Noia, de case 15.000 habitantes, ten desde hoxe como alcalde o socialista Francisco Pérez, logo de que saíse adiante a moción de censura presentada polo seu partido, PSdeG, xunto co apoio de Marea de Noia, BNG e un concelleiro tránsfuga do PP, Luís Alamancos, clave na mudanza política desta importante vila, un dos concellos máis poboados que gobernan os populares, que só teñen o bastón de mando dunha cidade, a de Ferrol.
Santiago Freire perde a alcaldía á que chegara en 2016 grazas a unha moción de censura apoiada polos dous edís do grupo independente
A moción contou co apoio de nove edís, polo que Santiago Freire, rexedor ata este luns, deixa así a alcaldía á que chegara por primeira vez en 2016. Fora grazas tamén a unha moción de censura presentada co apoio dos dous concelleiros do grupo independente NO.I.A., que alcanzara un acordo de goberno co PSdeG pero que cambiou de opinión para apoiar o rexedor popular, un pacto co PP que mantivo ata agora.
Desta vez, o PSdeG apóiase nun edil tránsfuga do PP que rachou cos seus antigos compañeiros tras unirse á oposición no rexeitamento das contas, solicitar o seu paso ao grupo de non adscritos e deixar en minoría a unión de populares e NO.I.A. no Concello. Outro cambio de alcaldía nas catro mocións de censura activadas este verán en Galicia tras unha sentenza xudicial que o mudou todo.
A clave está na publicación no BOE a mediados do pasado mes de xullo da sentenza que despenaliza os pactos con edís non adscritos ao eliminar da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG) a norma que permitía impedir sacar adiante unha moción de censura se dependía do voto dun tránsfuga ou dun edil do mesmo grupo do alcalde ou alcaldesa contra a que se presenta.
A sentenza do Constitucional é clave en Noia como o foi en Forcarei e o será en Touro ou Fisterra; desde que foi publicada houbo catro mocións de censura en Galicia
Iso foi o que facilitou que o PP volvese á alcaldía en Forcarei, que o vaia facer en Touro e que o popular Luís Manuel Insua se convirta en novo rexedor de Fisterra, pero tamén que o mesmo partido perdese este luns o bastón de mando en Noia. Catro mudanzas no que vai de verán.
Así, coa moción de Fisterra —que se debaterá o vindeiro 19 de agosto— serán cinco as alcaldías que o PP gañará a través dunha moción de censura desde que comezara este novo mandato municipal en 2023, ao engadirlle a desta localidade á de Outes, Viveiro e Forcarei (da pasada semana) e a de Touro, que está prevista que se debata mañá, 12 de agosto.
Porque ata a devandita sentenza do Constitucional, un concelleiro que tivese pertencido ao mesmo grupo político dun alcalde non podía virar en voto decisivo para botar adiante unha moción de censura na súa contra, xa que por cada edil tránsfuga que apoiase unha moción precisábase un apoio máis para conseguir así a maioría reforzada que permitise o cambio. Ese punto da LOREG vén de ser declarado inconstitucional, o que abriu a porta para varias mocións de censura en Galicia. O primeiro caso apoiado nesta mudanza legal foi a de Forcarei, a pasada semana, e os seguintes déronse hoxe en Noia e mañá, en Touro.
Neste mandato, o PP gañou cinco alcaldías grazas a mocións de censura, fronte ás dúas que acadou o PSdeG
Na súa intervención durante a moción, o xa ex-alcalde de Noia, Santiago Freire, acusou o edil non adscrito de "traizoar a confianza de quen lle deu a oportunidade", mentres o aludido acusouno de mostrarlle "como non se debe facer política". Antes, o xa alcalde, Francisco Pérez, defendeu a Alamancos asegurando que "a culpa" da moción "ten nome" e é o de Freire "porque non sabe xestionar a vila". No novo goberno local socialista entrará a Marea Cidadá pero non o BNG.
O cambio de cor política en Fisterra, Noia, Touro e Forcarei súmase aos producidos noutros sete concellos galegos dende as eleccións municipais de 2023. En catro deles foron a través de mocións de censura (O Irixo, Muxía, Outes e Viveiro) e no Valadouro, Mondariz e Cambre foi por dimisión do alcalde ou alcaldesa, que por falta de confianza do pleno municipal, cedeu o bastón de mando a outra formación política.
En total, son arredor de 90.000 os galegos e galegas que estarán gobernados nos vindeiros días nos seus concellos por un rexedor dunha formación distinta á que foi elixida inicialmente nos plenos de investidura celebrados despois dos comicios de maio de 2023.
O PP é o partido máis beneficiado por estes cambios, pois gañou oito alcaldías, algunhas tan importantes coma as de Cambre e Viveiro, aínda que tamén perdeu a do Irixo, que obtivera inicialmente, e a de Noia, unha vila clave non só pola súa importancia e número de habitantes, senón tamén polo que supón nun futuro para a batalla pola Deputación. Agora, ademais, os populares prevén gañar Fisterra.