Vinte e dous anos despois, o PP volve á alcaldía de Viveiro. A xa nova rexedora, Mariña Gueimunde, saíu elixida logo de que o seu partido e os dous concelleiros do grupo independente Por Viveiro apoiasen a moción de censura debatida este venres no pleno municipal, que saíu adiante con nove votos a favor e oito en contra.
Gueimunde, nova alcaldesa, denunciou o "descontrol absoluto, improvisación constante e bicefalia" no goberno local saínte
Confirmouse así o pacto que ambas formacións acordaron hai case un mes para facer alcaldesa a portavoz popular na localidade e actual directora territorial de Mar da Xunta. O resultado da moción de censura supón así a marcha da alcaldía de María Loureiro, que gobernaba en minoría co BNG e que levaba doce anos como rexedora nunha localidade onde nas últimas eleccións municipais o PP foi a lista máis votada, con 7 edís, por diante dos 5 do PSdeG, os 3 do BNG e os 2 de Por Viveiro.
Durante o pleno, Gueimunde denunciou o "descontrol absoluto, improvisación constante e bicefalia" no goberno local, o que na súa opinión fixo "moito dano" ao municipio polas "divisións e falta de empatía". "Cando as cousas non se fan ben, hai que cambiar porque Viveiro está por riba de calquera ideoloxía", insistiu nunha intervención en castelán na que aspirou a que a vila "volva ser referente".
A alcaldesa saínte, María Loureiro, pola súa banda, dixo "discrepar" da moción de censura pero tamén que non abriría "un debate de reproches" tras "semanas" de "confusión e inestabilidade". Así, desexou boa sorte á nova rexedora porque "os seus logros serán os de Viveiro".
O BNG cargou con dureza contra os independentes de Por Viveiro, aos que cualificou de "oportunistas" e de tramar co PP "un plan orquestrado", coa Xunta como "cooperador necesario"
Quen si foi moi crítica foi a portavoz do BNG, Miriam Bermúdez, que se preguntou "como non vai haber indignación coa política" cando se asiste a "chanchullos e mercadeos para lograr o poder" e "traizoar" os votantes, como, segundo di, aconteceu en Viveiro nos últimos meses.
As críticas foron moi duras cara a Por Viveiro e os seus dous edís, aos que acusou, sen citalos, de "poñer os seus intereses" por riba de todo a través dun "plan orquestrado hai meses" co PP do que advertiu diferentes fases. Unha, denunciou, na que "o típico oportunista decide apoiar un goberno para logo boicotealo durante dous anos". E logo outra na que se intenta un cambio de goberno "na metade do mandato para que o novo executivo poida beneficiarse das accións realizadas". Todo, engadiu, cun "cooperador necesario": "A Xunta, que freou deliberadamente o investimento durante anos para logo aparecer como salvadores".
"PP e Por Viveiro quedan retratados e os viveirenses toman boa nota", insistiu Bermúdez, que pediu "unha profunda reflexión sobre o circo montado" no Concello con "baixezas e malas artes" e chamou a un cambio.
Bernardo Fraga, de Por Viveiro, ameaza con tomar "medidas xudiciais" contra o PSdeG, que acusa o PP de "compra de vontades" e "política caciquil"
Non obviou a resposta Bernardo Fraga, portavoz de Por Viveiro, que dixo que non aceptaría "nin un dó reproche" do PSdeG, ao que esixiu "rectificación pública" tras unhas declaracións do portavoz da Executiva dos socialistas galegos, Julio Torrado, e do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, nos que, dixo, se insinuaba que o cambio no goberno fora a cambio de "prebendas ou cartos". "É unha forma de facer política desesperada, rastreira e miserable", insistiu, tras ameazar con "todas as medidas xudiciais pertinentes" se os socialistas non retiran as palabras.
"Só queda unha pregunta por facer e só queda un dato por coñecer: cando hai alguén que compra e alguén que vende, o único que falta é saber é canto", dixera Julio Torrado. Este venres, a deputada Lara Méndez cargou contra a "compra de vontades" do PP, ao que acusou de "política caciquil".
Fraga xustificou o seu apoio ao PP na "decadencia e mala xestión municipal", pero tamén porque "o PSOE abandonou a María Loureiro". "A Deputación de Lugo dirixe os seus investimentos cara ao sur e outros concellos", denunciou, ademais de sinalar a "nula autocrítica" do goberno local bipartito e verter duras críticas ao BNG.
Porque a clave desta mudanza á fronte de Viveiro está na decisión dos dous edís de Por Viveiro, formación liderada por Bernardo Fraga, ex-concelleiro do BNG. El e Manuel Galdo, o número dous da lista, asinaron o pasado mes de febreiro un acordo co PP que incluía o apoio a esta moción de censura para un cambio de goberno no que non entrará o grupo independente.
PP e Por Viveiro pactaron unha moción de censura nun acordo que inclúe investimentos por 6 millóns de euros apoiados pola Xunta
Este pacto inclúe investimentos de arredor de 6 millóns de euros que contarían co aval da Xunta, como a licitación do proxecto da variante (incluída na VAC Costa Norte) para este ano. Ademais, o compromiso incluiría a aprobación do PXOM, a procura de apoio das administracións para axudar a financiar o Conservatorio de Música, un plan de captación de empresas, melloras nos recintos deportivos, a mellora da fachada marítima, a reparación do paseo marítimo ou un plan de captación de empresas.
Por Viveiro aprobou a investidura da socialista María Loureiro como alcaldesa coa condición do cumprimento dunha serie de proxectos e investimentos e advertía da posibilidade de facer caer o goberno aos dous anos se non se producían os avances necesarios. Xa durante este tempo, a formación independente tombou varios acordos dos partidos do goberno local.
A comezos de decembro de 2024, Por Viveiro anunciaba que retiraba o apoio político ao executivo municipal polo incumprimento "total" do acordo de investidura. Propoñía, ademais, un goberno de concentración no que se incluísen todos os partidos con representación no pleno e cunha alcaldía elixida por consenso ante o que consideraba unha situación de parálise en Viveiro pola falta de impulso e planificación urbanística e de infraestruturas.
Malia os intentos por manter o goberno de esquerdas, as conversas entre PSdeG e Por Viveiro non chegaron a bo porto. A alcaldesa defendeu varias actuacións en colaboración coa Deputación de Lugo ou proxectos como a rexeneración da praia de Covas, impulsado polo Goberno de España, sen conseguir que a formación independente mudase a súa opinión.

Por Viveiro, formación creada en 2019 tras a marcha de Bernardo Fraga do BNG, dará agora á alcaldía ao PP, que non gobernaba na localidade desde 2003. Naquel ano, o PSdeG pactou co BNG e EU para facer alcalde o socialista Melchor Roel, que se mantivo na alcaldía ata 2013, cando faleceu por mor dun cancro de pulmón.
Roel sucedera á fronte do Concello ao popular César Aja, alcalde de Viveiro durante dúas décadas, ademais de deputado no Congreso, senador ou máximo responsable de Tragsa en Galicia.
O PP volve así á alcaldía do municipio máis poboado da Mariña e o terceiro de toda a provincia de Lugo, con máis de 15.000 habitantes. Unha peza clave, tamén, para que os populares sigan gañando posicións nunha das súas grandes batallas de cara aos próximos comicios locais: a Deputación.