No ano 2014 o Consello de Contas emitiu un crítico informe sobre a operación na que a Xunta vendera en 2012 os dous helicópteros de salvamento marítimo dos que dispuña por 13,5 millóns de euros -a metade do que custaran en 2005- a cambio de que a empresa adxudicataria da súa xestión, Inaer, operase con eles durante cinco anos máis. Segundo o ente fiscalizador o Goberno non fixo "ningún estudo" sobre a "repercusión" desta venda de patrimonio público, amparada daquela nunha aposta por rebaixar custos de mantemento. Unha desas repercusións non valoradas está xa ante a Xunta: aquel contrato de cinco anos está a piques de rematar e, malia poñer sobre a mesa 40 millóns de euros para un período de ata seis anos, non atopa empresa para volver adxudicalo. Tras fracasar no primeiro intento a Consellería do Mar lanza agora unha consulta dirixida ás empresas do sector para coñecer o "custo real" do servizo e tentar atinar á segunda.
O Goberno "considera necesario" facer unha consulta ás empresas para coñecer o "custo real" do servizo tras quedar deserta a contratación para a que ofrecía 40 millóns de euros
Como adiantou Praza.gal, á primeira convocatoria do concurso presentouse unha única empresa. Non foi Inaer -actualmente propiedade da multinacional británica Babcock-, senón a pequena compañía ferrolá Seprogal. Atendendo á documentación da licitación, esta empresa non cumpriu os requisitos de "capacidade, solvencia e habilitación" e por iso o departamento de Rosa Quintana tivo que deixala deserta. Ao día seguinte, o pasado 9 de xuño, a Consellería acolleuse á disposición dunha directiva da UE de 2014 sobre contratación pública que dá as Administracións a posibilidade de realizar "consultas de mercado" para "preparar" unha contratación "antes de iniciar" o procedemento e tamén "informar" as empresas do sector "sobre os seus plans".
Na propia convocatoria da consulta o Goberno galego evidencia que realiza este estudo do mercado empurrado polo fracaso do primeiro concurso, antes do cal non puxo en marcha consulta ningunha. "Como consecuencia" de ter que deixar deserto o proceso, a Consellería "pretende iniciar unha nova licitación" con "similares estipulacións técnicas", pero "agora" si "considera necesario" facer esta "sondaxe ao mercado" para "definir mellor o escenario". Nomeadamente, para determinar "mellor" os "aspectos económicos deste tipo de contratacións" mediante o manexo de "información sobre as estruturas de custos reais que supón a prestación do servizo" de salvamento marítimo con helicópteros tanto para operacións de rescate como de loita contra a contaminación.
A Consellería explica que "nestes momentos a Xunta non dispón de helicópteros en propiedade", pero obvia que si os tiña e os vendeu
Nesa documentación posta á disposición das empresas a Xunta explica que o Servizo de Gardacostas funciona ao abeiro dunha lei do ano 2004 e que atende emerxencias e tamén vixía diversos labores do mar, empregando para estes traballos "medios aéreos, marítimos e terrestres". "En canto aos medios aéreos -detalla- o servizo vénse prestando mediante dous helicópteros" e "nestes momentos a Xunta non dispón de helicópteros en propiedade para prestar este servizo, polo que é necesario contratar a dispoñibilidade destas dúas aeronaves", di o documento, obviando que non ten os aparellos -o Pesca 1 e o Pesca 2- porque os vendeu. "Ao carecer a Consellería destes medios", admite o documento, cómpre resolver o proceso antes do "próximo 31 de outubro de 2017", cando finaliza o contrato con Inaer. En caso contrario, non poderá "seguir prestando o servizo de salvamento marítimo "en "similares condicións técnicas".
O contrato con Inaer remata o 31 de outubro e cando se adxudicou non estaba prevista prórroga ningunha
As compañías interesadas en subministrar información á Xunta terán que cubrir un impreso no que indiquen o "custo real" dun helicóptero "con capacidade para resactar unha persoa situada nun buque ou no mar a unha distancia de 180 millas (...) dende a base de operacións", con capacidade para un "mínimo de 12 persoas" e unha autonomía mínima de 4 horas. Tamén terán que detallar o custo diario da tripulación -comandante, copiloto, rescatador e operador de grúa-, persoal "cualificado" do que a Xunta "non dispón", indica o documento, o que "obriga a Consellería do Mar a acudir reiteradamente á contratación externa de empresas debidamente autorizadas" tanto para operar os helicópteros como "tamén para o seu mantemento e reparación". A carencia de persoal foi, precisamente, o argumento principal para a primeira privatización do servizo, se ben o Goberno non adoptou decisión ningunha para dotarse del nestes anos.
Con esta consulta preliminar pola vía rápida -as empresas teñen sete días naturais para participar- o Goberno galego enfróntase a unha carreira contra o reloxo de pouco máis de tres meses xa que, no caso de chegar a outubro sen unha nova adxudicación, tería difícil acollerse á vía da prórroga do contrato, como vén facendo na última década nos tamén privatizados barcos de Gardacostas por 6 millóns ao ano, xa que na contratación que implicou a venda dos helicópteros indicara que "non se prevén prórrogas". Sobre este novo escenario paira a incógnita de se Inaer participará ou non nunha segunda licitación que, tras o resultado da primeira, cabe agardar que supoña un gasto maior aos devanditos 40 millóns de euros.