O proxecto estrela da Xunta para vivenda social vai camiño de fracasar antes tan sequera de poñer a primeira pedra. 224 familias que aspiraban a cadanseus 224 pisos en alugueiro social, rendas asumibles e razoables cotas estoupan logo de case dous anos de dúbidas, cambio de condicións, atrasos e falta de información que "poñen e risco" o seu futuro.
As persoas socias da cooperativa á que a Xunta cedeu parcelas para 224 pisos de alugueiro social din sentirse "desamparadas" ante a demora e a "dubidosa xestión" do proxecto
Os socios e socias da cooperativa Galivivienda, a quen a Xunta adxudicou no verán de 2023 varias parcelas de terreos públicos para a construción desas 224 vivendas no barrio coruñés de Xuxán, din agora sentirse "desamparados" ante a falta de financiamento, demoras e os continuos vaivéns nos plans económicos, que chegaron a impoñer cotas de ata 1.000 euros ao mes durante dez anos para unha promoción que presumía de ofrecer unha "renda moderada e estable no tempo".
Nun comunicado, os e as cooperativistas amosan o seu fastío e sinalan a Consellería de Vivenda pola súa "inacción na supervisión do proxecto" e por "eludir" as súas "responsabilidades" ante o que cualifican como "dubidosa xestión" por parte de Galivivienda. As familias afectadas amosan, sobre todo, a súa decepción coa intervención que a conselleira María Martínez Allegue fixo sobre este conflito o pasado mércores no Parlamento, e acúsana de "defender" a entidade encargada de xestión e non as persoas afectadas.

Naquela intervención, Allegue aludiu ás "modificacións no préstamo que o Ministerio de VIvenda conveniou co ICO" como a razón para que lles fose esixida aos cooperativistas unha cota "que desvirtuaría o carácter social das vivendas protexidas", cando tanto o ICO como a propia Galivivienda xa aclararan que o cambio nas condicións nada tivera que ver cos requisitos do organismo estatal. Ademais, obviou calquera crítica ou demanda á cooperativa, o que indignou aínda máis ás súas persoas socias.
"O problema de financiamento segue onde estaba hai un ano; non hai ningunha proposta real sobre a mesa", denuncian os cooperativistas
No comunicado, lembran que mentres o ICO advertía de que "non había acordo ningún" con Galivivienda ou da falta de documentación, o xerente da cooperativa aseguraba que o Instituto de Crédito Oficial estaba "desexoso de financiar proxectos" coma o de Xuxán ou que algún dos problemas denunciados era "inventado". "Unha nova estratexia comercial para intentar facer crer a socios, medios e cidadanía que o problema está solucionado cando, en realidade, o problema do financiamento segue exactamente no mesmo punto desde hai máis dun ano", explican.
"Non hai ningunha proposta real sobre a mesa", engaden, ao tempo que lembran que xa están a pagar "a perda de anos de habitabilidade", ao contar os 50 anos de cesión das parcelas desde a súa adxudicación, hai dous. "O que levamos sufrindo este tipo de declaracións e publicidade desde hai máis dun ano supoñiamos que isto ía suceder e non nos colle de sorpresa, pero parece que á Consellería de Vivenda si a convenceu este discurso", quéixanse.
"Malia as probas que presentamos ante a dubidosa xestión feita ata o momento pola xestora, a Consellería decidiu colocar a Galivivienda como un afectado máis nesta situación", denuncian os e as cooperativistas, que amosan a súa "mais profunda tristeza e decepción" e "desamparo" despois de "escoitar a intervención da conselleira no pleno".

Na nota, aseguran que entre a reunión mantida coa conselleira e o director xeral do Instituto Galega de Vivenda e Solo (IGVS) o pasado 13 de maio e a intervención no Parlamento o 21 "houbo un cambio total de discurso". "Esqueceu a comprensión e apoio que nos amosou, así como o recoñecemento da dubidosa xestión da xestora", acusan, tras lembrar que a conselleira puido comprobar de primeira man "feitos e situacións que rozan o surrealismo e a falta de empatía por parte dos xestores".
"A Consellería decidiu colocar a Galivivienda como un afectado máis, defendela e esquecer o apoio e comprensión que nos amosara"
"E cousas peores nas que non entraremos de momento", advirten, tras acusar a Martínez Allegue de "pasar ao discurso de defensa total da xestora, poñéndoa como vítima".
"Daquela, nós que somos? os 'boicoteadores', como nos cualificou Rafael Román, un dos xerentes?", pregúntanse para logo responder. "Nós somos as familias en situación de vulnerabilidade para acceder a unha vivenda, as que nos ilusionamos co proxecto e decidimos sacar aforros de onde non temos ou pedir cartos para poder acceder; nós e os que son coma nós deberíamos ser os destinatarios deste tipo de proxectos sociais", engaden, tras alertar de que a situación está a "poñer en risco" o seu "futuro".
As persoas afectadas lembran que nas reunións mantidas co Concello da Coruña, o BNG, o PP, o IGVS a Consellería ou o Ministerio de Vivenda, "todos amosaron comprensión, apoio e mesmo cariño". "Pareceunos que percibían claramente onde fallaba este proxecto, sobre todo cando hai outra cooperativa no mesmo barrio con condicións totalmente diferentes, infinitamente máis razoables e que parece funcionar con éxito", din en referencia ao proxecto d'A Luzada.
Para eles, as palabras da conselleira no Parlamento son "un claro intento de eludir a responsabilidade" da Consellería e do IGVS pola súa "inacción na supervisión que debería ter levado a cabo con este proxecto de nada menos que 224 vivendas sociais en solo público cedido para ese fin".
"Non queremos que os erros dos xestores deste proxecto empanen e desvirtúe un modelo de vivenda social que pode funcionar, tal e como se demostrou noutras partes de Galicia, España e Europa", insisten.

"Engano aos cooperativistas"
Á polémica intervención de Allegue no Parlamento respondeu o BNG acusando a Xunta de "enganar os cooperativistas de Xuxán facendo propaganda con falsos alugueiros sociais". “Están xogando cos cartos das persoas, coas expectativas da xente e coas súas condicións de vida en algo moi serio”, dixo a deputada e portavoz de Vivenda do Bloque, Alexandra Fernández.
Pola súa banda, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, cre que a crise aberta en Xuxán demostra que "o modelo que utiliza a Xunta para este tipo de cooperativas é errado" e cre que "toca" que o Goberno galego "se responsabilice das consecuencias que tiveron estes procedementos".
Por último, as persoas afectadas amosaron a súa "preocupación" logo de que os xestores da entidade asegurasen que subrogaron os socios e socias á cooperativa Galivivienda Alquiler50 mentres os dereitos de cesión de superficie "seguen pertencendo á cooperativa inicial, Galivivienda". "Actualmente, socios e dereitos de superficie estarían en diferentes cooperativas", advirten.