A inscrición no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda Protexida é un requisito imprescindible para poder optar a un piso con algún réxime de protección en Galicia. Fundamentalmente, para poñerse en lista de espera das vivendas promovidas pola Xunta ou cualificadas como protexidas polo Goberno galego, ao que corresponden fundamentalmente as competencias nesta materia no noso país aínda que outras Administracións, coma os concellos, tamén teñan a posibilidade de intervir neste ámbito.
Os sucesivos anuncios de novas promocións de vivenda pública ou con algún réxime de protección disparan por riba das 22.000 as inscricións no Rexistro de Demandantes, un incremento dun 30% en apenas un ano
A fórmula do Rexistro Único foi creada pola Consellería de Vivenda do Goberno de coalición PSdeG-BNG, que dirixía Teresa Táboas. Tras retornar ao poder en 2009, o PP modificou algunhas das súas condicións -adiantando a caducidade das solicitudes de catro a tres anos, por exemplo-, pero seguiu servindo como radiografía da demanda de vivenda protexida.
Durante década e media, anotarse neste Rexistro tivo un aquel de carta aos Reis Magos. A práctica ausencia de novas vivendas protexidas en xeral e de promoción pública en particular tras o estourido da gran recesión e durante os sucesivos gobernos do PP de Alberto Núñez Feijóo converteu en remota a posibilidade de que inscribirse no Rexistro implicase acabar recibindo a adxudicación dunha vivenda. Pero os sucesivos anuncios, agora si, de novas promocións de vivenda pública e protexida están a disparar a demanda ata chegar a un novo récord, con máis de 22.000 solicitudes no momento de redactar esta información.
Como é sabido, á calor dos fondos europeos de recuperación, pero tamén ante a crecente demanda cidadá -e asemade coa vontade de arrebatar bandeiras electorais á esquerda-, o actual Goberno galego leva lanzado máis vivenda pública nun ano que con Feijóo nunha década. No marco da promesa xeral de "duplicar o parque público de vivenda nesta lexislatura", a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, subliñaba esta semana na Coruña -durante a sinatura dun acordo co Concello, que cede á Xunta catro parcelas para construír "un cento de vivendas públicas- que "xa hai máis de 2.200 en diferentes fases de execución". Para cumprir o obxectivo terán que ser 4.000 en 2028.
Promesas como a de 4.000 pisos públicos nesta lexislatura, lanzada pola Xunta, actos como a cesión esta semana de novas parcelas para construílos na Coruña ou anuncios coma o da ministra de Vivenda sobre a compostelá Operación Peleteiro animan a demanda cidadá en plena escalada de prezos
Actos coma este da Coruña están a animar a demanda. Como tamén o fixo, por exemplo, a visita a Santiago da ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez, anunciando esta semana canda a alcaldesa Goretti Sanmartín que "todas" as vivendas que se constrúan no marco da operación Peleteiro -a céntrica parcela no Ensanche que albergou o colexio privado, abandonada hai máis dunha década- "serán 100% accesibles" porque "todo o que se promova sobre solo público ten que ser 100% accesible e protexido de por vida". Ou que cidades como Lugo reciban anuncios de novas vivendas protexidas por primeira vez dende a fin do Goberno de PSdeG e BNG.
A esperanza cidadá en recibir un piso protexido mentres os prezos do mercado privado -quer en propiedade, quer en alugueiro- aumenta e a súa tradución no Rexistro dispárase. Así, as 22.331 solicitudes que constaban nel este 20 de xuño (os datos actualízanse continuamente e Vivenda non divulga series estatísticas normalizadas ao respecto) son un 17% máis que as que constaban o pasado febreiro e supoñen un aumento na contorna do 30% a respecto de hai apenas un ano, segundo as cifras que puido recompilar Praza.gal da base de datos oficial.
Coas cifras de solicitudes disparadas, o que non varía en exceso é a procedencia de gran parte delas. O concello que máis acumula, con algo máis dun 30% do total, é a cidade máis poboada do país. En Vigo hai na actualidade 6.988 solicitudes de vivenda protexida, un 20% máis que hai apenas oito meses -a mediados de outubro, última extracción de datos a nivel municipal realizada por este xornal-. A continuación sitúase A Coruña, con 3.057 peticións, unha suba superior ao 20% dende outubro. Entre as dúas cidades con máis poboación xuntan case a metade das solicitudes de toda Galicia.
Vigo e A Coruña aglutinan case a metade das peticións de vivenda protexida en Galicia. Os novos pisos previstos pola Xunta ata 2028 apenas cobren o 18% da demanda total
Aínda que con cifras menos avultadas, tamén resultan significativas as máis de 1.635 solicitudes activas en Lugo, un 35% máis que en outubro do ano pasado nunha cidade na que a última promoción de vivendas protexidas entregadas databa dunha decisión do Goberno de coalición en decembro de 2007. Agora Vivenda di prever unhas 400 novas, entre as que xa tramita e as que di prever tramitar en breve.
Pontevedra e Santiago, con máis de 1.500 peticións; ou Ourense e Ferrol, con máis de medio milleiro, destacan tamén nun rexistro de demandantes de vivenda protexida na que tamén son relevantes os números de vilas próximas ás principais cidades. É o caso de Mos (341), Vilagarcía (322), Oleiros (286), Narón (217), O Porriño (197) ou Ames (181). En vilas coma estas, precisamente, os datos oficiais veñen acreditando que rexistran subas dos prezos do alugueiro a un ritmo mesmo máis acelerado que os de cadansúas cidades de referencia.
Todos estes números conforman un cadro xeral no que, non obstante, o cambio de rumbo na política de vivenda por parte das Administracións en xeral de da Xunta en particular non implica a desaparición do lastre de década e media de parálise. Así, por exemplo, as 2.200 novas vivendas públicas que a Consellería sinala que xa ten en diferentes fases de tramitación apenas cobren o 10% da demanda e as 4.000 novas que a Xunta di prever ter dispoñibles contra o remate da lexislatura equivalen a algo menos do 18% das peticións inscritas actualmente no Rexistro.