A número 2 de Sanidade revela as sancións xa impostas pola Xunta e ao mesmo tempo asegura que o contrato está tendo unha "correcta execución"
Hai menos dun ano que a Xunta asinou, o 20 de marzo de 2024, o último contrato de xestión dos dous helicópteros de urxencias sanitarias do 061, con bases en Santiago e Ourense. Nestes 11 meses, segundo admitiu este xoves o Goberno galego no Parlamento, a empresa, Eliance, xa recibiu 16 penalidades por outros tantos expedientes de incumprimentos xa resoltos. Así o indicou na Cámara a secretaria xeral da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, nunha intervención que leu en todo momento na que apenas contestou ao que se lle preguntaba e na que asegurou, malia as cifras que ela mesma estaba ofrecendo, que o contrato está tendo unha "correcta execución desde o inicio".

O servizo de urxencias sanitarias en helicóptero da Xunta, prestado a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061, vén rexistrando todo tipo de incumprimentos desde hai anos e con distintas empresas adxudicatarias. O último contrato foi formalizado o 20 de marzo de 2024 por 12,8 millóns de euros para 3 anos con Eliance, que xa viña prestando o servizo no contrato anterior.
Nestes apenas 11 meses de servizo a CIG e o BNG veñen denunciando sucesivos incumprimentos, lembrados este xoves no parlamento pola deputada nacionalista Montse Prado. Entre outros, que os aparatos non están a funcionar durante todas as horas de luz do día, entre o orto e o ocaso de cada momento do ano, como están obrigados desde 2019 tras revogarse o anterior recorte do servizo aprobado en 2014. Ou que durante as súas revisións técnicas a empresa non os substituíu por outros aparatos, deixando sen servizo a base de Santiago durante 8 días e a de Ourense durante 17, segundo as cifras ofrecidas por Prado.
As sancións xa impostas suman 145.000 euros e o total dos 77 expedientes abertos á empresa sumarían 337.000 euros, pero a Xunta defende a "correcta execución" do contrato
A responsable de Sanidade evitou responder a boa parte das preguntas do BNG limitándose a ler un documento que levaba escrito. Segundo dixo ata agora "se iniciaron un total de 77 expedientes para dirimir posibles incidencias na prestación deste servizo", dos que xa se resolveron 16 que supuxeron a imposición de penalidades á empresa por 145.008 euros. O total dos expedientes iniciados suporían penalidades por 337.094 euros.
Malia estes datos, Lobato asegurou que se está a producir unha "correcta execución" do contrato e que "en ningún caso se lle permiten á empresa adxudicataria os incumprimentos". Tamén asegurou que o tempo de resposta dos helicópteros pasou de 5,21 minutos en 2021 a 4,55 minutos en 2024.