No verán de 2023, a cooperativa Galivivienda resultaba adxudicataria de catro parcelas que a Xunta cedera practicamente de balde na Coruña para a construción de 224 pisos en réxime de alugueiro social durante 50 anos. Meses despois, en marzo de 2024 e ao pouco da vitoria electoral de Alfonso Rueda, o Goberno galego presenta o proxecto —Alquiler50. Parque ofimático— nun acto público con ducias de autoridades e convidados onde pon a iniciativa como exemplo da colaboración público-privada para abordar o problema da vivenda.
Galivivienda, a promotora, presume ao tempo de contribuír ao "dereito" da cidadanía para "poder vivir nun fogar accesible, de alta calidade e cunha renda moderada e estable no tempo" e as solicitudes para acceder a estes pisos no barrio de Xuxán axiña superan as 2.000. As de persoas de baixos ingresos que vían unha oportunidade única ante a escalada de prezos inasumibles do mercado inmobiliario.
Nesta altura, preto dun terzo dos socios e socias iniciais fuxiron xa da cooperativa, que este pasado martes mantivo unha xuntanza co ICO (Instituto de Crédito Oficial) para encarreirar un financiamento que non chega. Un intento máis por poñer solución ao enorme enredo no que derivou o proxecto: prazos de pago cambiantes, mudanzas nas condicións iniciais e protestas dos cooperativistas, mobilizados ante o intento de que asumisen unhas cotas inalcanzables.
Todo nunha promoción que goza dunha axuda europea de case 11 millóns de euros e co apoio entusiasta da Xunta, que a vía como paradigma do seu modelo de vivenda pública tras unha década de parálise con Núñez Feijóo á fronte do goberno.
A Xunta adxudicou a Galivivienda terreos para a construción de 224 pisos de alugueiro social no barrio coruñés de Xuxán e outorgoulle unha axuda europea de 11 millóns
Axiña deixou de selo. As rendas de alugueiro que en ofrecía Galivivienda, con sede en Pozuelo de Alarcón (Madrid), non superaban os 550 euros mensuais e ían desde os aproximadamente 350 dun piso cun só cuarto aos 530 dos de dous cuartos, garaxe e trasteiro. Unha oportunidade única. A maiores, as condicións incluían o pago, hai un ano, de 100 euros para unirse ao proxecto e doutros 1.000 para a elección da vivenda.
A partir de aí, o compromiso de abonar 13.000 euros antes da entrega das chaves, prevista para antes do verán de 2026 atendendo aos prazos da axuda da UE. Varios anos para aforralos e coa posibilidade de solicitar un préstamo. Logo, e a partir de que entrasen a vivir, unha achega de 1.100 euros anuais durante 36 anos para uns cooperativistas que se esquecían dos trámites burocráticos e da busca de financiamento, da que se ocuparía Galivivienda.
Todo cambiou o pasado 24 de abril, na asemblea na que os cooperativistas baten coa proposta de Galivivienda de mudar as condicións iniciais. A achega de capital prevista á sociedade sobe de 53.000 a 63.000 euros, imponse un pago inmediato de 500 euros e cotas de 225 durante a construción dos edificios. Logo, xa como inquilinos, acurtábanse os prazos previstos de case 40 anos para posteriores pagos. Pasaron a ser dun máximo de dez, abonando 475 euros mensuais ademais da renda do alugueiro: sobre 1.000 euros mensuais en total.
O proxecto ofrecía alugueiros de menos de 550 euros ao mes e acabou impoñendo cotas duns 1.000 euros nunha década
A votación acabou cun non maioritario, ducias de cooperativistas déronse de baixa e moitos outros uníronse e mobilizáronse para rexeitar as tarifas e buscar unha solución. A promoción que prometía acoller familias de clase traballadora, de renda baixa e mesmo mileuristas viraba nun proxecto moi afastado da súa intención inicial. Ou polo menos da que fora difundida.
O cambio nas condicións, segundo Galivivienda, debíase ao seu intento de conseguir financiamento do ICO ante as maiores esixencias nos requisitos do Instituto de Crédito Oficial, un argumento secundado pola Xunta, que aínda foi máis alá nas acusacións. Este mesmo mércores no Parlamento, a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, aludiu ás "modificacións no préstamo que o Ministerio conveniou co ICO" como a razón para exixirlles aos cooperativistas unha cota "que desvirtuaría o carácter social das vivendas protexidas", e exixiu que se garanta esta condición.
A Consellería culpa o Ministerio de acordar un préstamo co ICO que obriga a achegar unha cota prohibitiva, algo que nega a propia cooperativa
O Ministerio de Vivenda xa aclarou á Consellería, en resposta ás súas cartas, que non é o ICO quen impón as cotas propostas nas asembleas, senón que é Galivivienda as que as formula para intentar convencer o Instituto de que lles outorgue o préstamo. Os propios xestores da cooperativa recoñecérono, ademais de argumentar que algúns pagos exixidos a maiores tiñan o obxectivo de facer peto no caso de que as cousas viñesen mal dadas e, por exemplo, non se ocupase un mínimo dun 85% das vivendas.
Galivivienda recúa
De feito, ante o rexeitamento dos e das cooperativistas e o balbordo creado, Galivivienda propuxo outro plan económico, menos prexudicial que o do pasado mes de abril pero peor que o inicial. As persoas socias, no entanto, decidiron agardar á reunión deste pasado martes co ICO, presas tamén dunha desconfianza na entidade promotora que vai a máis.
