Subas do 10% en dous anos: os alugueiros encarecen na maior parte de Galicia a ritmo acelerado

Edificios de vivendas na Coruña CC-BY-NC-SA Praza.gal

Na maior parte da Galicia urbana e vilega os alugueiros encarécense ao redor do 5% anual, un 10% en dous anos, dende o 2021

A crise da vivenda continúa en Galicia, con crecentes dificultades para acceder a un alugueiro, cada vez máis caro, tanto en cidades coma en vilas grandes e pequenas. Tanto ten o indicador que se consulte: dende os observatorios públicos coma o da Xunta (que achega información a partir das fianzas depositadas nos novos contratos) ou o do Ministerio de Vivenda (con datos tirados da explotación da estatística tributaria), ata os privados dos grandes portais inmobiliarios coma Fotocasa ou Idealista, todos ofrecen o mesmo panorama.

A vivenda está cada vez máis cara e o ritmo de crecemento dos prezos non se frea, senón que mesmo se acelera en moitos concellos. Os últimos datos publicados polo Ministerio de Vivenda, correspondentes ao ano 2023, amosan que na maior parte da Galicia urbana e vilega os alugueiros encarécense ao redor do 5% anual, un 10% en dous anos, dende o 2021.

As vilas grandes e pequenas e as cabeceiras comarcais máis importantes do país presentaron un ritmo de aumento dos prezos mesmo superior á da Galicia urbana entre 2021 e 2023

Os prezos medianos superan xa os 500 euros en cidades coma Vigo e pasan dos 400 euros nunha vintena de vilas e cidade. Falamos, é importante telo en conta, da mediana do conxunto de alugueiros existentes, o que inclúe un gran número de vivendas de renda antiga, que non varían o seu prezo dende hai moito tempo, ao igual que pisos en malas condición ou de moi pequeno tamaño.

Mentres que a estatística do Ministerio de Vivenda é moi útil para amosar unha foto fixa do conxunto das vivendas alugadas, outros indicadores, coma o do Observatorio da Vivenda da Xunta permiten estimar con máis precisión os prezos reais que neste momento se están pagando nos novos contratos de alugueiro e, polo tanto, o que as persoas que buscan vivenda atopan no mercado. Neste caso, o prezo medio na Coruña e Vigo xa se achega aos 700 euros, supera os 600 euros en Pontevedra e Santiago e rolda os 500 euros en Ourense, Lugo e Ferrol.

Destacan os aumentos en Friol, Carnota, Castro Caldelas, Taboada ou Maceda, por riba do 20%. Tamén en Palas de Rei (+16%)

En calquera caso, no que todos os indicadores coinciden é no aumento dos prezos, con ritmos moi por riba da suba do IPC. No caso da estatística achegada polo Ministerio de Vivenda, dos 157 concellos dos que se ofrecen datos (ten que haber, cando menos, información sobre unha decena de pisos alugados), en máis de medio cento os prezos subiron por riba do 10% en dous anos e outra decena de localidades está próxima a esa cifra.

Neste conxunto de localidades inclúense as sete cidades, dende o 11% de Lugo e Pontevedra, o 9% de Santiago e A Coruña e o 7% de Vigo, Ourense e Ferrol. Pero, sobre todo, as vilas grandes e pequenas e cabeceiras comarcais máis importantes do país, que entre 2021 e 2023 presentaron un ritmo de aumento dos prezos mesmo superior á da Galicia urbana.

Destacan os aumentos en Friol, Carnota, Castro Caldelas, Taboada ou Maceda, por riba do 20%. Tamén en Palas de Rei (+16%), Bergondo, Cerceda, Malpica ou Corcubión, todas por riba do 15%.

Tan só nunha vintena de concellos os prezos mantivéronse estables, con subas inferiores ao 3%. E só nun concello (Touro) o Ministerio de Vivenda informa dun descenso no prezo mediano (-0,79%).

Na maior parte dos casos o aumento dos alugueiros rolda o 10%, con valores mesmo máis elevados en Bergondo (+16%), Ames (+14%), Gondomar (+12%) ou Pontevedra, Nigrán, Cambre, Culleredo, Tui, Sanxenxo, Soutomaior, Cambados e Lugo (+11%)

O seguinte gráfico amosa a evolución dos prezos nas principais cidades e vilas do país e tamén en concellos das áreas metropolitanas das cidades. Na maior parte dos casos o aumento dos alugueiros rolda o 10%, con valores mesmo máis elevados en Bergondo (+16%), Ames (+14%), Gondomar (+12%) ou Pontevedra, Nigrán, Cambre, Culleredo, Tui, Sanxenxo, Soutomaior, Cambados e Lugo (+11%).

Poucas vilas foxen desta tendencia. Segundo os datos do Ministerio de Vivenda, tan só Moaña e Bueu mantiveron os seus prezos estables entre o 2021 e 2023.

Este indicador do Ministerio de Vivenda recolle os datos de todos os pisos alugados en cada concello, dende os máis pequenos, vellos e en peores condicións ata os máis luxosos, dende os que hai moitos anos que non modifican o seu prezo ata os que non deixan de subir. Outros indicadores, coma os datos sobre a fianzas depositadas que ofrece o Observatorio Galego da Vivenda da Xunta ofrecen unha información máis axustada sobre os novos alugueiros que se realizan cada ano (e polo tanto dan conta da situación do mercado para quen busca nestes momentos) mentres que estes datos do Ministerio ofrecen unha panorámica máis xeral.

Mentres que a estatística do Ministerio é útil para amosar unha foto fixa do conxunto das vivendas alugadas, a do Observatorio da Vivenda da Xunta permite estimar con precisión os prezos reais que se están pagando nos novos contratos

Por iso resulta útil comparar a evolución dos datos dos dous indicadores nos últimos anos, tendo en conta que a comparación sempre vai ser desequilibrada e que no caso do Ministerio os datos corresponden á mediana e no do Observatorio da Xunta á media.

Na gráfica obsérvase como o indicador da media das fianzas depositadas nas sete cidades galegas sempre se vén situando por riba do alugueiro mediano, pero tamén se pode ver como as diferenzas son cada vez máis pequenas. E que, ademais, tanto un coma outro indicador teñen unha clara tendencia de ascenso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.