0 Gardados para despois

A Xunta pon sobre a mesa 40 millóns para contratar helicópteros de salvamento tras vender os que tiña

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


En 2012 a Xunta vendeu os seus dous helicópteros de salvamento marítimo a cambio de que a empresa que os comprou, Inaer, a mesma que os xestionou sempre, os seguise operando en Galicia durante cinco anos. Rematado ese período, agora a Xunta acaba de convocar un novo concurso para renovar o servizo por un máximo de ata seis anos e 40 millóns de euros, pero xa sen a garantía de que os helicópteros que obteña sigan a ser os mesmos que eran da súa propiedade e que supostamente tiñan as mellores características posibles para a costa galega. Este novo concurso é un paso máis dun longo proceso no que o Consello de Contas detectou diversas irregularidades e do que criticou que a Xunta non fixese “ningún estudo sobre a repercusión da venta dos helicópteros” na contratación que agora se inicia.

O Consello de Contas censurou que non se fixese “ningún estudo sobre a repercusión da venta dos helicópteros” no prezo da contratación que agora se inicia

Logo da catástrofe do Prestige, a Xunta de Manuel Fraga iniciou un proceso de mellora dos daquela insuficientes medios de Gardacostas de Galicia, o corpo dependente da Consellería do Mar encargado da vixilancia pesqueira, o salvamento e a loita contra a contaminación en augas da comunidade. Do mesmo xeito que encargou a construción de dous buques cuxa xestión logo privatizou, o daquela conselleiro, Enrique López Veiga, mercou en 2005 en Estados Unidos por 27 millóns de euros dous helicópteros Sikorsky S-76C+ cunhas características que a Xunta publicitou como as máis acaidas ás costas galegas. Desde aquela eses dous helicópteros, cos nomes Pesca 1 e Pesca 2, están despregados respectivamente nas súas bases de Vigo e Celeiro, desde as que teñen salvado centos de vidas no mar.

Os helicópteros eran propiedade da Xunta, pero ante a carencia de persoal propio capacitado para operalos contratouse o seu mantemento e operación cun concurso público que levou Inaer, a empresa que nas últimas décadas obtivo a maioría dos contratos de xestión de aeronaves da Xunta (tamén as de emerxencias sanitarias ou loita contra os incendios). Adquirida agora por unha multinacional británica, Inaer chámase desde hai uns meses Babcock España.

Inaer, agora Babcock España, é a principal adxudicataria de aeronaves da Xunta

O proceso de xestión dos principais contratos de helicópteros da Xunta foi analizado polo Consello de Contas, o órgano fiscalizador das administracións galegas, nun crítico informe que fixo público a finais de 2014. Contas estudou nove contratos por importe de 63,8 millóns de euros, dos que sete, por 62 millóns, foron parar a Inaer, en solitario ou en sociedade con outras empresas, e en todos eles o ente fiscalizador atopou irregularidades. Ese informe de Contas permitiu impulsar unha investigación por prevaricación contra a Consellería do Medio Rural que segue aberta nun xulgado de Santiago.

No caso dos helicópteros de Gardacostas adquiridos en 2005 e cuxa xestión levou Inaer, Contas relatou que cando en xuño de 2009 rematou o primeiro contrato a Xunta “non planifica coa suficiente antelación” e tívolle que seguir pagando á empresa para evitar que o servizo se deixase de prestar ata que en marzo de 2010 realizou un novo concurso. Inaer volveu levar daquela ese segundo concurso de xestión dos aparatos por un importe de 15 millóns de euros durante dous anos, a 7,5 millóns ao ano. Pero en maio de 2011, cando aínda quedaban oito meses de contrato, a Xunta rescindiuno argumentando que era caro e que buscaría unha solución máis barata.

Contas acusou en 2014 á Xunta de “omitir os procedementos legalmente establecidos” e permitir que Inaer operase os helicópteros “sen a adecuada relación contractual”

Porén, malia ter o segundo contrato rescindido, Inaer seguiu prestando o servizo “sen a adecuada relación contractual”, di Contas, ata outubro de 2012, 17 meses despois, incluso máis alá do período inicialmente previsto no concurso orixinal. O ente fiscalizador considerou que esa actuación “desvirtúa as razóns alegadas pola consellería para proceder á resolución do contrato” e criticou que os pagos a Inaer durante eses 17 meses autorizounos o Goberno galego cun “trámite excepcional” aprobado en secreto no Consello da Xunta presidido polo propio presidente Feijóo “omitindo os procedementos legalmente establecidos”.

En outubro de 2012 o que fixo o Goberno galego foi vender os aparatos co argumento de que ían quedar vellos e canto máis tempo pasase máis valor perderían e máis custaría o seu mantemento. O procedemento elixido foi o de convocar un concurso urxente no que obrigaba á empresa á que lle vendía os helicópteros a seguir operándoos en Galicia durante cinco anos. E durante ese tempo a Xunta dedicaría o obtido pola venta dos aparatos a rebaixar a factura do seu mantemento. A Consellería de Facenda amosou dúbidas sobre a taxación inicial dos aparatos, pero a operación acabou producíndose e Inaer volveu ser a adxudicataria. Os aparatos que a Xunta comprara en 2005 por 27 millóns foron vendidos en 2012 pola metade, 13,5 millóns. E se o custo anual de operalos no contrato de 2009 era de 7,5 millóns ao ano, en 2012 subía a 8,9 millóns ao ano, pero a Xunta reducíao a 6,1 millóns grazas a pagalo en parte cos 13,5 millóns obtidos da venta dos aparatos. “Non consta ningún estudo sobre a repercusión da venta dos helicópteros no prezo das futuras contratacións”, sentenciara Contas daquela.

Os helicópteros que Gardacostas vendeu en 2012 a cambio de que seguisen en Galicia cinco anos xa poden irse

Agora, pasados cinco anos daquela operación, a Xunta volve convocar un novo concurso cambiando, como nas ocasións anteriores, as condicións económicas e técnicas de xeito que é difícil comparar conceptos entre os sucesivos procedementos de contratación máis alá das grandes cifras. E delas o que se sabe é que está disposta a pagar un máximo de 6,5 millóns ao ano durante un período de catro anos prorrogable a seis, o que supón un total de 40 millóns de euros. Porén, fronte aos concursos anteriores, o Goberno galego xa non ten aparatos en propiedade nin posibilidade de impor que os que comprou en 2005 e vendeu en 2012 sigan en Galicia, polo que queda nas mans do que as posibles empresas interesadas poidan ofrecerlle. Fontes do sector sinalan que Inaer-Babcock España, ao ter en propiedade os helicópteros que antes eran da Xunta, volve ser a mellor situada para levarse o novo concurso.

Noutras contratacións anteriores de loita contra incendios, o que sucedeu foi que os concursos iniciais quedaron desertos ou foron así declarados pola Xunta, que se viu obrigada a incrementar o importe que estaba disposta a pagar ou negociar a dedo coas empresas se non quería quedar sen o servizo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.