Agora, e tras a reunión co ICO, Galivivienda comprometeuse a eliminar o plan de pagamento en dez anos, principal causante da polémica e da fuxida de cooperativistas e que a Xunta atribuía ás condicións impostas desde o Ministerio. Asegura que o ICO continúa a estudar o proxecto e que achegará o financiamento que precisan, para o que petaron antes noutras portas e nunca conseguiron. Con todo, a promotora lembra que os socios seguen obrigados a achegar 14.000 euros antes de entrar a vivir nos pisos, aínda que non aclara de que maneira e con que prazos, cuestión que preocupa aos futuros inquilinos.
Cooperativistas advirten que Galivivienda "leva dous anos entregando documentación e acumulando atrasos"
Desde o grupo de cooperativistas, Mónica Beloso advirte a Praza.gal que a reunión do pasado martes "non soluciona nada" e que o único que demostra é que os xestores de Galivivienda "levan dous anos entregando documentación e acumulando atrasos". "Hai que ter en conta que estamos a perder tempo de vivenda; os 50 anos de concesión contan desde a adxudicación, polo que, no caso de cumprirse os prazos, no momento de entrar a vivir quedarán 46", explica.
Nese tempo de concesión, de 50 anos, está outra das claves. A Xunta outorgaba máis puntuación no concurso a aquelas entidades que se comprometesen a devolver canto antes os terreos á administración autonómica. Dado que os fondos europeos exixen como mínimo medio século, Galivivienda optou por este prazo, o que lle valeu para superar o resto de aspirantes, malia sacar peor puntuación noutros criterios, e ser a adxudicataria de cinco parcelas, unha delas cedida á cooperativa a Luzada, xa en construción e avanzando sen problema ningún.
No caso de Galivivienda, unha das parcelas carece de licenza, pendente dun estudo de Patrimonio, e as outorgadas non cumpriron con todos os trámites previstos co Concello da Coruña, que apoia os cooperativistas e pide explicacións á Xunta, ao igual que fixo a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
As persoas afectadas piden "responsabilidades" á Xunta, unha demanda que comparte a alcaldesa da Coruña: "O modelo do Goberno galego é errado"
A alcaldesa, Inés Rey, cre que a crise aberta en Xuxán demostra que "o modelo que utiliza a Xunta para este tipo de cooperativas é errado" e cre que "toca" que o Goberno galego "se responsabilice das consecuencias que tiveron estes procedementos". "Estase tratando de atopar unha solución, dando certezas e seguridade xurídica aos cooperativistas, que non poden soportar cargas tan onerosas porque hai moitos que xa están abandonando", engadiu.
Falta de información
Os cooperativistas, pola súa banda, aseguran que, "chegados a este punto", non lles queda "máis remedio que pedir responsabilidades á Xunta". "O Goberno galego foi quen impuxo as condicións e levou a cabo a adxudicación dun proxecto que non fai máis que acumular atrasos, tanto na entrega da documentación necesaria como na busca de financiamento", explica Beloso, que lembra que nunha iniciativa coma esta son os socios e socias as que "deben tomar as decisións, pero con toda a información enriba da mesa", algo que, explica, non teñen.
"Que persoa se atreve a entregar 14.000 euros a estes xestores sen o edificio construído?", pregúntase quen insiste que nin tan sequera teñen información das contas da empresa ou da listaxe de socios e socias. Con todo, lembran que son os primeiros "en querer que o proxecto tire cara adiante e se concrete".
Nunha parcela cedida por Galivivienda, xestionada por outra cooperativa, xa empezaron as obras
"Estamos nunha situación de vulnerabilidade; sentímonos sinalados, como se fósemos nós o foco dos problemas, e xa hai quen ten medo a represalias", engade sobre unha situación que afecta máis de 250 persoas socias. Moitas delas dubidan xa que Galivivienda sexa a empresa axeitada para xestionar unha promoción que carece de financiamento, que non posúe aínda todas as licenzas e que non puxo nin a primeira pedra.
Mentres, a poucos metros, a cooperativa A Luzada xestiona unha das parcelas que lle cedeu Galivivienda tras serlle adxudicada pola Xunta no lote inicial e tras conseguir o financiamento a través da banca ética. O proxecto conta cun investimento superior aos 5 millóns de euros e atópase xa en construción.

Condena aos promotores
Onde nada se move aínda é nas parcelas de Galivivienda, a quen a Xunta lle cobra un canon irrisorio (o 0,10% do prezo da parcela) para xestionar uns terreos que, transcorridos 50 anos, devolverán a mans públicas. Unha xestora de cooperativas "sen ánimo de lucro", segundo afirman, co avogado Rafael Román e o arquitecto Iván Blanco á fronte. A empresa do primeiro, Gesvieco, ocúpase da xestión inmobiliaria; a do segundo, un estudo de arquitectura, é quen se encarga do deseño das obras.
Ambos foron condenados hai sete anos por alzamento de bens ao transmitirse entre eles unhas prazas de garaxe para evitar o pago dunha débeda. Esas prazas eran propiedade de Galivivienda XXI, que se fixera cun cento de vivendas no centro de Cee, entrou en quebra e cuxos pisos acabaron sendo vendidos por unha administración concursal.
Outro proxecto desta mesma cooperativa na cidade de Ourense, iniciado hai máis de 15 anos, acabou co Concello recuperando os terreos e devolvendo os 283.000 euros que pagara Galivivienda XXI, que desistiu de levar a cabo a obra. A nulidade do PXOM acabou coa iniciativa e coa administración local condenada a devolver tamén os 123.000 euros fixados de fianza ao non poder a entidade executar urbanización de 148 vivendas prevista en Finca Mariñamansa.