A Xunta culmina a privatización do salvamento marítimo por 30,8 millóns de euros

Helicóptero de Gardacostas de Galicia, operado por Inaer © Inaer

Foi obxecto dunha das liortas políticas de segunda fila na pasada lexislatura e apenas transcendeu alén dalgún debate da comisión de Pesca do Parlamento. Pero o pasado 9 de novembro, fíxose efectiva. Ese día a Consellería do Mar formalizou o contrato a través do cal privatiza o servizo que prestan os Gardacostas de Galicia a través dos seus dous helicópteros, cedidos en virtude deste mesmo contrato á empresa adxudicataria, Inaer Helicópteros Off-shore, a única que se presentou ao concurso e que xa traballou para a Xunta en anteriores ocasións.

O que para os grupos da oposición parlamentaria supuña "regalar" o patrimonio público concrétase nun desembolso de 30,8 millóns de euros por parte do Goberno galego, que deixa durante cinco anos nas mans da empresa privada non só as dúas aeronaves das que dispón, senón tamén o conxunto de "servizos de salvamento marítimo, prestado mediante helicópteros" que desenvolven dende as súas bases, ubicadas en Viveiro e en Vigo. Terán que facelo "en coordinación cos demais medios marítimos, aéreos ou terrestres á disposición ou en relación coa Xunta" e que, segundo os documentos da contratación, comprenden "salvamentos no mar e na terra", "voos de control pesqueiro, vixilancia do litoral e contrl da contaminación mariña" e "colaboración co 061 para o transporte de feridos, enfermos, e calquera tipo de accidentado".

A duración do contrato será de cinco anos

Ademais, e atendendo ao incluído no prego de condicións técnicas desta operación, Inaer tamén terá que acudir cos helicópteros da Xunta a "outros voos de vixilancia e recoñecemento, cando así o dispoña a Consellería do Mar", colaborará "co Servizo de Salvamento Marítimo" do Estado e con outras administracións. Do mesmo xeito, terá que realizar "outros servizos aéreos acordados" por Mar "sen que poidan existir máis limitacións ás actividades a realizar e ás circunstancias destas que as establecidas na lexislación en vigor".Todos estes labores faranos tanto na "franxa marítimo-terrestre" de Galicia como "en toda aquela outra zona e/ou lugar/ do territorio nacional e estranxeiro que indique" o departamento que dirixe Rosa Quintana.

Cadro de persoal e substitución de aeronaves

"Dada a variedade de misións e as necesidades de mantemento dos helicópteros e das bases", a Xunta asegura que a súa intención é "optimizar a xestión das persoas asignadas a este contrato" e por iso, ademais de realizar a pilotaxe dos helicópteros, "todo o persoal" vai efectuar tamén "traballos en terra de peracións, loxística e mantemento necesarios" que "derivan das operacións do Servizo de Gardacostas de Galicia". Este cadro de persoal estará formado por un "mínimo" de 18 pilotos, 9 "operadores de guindastre", 9 rescatadores, 10 técnicos de mantemento de aeronaves e un administrativo. Ademais dos requisitos específicos do traballo, como a formación aeronáutica e en actividades de rescate, ás tripulacións dos helicópteros esíxeselles "un alto coñecemento do idioma inglés" e "un algo coñecemento da lingua castelá". No contrato non figura mención ningunha ao galego.

A empresa só terá que achegar un helicóptero de substitución en paradas de "tres días ou máis"

Nestes documentos a Xunta marca tamén os supostos nos que a empresa adxudicataria terá que achegar un helicóptero de substitución. Isto só acontecerá cando unha das dúas aeronaves estea "fóra de servizo durante tres días ou máis", xa sexa a causa dunha parada "programada por mantemento" ou a causa dunha avaría. Nese caso, Inaer terá que poñer á disposición da xunta "un helicóptero para entrar inmediatamente en servizo" dende a base de Viveiro. Así as cousas, é posible manter todo o servizo de gardacostas cuberto por un só helicóptero durante dous días.

Rosa Quintana, con gardacostas en Celeiro © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.