A planificación do servizo estatal ata 2024 prevé 173 millóns de investimento en renovar remolcadores, equipos electrónicos ou de loita contra a contaminación, adquiridos estes tras o afundimento de 2002 e “próximos ao fin da súa vida útil”
“A causa do accidente do Prestige, o servizo [de Salvamento Marítimo] ten a súa estrutura, medios e coñecementos moi centrados na loita contra as verteduras de hidrocarburos. Na actualidade, as verteduras de hidrocarburos están diminuíndo e no seu lugar aumentan outros riscos sobre os que se ten menos preparación: o transporte de substancias químicas, lixos mariños, incluso emisións procedentes de buques e cambio climático, o que require formación e investimentos para transformar o servizo a medio prazo”. Así analiza o plan estatal de Salvamento Marítimo para o período 2021-24 a situación actual e a evolución prevista para o servizo de cara aos vinte anos do afundimento do Prestige, accidente do que di que condicionou o deseño do servizo nestas dúas últimas décadas.
O novo plan, aprobado polo Consello de Ministros do pasado 7 de decembro e feito público días despois [aquí o PDF], prevé un investimento nos próximos tres anos de 173 millóns de euros para, entre outras cuestións, renovar remolcadores e outras embarcacións menores, equipos electrónicos e equipos de loita contra a contaminación, dos que di que no caso dos empregados para os hidrocarburos “atópanse próximos ao fin da súa vida útil”.
Os plans plurianuais do servizo estatal de Salvamento Marítimo sufriron unha revolución tras o afundimento do Prestige en novembro de 2002, do mesmo xeito que a nivel autonómico a Xunta tamén se dotou de máis medios marítimos e aéreos cos que complementar os dispositivos estatais. O accidente “demostrou”, di o novo plan estatal, que o documento que estaba en vigor naquel momento “non era suficiente para facer fronte a grandes catástrofes marítimas que supuxeran unha gran contaminación, o que motivou a elaboración dunha proposta de actualización”.
Como medidas máis urxentes adquiríronse catro buques polivalentes, ampliáronse os medios aéreos de detección de contaminación e creáronse novas bases loxísticas de loita contra a contaminación, entre elas unha en Vilar do Colo. E o seguinte plan multiplicou “case por sete” os investimentos do que había vixente no momento do accidente.
O plan sinala como ameazas a “crecente presenza de lixo mariño” e o “aumento de tonelaxe dos buques porta-contedores con variedade de cargas, moitas delas potencialmente perigosas”
Agora, a nova planificación plurianual parte dunha análise actualizada das debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades (DAFO) do servizo. No caso das ameazas, o documento sinala o aumento sostido das emerxencias de rescate de persoas, pero tamén a “crecente presenza de lixo mariño”, o “aumento de tonelaxe dos buques porta-contedores con variedade de cargas, moitas delas potencialmente perigosas” e unha “regulación en materia medioambiental cada vez máis esixente”. Nesa liña, o documento sinala a diminución das verteduras de hidrocarburos e o aumento do lixo e as emisións de gases e aposta por un reforzo do “control das emisións do tráfico marítimo” e “fomentar a vixilancia dos nosos mares como medida de prevención da contaminación mariña e impulso de novas capacidades de resposta ante os lixos mariños”.
Pola súa banda, no apartado de debilidades, o plan sinala que “os equipos de loita contra a contaminación (principalmente os relativos a hidrocarburos) atópanse próximos ao fin da súa vida útil”. Así que o plan di que “renovaranse de maneira paulatina os equipos de loita contra a contaminación de maior antigüidade”, “aumentarase a capacidade de resposta de determinadas unidades marítimas dotándoas de material anticontaminación específico de última xeración” e “valorarase o contar con unidades que teñan capacidade de recoller os lixos mariños, un reto cuxa importancia vai en aumento”.
Segundo o documento, o servizo estatal conta actualmente con 60 quilómetros de cercos de contención de hidrocarburos para portos, costa e alta mar, 17 campás de recolección, 46 separadores de hidrocarburos na superficie do mar ou 11 tanques de transferencia de hidrocarburo.
O documento identifica como unha debilidade do actual dispositivo "a existencia de barcos con máis de 25 anos, así como o aumento significativo da idade media do resto das unidades" e prevé a súa progresiva renovación
En liña co aumento sostido das emerxencias de rescate de persoas que se sinala no apartado de ameazas, o documento tamén advirte como debilidade a “falta de recursos humanos suficientes que permitan responder de forma sostida a tendencia á alza no número de rescates así como os novos retos e servizos prestados”.
Igualmente, tamén é unha debilidade “a existencia de unidades con máis de 25 anos, así como o aumento significativo da idade media do resto das unidades”, o que “conduce a que a operatividade da flota estea baixando e os custos de mantemento aumenten”. Nesa liña, o groso do investimento de 173 millóns previstos ata 2024 irá destinado á renovación da flota, con 65,4 millóns para remolcadores e algo máis de 30 millóns para o resto de embarcacións. Outros 30 millóns van para a renovación de equipos electrónicos dos Centros de Coordinación de Salvamento (CCS), 20 en todo o Estado dos que en Galicia hai varios, ligados aos portos de Vigo e A Coruña, así como en Fisterra, a cargo este último do denominado dispositivo de separación de tráfico que regula o paso de buques fronte ao cabo e que foi ampliado tras o Prestige.