En 2005 Fraga mercou dous aparatos que en 2011 Feijóo decidiu vender para conseguir outros "máis modernos", pero seguiu alugando os mesmos á mesma empresa operadora, que agora os substituirá por outros de 2009 e 2010
Doce anos despois de que en 2011 Feijóo decidise vender os dous helicópteros de salvamento marítimo mercados por Fraga en 2005 para así facerse con outros "máis modernos e con máis prestacións" é aínda agora cando a Xunta concreta aquel anuncio.
A Consellería do Mar vén de rematar, tras a revisión e o visto e prace da documentación e á espera só de formalizar a adxudicación, o concurso público para renovar por outros catro anos, prorrogables un máis, a operación do servizo de rescate, que seguirá en mans da mesma empresa, Avincis, antes denominada Babcock e antes Inaer. Pero xa non empregará os dous Sikorsky de 2005 que en 2011 a Xunta vía "obsoletos" senón dous AugustaWestland fabricados en 2009 e 2010 con mellores prestacións e que agora tamén terán que colaborar cando a Xunta así o requira na loita contra os incendios forestais.
Foi tras o accidente do Prestige cando en 2005 a Xunta de Manuel Fraga mercou por 27 millóns de euros dous helicópteros Sikorsky S-76C+ para o servizo galego de Salvamento Marítimo. Os aparatos, Pesca 1 con base en Vigo e Pesca 2 en Celeiro, eran propiedade da Xunta pero esta subcontratou a súa operación e o seu persoal a unha empresa privada, Inaer, á que pagaba uns 7,5 millóns de euros ao ano. En 2011 o daquela presidente Feijóo anunciou a súa decisión de vendelos e pasar a subcontratar por completo todo o servizo, tamén os aparatos, para así aspirar a modelos alugados "máis modernos e con máis prestacións".
O Goberno galego chegou a presentar como "obsoletos" os helicópteros que quería vender nun procedemento que consistiu en que a empresa que prestase o servizo nos seguintes cinco anos continuase empregando os mesmos aparatos xa da súa propiedade. Despois deses cinco anos a Xunta quedaría libre de alugar outros aparatos mellores a outra empresa. Pero o que pasou foi que a mesma empresa, Inaer, despois mercada por Babcock e agora denominada Avincis, seguiu operando ata agora, alugándollos á Xunta, os mesmos dous helicópteros de 2005.
Naquel longo proceso de venda de 2011-2012, e tras varias modificacións irregulares do contrato constatadas polo Consello de Contas, o Goberno galego vendeulle a Inaer os dous aparatos por 13 millóns de euros, a metade do que custaran sete anos antes. Grazas a eses cartos obtidos da venda a Xunta logrou rebaixar o importe anual pola operación do servizo dos 7,5 millóns anteriores a 6,1 millóns.
En 2017, ao rematar o contrato no que a empresa tiña que manter os mesmos aparatos, o concurso convocado para renovar o servizo quedou inicialmente deserto e a Xunta, tras consultar a empresas do sector, tivo que aumentar o seu importe para que acabase igualmente en mans de Inaer, única concursante, que ese ano foi adquirida pola británica Babcock. E os helicópteros que ofertou e cos que seguiu a operar o servizo foron exactamente os mesmos dous que lle vendera a Xunta, en contra da suposta mellora que se obtería que defendera en 2011 o propio Feijóo.
Nese novo contrato o custo de operar o servizo, xa sen o desconto pola venda dos aparatos, aumentou a 8,25 millóns ao ano. E malia que ese seguinte contrato remataría en 2021, cando a Xunta podía convocar un novo concurso, nese ano decidiu prorrogar coa mesma empresa polo mesmo importe outros dous anos máis, ata o próximo 31 de outubro.
Hai dous anos Aviación Civil recomendou que a empresa "mellore a formación" dos seus pilotos logo de que o 'Pesca 1' case tivese un accidente na ría de Vigo
Durante ese último contrato que agora remata a Xunta, segundo o seu presidente Alfonso Rueda, impuxo á empresa, agora denominada Avincis, seis penalizacións por incumprimentos do servizo que sumaron 200.000 euros. Ademais, Aviación Civil recomendoulle que "mellore a formación" dos seus pilotos tras case chocar contra o mar na ría de Vigo en 2019 durante un voo nocturno de adestramento no que piloto e copiloto tiveron “un exceso de confianza nos automatismos”.
Avincis, herdeira de Babcock e Inaer, que controla o sector, presentou a única oferta, sen ningún tipo de rebaixa, no concurso para os próximos catro anos que agora vén de culminar
Agora, no novo concurso que vén de culminar, a Xunta esixiu que os aparatos a alugar durante os próximos anos fosen distintos, para o que fixou características técnicas que xa non podían ser cumpridas polos Sikorsky de 2005.
De feito, os pregos de condicións foron deseñados tendo en conta as prestacións e custo dos helicópteros AugustaWestland 139 que emprega o servizo de salvamento marítimo estatal (Sasemar), tamén subcontratado a Avincis. E ese modelo exacto, con aparatos fabricados en 2009 e 2010, foi o que ofreceu Avincis. Fíxoo cunha oferta na que non rebaixou nin un céntimo os 44,8 millóns de euros de fixados pola Xunta como gasto máximo en catro anos. E como foi a única empresa que se presentou ao concurso -algo habitual nun sector altamente especializado- ese é finalmente o importe da nova contratación ata 2027, que pode chegar aos 58 millóns se se conta tamén a posible prórroga dun ano máis e o posible aumento de horas de voo.
Así, e á marxe das diversas melloras no servizo que se foron implantando durante as dúas últimas décadas, ata 2012 subcontratar o salvamento marítimo cos helicópteros Sikorsky propiedade da Xunta supuña un custo duns 7,5 millóns de euros ao ano, que se baixou a 6,1 millóns ata 2017 grazas ao obtido pola venda dos aparatos e volveu aumentar a 8,25 millóns no último contrato para agora acadar os 11 millóns ao ano durante os próximos catro ou cinco anos.
O novo contrato engade ás misións a realizar pola adxudicataria a de colaborar contra o lume nos montes e esixe persoal con formación e habilitación nese eido
Ademais, o novo contrato tamén trae novidades canto ás "misións a realizar", agora tamén ampliadas á loita contra os incendios forestais. En anteriores concursos os pregos recollían un total de sete misións: salvamento en mar e terra, control pesqueiro e da contaminación, colaboración coas emerxencias sanitarias do 061, “outros voos de vixilancia e recoñecemento” ordenados pola Consellería do Mar, colaboración co servizo de salvamento marítimo estatal, colaboración con outros servizos das administracións e “outros servizos aéreos acordados pola Consellería do Mar”.
Pero o novo concurso que agora culmina engadiu expresamente un novo tipo de misións: “Colaborar e cooperar, en situacións excepcionais de emerxencia e así o considere a Consellería do mar, cos dispositivos aéreos despregados pola Xunta de Galicia na loita contra os incendios forestais”. Os pregos esixen que “un membro do persoal que adscriba a empresa adxudicataria a este contrato deberá contar coa habilitación e formación necesaria para desempeñar labores de coordinación de operacións na loita contra os incendios forestais desde o aire”, requisito que a Xunta permitirá que se comece a cumprir tres meses despois da sinatura do novo contrato, prevista para as próximas semanas.