Condenado o 'cártel do lume' estatal que se repartiu contratos tamén en Galicia

Sentenza da Audiencia Nacional que constata o reparto ilegal do mercado entre empresas de extinción de incendios CC-BY-SA Praza Pública

A Audiencia Nacional considera probado que varias empresas de extinción aérea de incendios "fixaron zonas de influencia de adxudicación de cada compañía", con Galicia para o Grupo Martínez Ridao

"Fixaron zonas de influencia e de adxudicación de cada compañía, de forma que se se convocaba un concurso nunha zona sobre a que unha empresa tiña xa contratadas aeronaves, sería esta empresa a que ofertaría en condicións de éxito". Así funcionaba o denominado cártel do lume, o reparto ilegal do mercado entre 1999 e 2018 que vén de ser condenado pola Audiencia Nacional e que acordaron a nivel estatal varias empresas de servizos de extinción aérea de incendios. 

Este reparto fixo que a "preferencia" en Galicia, Andalucía, Balears e Castela-A Mancha fose para o denominado Grupo Ridao. O conformado por Martínez Ridao Aviación SL e Servicios Aéreos Europeo y Tratamientos Agrícolas SL (Saeta).

Sentenza da Audiencia Nacional que condena o 'cártel do lume' CC-BY-SA Praza Pública

A sentenza da Audiencia Nacional, asinada o 2 de febreiro, non analiza ningún caso galego concreto, limitándose a constatar como feitos probados que en Galicia a "preferencia" de contratación dentro do cártel era para o Grupo Ridao. Empresas dese grupo resultaron adxudicatarias nos anos en cuestión de varios contratos da Xunta para extinción de incendios durante varias campañas.

Segundo as adxudicacións que se poden atopar no DOG, en 2001 unha unión temporal de empresas (UTE) entre Ángel Martínez Ridao e Saeta levou un contrato de preto dun millón de euros (daquela aínda en pesetas) para a extinción de incendios de varios anos con avións de carga en terra. En 2005 a mesma UTE levou outros dous contratos por 2,2 millóns, e o mesmo logrou en 2009 con outro contrato de 2,5 millóns. En 2011 foi Saeta, en UTE cunha terceira empresa, quen levou 500.000 euros. En 2013 foi Saeta en solitario quen se fixo cun contrato de 3 millóns. E en 2016 foi Martínez Ridao Aviación en solitario quen se adxudicou 200.000 euros.

As empresas sinaladas pola Audiencia Nacional como as que tiñan "preferencia" de adxudicación en Galicia levaron cando menos 10 millóns de euros en contratos coa Xunta durante case dúas décadas

En varias destas adxudicacións a empresa gañadora dos contratos foi a única que participou no concurso, mentres que noutros casos outras ofertas peor valoradas procederon doutras empresas que conformaban o cártel. Ademais, os contratos puideron ser prorrogados ou modificados á alza, polo que o importe que finalmente levaron esas empresas pode ser moi superior aos 10 millóns de euros iniciais que suman as anteditas adxudicacións.

Porén, ningunha destas adxudicacións en Galicia aparece analizada individualmente na sentenza da Audiencia Nacional, que se centra, no que respecta ás administracións, no papel de altos cargos da Generalitat Valenciana. En particular, en quen foi conselleiro alí con Francisco Camps e Alberto Fabra e despois delegado do Goberno de Mariano Rajoy, Serafín Castellano, condenado a un ano e 9 meses de cadea por suborno, prevaricación, malversación e falsidade en documento oficial.

Avións de carga en terra do Grupo Ridao nunha imaxe de arquivo da súa web © martinezridao.com

Ademais del, son condenados a seis meses de cadea outras 11 persoas, responsables das empresas implicadas, que reciben a "prohibición de contratar coas Administracións públicas durante nove meses", condena que afecta a Avialsa T35, Trabajos Aéreos Extremeños (Taexsa), Martínez Ridao Aviación SL, Servicios Aéreos Europeo y Tratamientos Agrícolas SL (Saeta), Trabajos Aéreos Espejo SL, Compañía de Extinción General de Incendios SA (Cegisa), INAER (posteriormente Babcok Mission Critical Services España y actualmente Avincis) e Fumigación Aérea Andaluza SA (Faasa, posteriormente Pegasu). 

Outra das empresas condenadas é Inaer -despois integrada en Babcock e agora Avincis-, firma de referencia da Xunta para os seus helicópteros como o Grupo Ridao o era para os avións con carga en terra

Desas empresas, ao igual que Martínez Ridao e Saeta nos avións de carga en terra, Inaer-Babcock-Avincis vén sendo a firma de referencia da Xunta para os servizos de helicópteros de extinción de incendios. En 2012 a Xunta adxudicoulle o servizo daquel ano non xa sen concurso público senón mesmo sen contrato, pero en 2018 o caso acabou arquivado porque o xuíz considerou que, malia ser ilegal, o daquela e durante dúas décadas máximo responsable da loita contra incendios, Tomás Fernández-Couto, non o fixera "por capricho".

Empresas participantes no 'cártel do lume', varias delas contratadas de xeito reiterado pola Xunta en procedementos nos que non houbo máis competencia CC-BY-SA Praza Pública

Avincis, herdeira de Inaer e Babcock, segue sendo quen opera os principais helicópteros da Xunta, entre eles os de salvamento marítimo. Faino nun mercado tan limitado que en 2013, en pleno funcionamento do cártel, cando se comezou a investigar tamén a adxudicación sen contrato do ano anterior por parte da Xunta, a empresa chegara a xustificar que non houbese outras empresas que puidesen levar os contratos que ela se adxudicaba de xeito reiterado. "Se non hai en España outra empresa que cumpra con determinados requisitos técnicos, non é problema de Inaer", respondía daquela unha portavoz da firma agora condenada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.