de ofertas para o concurso dos dous helicópteros de urxencias sanitarias do 061 logo de recibir un recurso xudicial contencioso-administrativo. O recurso pretende que as características do concurso non sexan tan restritivas como as establecidas polo 061, logo de que varias empresas trasladasen as súas sospeitas de que eses requisitos puidesen estar amañados de xeito que "son atribuíbles de maneira unívoca a un fabricante específico", o que podería atentar contra "os principios fundamentais de competencia, igualdade de trato, non discriminación e proporcionalidade". 

Mentres non se adxudique o concurso agora suspendido o servizo seguirá prestado pola empresa que o viña facendo, Eliance, que acumula ducias de incumprimentos.

Helicóptero medicalizado do 061 xestionado pola empresa concesionaria Eliance © 061

O concurso para operar os dous helicópteros do 061 con base en Santiago e Ourense vai pasar duns 4,3 a uns 7 millóns ao ano, agora cun prazo de execución de oito anos. O pasado luns Praza.gal contou que varias empresas sinalaron que os pregos de condicións inclúen requisitos "excluíntes" ou "atribuíbles a un fabricante específico", Airbus, o que atentaría contra a libre competencia. 

O 061 respondeulles que diferentes fabricantes poden "satisfacer a prestación do servizo de transporte urxente aéreo en condicións de idoneidade pero non todos permiten unha correcta prestación", polo que argumenta que non está a limitar a competencia senón que define "as condicións que require a infraestrutura loxística actual". Pero agora vén de presentarse un recurso xudicial contra esas características.

Posibles candidatos sinalan requisitos "excluíntes" ou "atribuíbles a un fabricante específico", Airbus, mentres o 061 xustifica que non todos permiten unha "correcta prestación" nas condicións da súa "infraestrutura loxística actual"

É o Tribunal de Instancia do Contencioso-Administrativo 2 de Pontevedra o que vén de comunicar ao 061 que se interpuxo un recurso e solicítalle "a remisión do expediente". Ese paso non implica a suspensión xudicial do concurso senón que é o propio 061 quen decide facelo. Así, vén de comunicar aos posibles ofertantes que "despois de terse iniciado o procedemento relativo á impugnación de determinadas características técnicas do Prego de Prescricións Técnicas, o órgano de contratación, aínda sen estar obrigado ao non terse ditado ningunha medida cautelar, considera preciso suspender o prazo de presentación de ofertas en tanto non se resolva o procedemento, a efectos de evitar prexuízos ou danos económicos maiores, no caso de que na sentenza se estime a pretensión da parte recorrente".

Suspensión do concurso dos helicópteros do 061 tras recibir un recurso contencioso-administrativo CC-BY-SA Praza Pública

O 061 argumenta que "a impugnación presentada, no caso de prosperar, non impediría que ningunha das empresas que estivesen en disposición de cumprir as características técnicas sinaladas [nos pregos] a día de hoxe puidesen presentarse, xa que o recurso pretende que se modifiquen as características sen ser menos restritivas que as que existen actualmente". Isto é, como o que se pide no recurso xudicial é que as condicións non sexan tan concretas, o que criticaban varias empresas, "no caso de que se admitise a pretensión da recorrente podería implicar unha maior concorrencia, nunca menor".

Á espera do que ocorra co recurso xudicial, e mentres o 061 non adxudique o novo contrato, o servizo segue sendo prestado pola empresa que resultou adxudicataria hai dous anos do anterior concurso, Eliance. Apenas un ano despois xa acumulaba 77 expedientes por incumprimentos, con helicópteros inoperativos durante días e mesmo semanas malia a súa obriga de substituílos en caso de avaría. 

Estudo realizado por unha posible empresa ofertante dos requisitos do concurso dos helicópteros que apunta a un modelo de Airbus como o único posible CC-BY-SA Xunta de Galicia

Ante os incumprimentos a Xunta decidiu rescindirlle o contrato, pero tardou un ano en convocar o novo concurso. O novo contrato mellorará as condicións do anterior con máis cartos, pasando de 4,3 a 7 millóns ao ano, e prevé que "tras un período de transición de 20 meses" a nova adxudicataria incorpore un helicóptero con capacidade para voar de noite e en condicións adversas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.