Vinte e dous anos despois, o PP volve á alcaldía de Viveiro e farao a través dunha moción de censura que impulsará xunto ao grupo independente Por Viveiro. Así o acordaron este mércores as dúas formacións, que unirán os seus votos para facer alcaldesa a Mariña Gueimunde, portavoz popular na localidade e actual directora territorial de Mar da Xunta.
A próxima moción de censura retirará da alcaldía a María Loureiro, que goberna en minoría co BNG e que leva doce anos como rexedora nunha localidade onde nas últimas eleccións municipais o PP foi a lista máis votada, con 7 edís, por diante dos 5 do PSdeG, os 3 do BNG e os 2 de Por Viveiro.

Precisamente, a clave está na decisión dos dous edís de Por Viveiro, formación liderada por Bernardo Fraga, ex-concelleiro do BNG. El e Manuel Galdo, o número dous da lista, asinaron este mércores un acordo co PP xa avanzado desde hai días e que inclúe o compromiso a esta moción de censura para un cambio de goberno no que non entrará o grupo independente.
PP e Por Viveiro pactan unha moción de censura nun acordo que inclúe investimentos por 6 millóns de euros apoiados pola Xunta
Este pacto inclúe investimentos de arredor de 6 millóns de euros que contarían co aval da Xunta, como a licitación do proxecto da variante (incluída na VAC Costa Norte) para este ano. Ademais, o compromiso incluiría a aprobación do PXOM, a procura de apoio das administracións para axudar a financiar o Conservatorio de Música, un plan de captación de empresas, melloras nos recintos deportivos, a mellora da fachada marítima, a reparación do paseo marítimo ou un plan de captación de empresas.
Por Viveiro aprobou a investidura da socialista María Loureiro como alcaldesa coa condición do cumprimento dunha serie de proxectos e investimentos e advertía da posibilidade de facer caer o goberno aos dous anos se non se producían os avances necesarios. Xa durante este tempo, a formación independente tombou varios acordos dos partidos do goberno local.
A comezos de decembro de 2024, Por Viveiro anunciaba que retiraba o apoio político ao executivo municipal polo incumprimento "total" do acordo de investidura. Propoñía, ademais, un goberno de concentración no que se incluísen todos os partidos con representación no pleno e cunha alcaldía elixida por consenso ante o que consideraba unha situación de parálise en Viveiro pola falta de impulso e planificación urbanística e de infraestruturas.
Malia os intentos por manter o goberno de esquerdas, as conversas entre PSdeG e Por Viveiro non chegaron a bo porto. A alcaldesa defendeu varias actuacións en colaboración coa Deputación de Lugo ou proxectos como a rexeneración da praia de Covas, impulsado polo Goberno de España, sen conseguir que a formación independente mudase a súa opinión.
Por Viveiro, impulsado en 2019 tras a marcha de Fraga do BNG, dá a alcaldía ao PP, que non gobernaba na localidade desde 2003
Por Viveiro, formación creada en 2019 tras a marcha de Bernardo Fraga do BNG, dará agora á alcaldía ao PP, que non gobernaba na localidade desde 2003. Naquel ano, o PSdeG pactou co BNG e EU para facer alcalde o socialista Melchor Roel, que se mantivo na alcaldía ata 2013, cando faleceu por mor dun cancro de pulmón.
Roel sucedera á fronte do Concello ao popular César Aja, alcalde de Viveiro durante dúas décadas, ademais de deputado no Congreso, senador ou máximo responsable de Tragsa en Galicia.
O PP volve así á alcaldía do municipio máis poboado da Mariña e o terceiro de toda a provincia de Lugo, con máis de 15.000 habitantes. Unha peza clave, tamén, para que os populares sigan gañando posicións nunha das súas grandes batallas de cara aos próximos comicios locais: a Deputación.
O PP tamén accederá á alcaldía de Outes a través dunha moción de censura, desta vez apoiándose no único edil socialista
Tras as últimas eleccións municipais en maio de 2023, a esquerda retivo o goberno provincial en Lugo logo dun resultado moi apertado e que mantivo en vilo a todos os partidos ata a madrugada da noite electoral.
Pola outra banda, o PSOE local ve como o evidente desgaste sufrido nos últimos anos acaba por desbancalo do poder local nunha vila clave a nivel provincial. De feito, e tras dúas eleccións sendo a lista máis votada, nos comicios de 2023 o PP superou en votos e representantes a que encabezaba María Loureiro, que leva 18 anos na corporación e que perdeu case a metade dos sufraxios nos comicios. Tamén moitos apoios a nivel interno.
O PP accederá á alcaldía cunha moción de censura, ao igual que fará en Outes, onde a presentou xunto ao único concelleiro do PSOE, tras abandonar o goberno municipal que encabezaba Manuel González (Compromiso por Outes) xunto co BNG. O pleno para o debate desta moción será o vindeiro 25 de febreiro.