Rueda esgrime a fin da parálise da vivenda ante Pontón, que esixe "non xogar coa ilusión da xente"

Alfonso Rueda e Ana Pontón, este mércores durante a sesión de control no Parlamento CC-BY-SA David Cabezón / Xunta | BNG

A líder do BNG e o presidente fan confrontar a conxelación da política de vivenda pública en década e media cos actuais plans nos que o Goberno galego cifra en case 3.000 os pisos en marcha

O Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida da Xunta achégase ás 23.000 solicitudes pendentes, un récord. Nos últimos meses esas peticións véñense disparando -ata un 30% na Galicia urbana en menos dun ano- en paralelo aos anuncios de nova vivenda pública por parte do Goberno galego, que nun informe recente cifra en 2.943 os pisos que ten "en diferentes fases de tramitación e execución". Unha suma practicamente equivalente ao total de vivendas protexidas entregadas no noso país -tanto de promoción pública como privada- nos últimos quince anos.

Esas dúas realidades, a da práctica paralización da política pública de vivenda durante as lexislaturas de Alberto Núñez Feijóo na presidencia -nos peores anos da gran recesión, pero tamén nos posteriores- e os plans actualmente en marcha foron confrontadas este mércores na sesión de control ao presidente da Xunta. Alfonso Rueda esgrime a fin desa parálise ante Ana Pontón, que atendendo aos datos oficiais no que vai de lexislatura ve como un "engano" a posibilidade de chegar, como promete o Goberno, á fin da lexislatura en 2028 con "4.000 novas vivendas de promoción pública". "Non xogue coas ilusións da xente", esixe.

Fragmentos do debate de Pontón e Rueda sobre vivenda, este 3 de decembro na sesión de control CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal institucional Parlamento

"Sabe que en 2028 non vai haber construídas 4.000 novas vivendas, fixeron da mentira a súa forma de Goberno", reprochou a portavoz nacional do BNG. "Eu anuncieinas, efectivamente, e me di un ano despois que onde están? En construción", retrucou Rueda, quen augura que a Pontón a "vai amolar que estean construídas" mesmo "en concellos do BNG que están colaborando" con cesións de terreos. "Xa o ano que vén vouna convidar cando entreguemos as primeiras en Pontevedra, a ver se vén", reta.

"Non vai haber 4.000 novas vivendas en tres anos", mantén Pontón. "Están construíndose", reitera Rueda

"Non levan dous anos gobernando, levan 16 dinamitando a política social de vivenda e por iso estamos como estamos", replicou Pontón, disposta a atender o "convite" presidencial non só a Pontevedra, senón "a cada unha desas construcións". "Non vai haber 4.000 novas vivendas en tres anos, porque xa case leva media lexislatura" e no que vai de 2025 "fixéronse 47" pisos de promoción pública, advirte en referencia aos datos oficiais do Ministerio de Vivenda para Galicia.

"Están construíndose", reitera o presidente, que insta a Pontón a ter en conta que "hai unha cousa que se chama facer unha obra". "Vostede cre que a política é máxica porque en tantos anos na oposición, esas cousas se poden chegar a pensar", mantén nun contexto no que a líder soberanista lle reclama que "sexa serio", "non xogue coas ilusións" das persoas anotadas no Rexistro de Demandantes de Vivenda e asuma o plan que propón o Bloque para mercar vivendas xa construídas e destinalas a alugueiro: "En cinco anos, 4.000 vivendas", reclama.

O que din os datos

Os datos citados por Pontón na sesión de control son os da base oficial do Ministerio de Vivenda e os devanditos 47 pisos son o que, de xaneiro a xuño deste ano -ata onde chega a estatística polo momento-, recibiron cualificación definitiva como vivenda protexida de promoción pública en Galicia. Unidos a tres de promoción privada, dan unha suma total de 50.

No primeiro semestre de 2025 quedaron rematadas 50 vivendas protexidas en Galicia e iniciáronse 314, a maioría de promoción pública

Nese primeiro semestre de 2025 a mesma estatística oficial reflicte 314 cualificacións provisionais de vivendas protexidas en territorio galego, isto é, algo máis de trescentos pisos protexidos iniciados ata a metade do ano. A maioría, 217, eran de promoción pública, e os restantes 97 de promoción privada.

Mesmo cos datos da metade do ano, o número de vivendas protexidas iniciadas en Galicia sería o máis alto dende 2020. Previsiblemente, finalizará o exercicio coa cifra máis avultada en década e media: a Consellería de Vivenda reitera que as que está a tramitar roldan xa as 3.000. Seguirá, non obstante, lonxe dos números do Goberno de coalición de PSdeG e BNG e das lexislaturas de Fraga, cando se chegaron a superar as 4.000 vivendas protexidas iniciadas non nunha lexislatura, senón nun só ano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.