O prezo da vivenda é cada vez máis elevado nas sete cidades, pero tamén nos concellos das súas áreas metropolitanas, que ata agora viñan supoñendo unha alternativa máis económica. Non quedan atrás as grandes vilas e cabeceiras comarcais
A dificultade no acceso á vivenda converteuse nun dos principais problemas de Galicia e constitúe a principal preocupación para moitas persoas -especialmente a mocidade e aquelas con baixos ingresos-, que ven como o acelerado encarecemento dos alugueiros e a falta de inmobles dispoñibles fai imposible vivir en determinados barrios ou atopar un aloxamento digno. Neste tema adóitase poñer o foco nas cidades, que son efectivamente os lugares nos que os prezos aumentaron máis nos últimos anos. Pero os prezos están a subir en todo tipo de concellos, tanto urbanos como rurais.
De feito, se o prezo da vivenda é cada vez máis elevado nas sete cidades galegas, non o é menos nos concellos das súas áreas metropolitanas, que ata agora viñan supoñendo unha alternativa máis económica para quen non atopaba un inmoble nas urbes a un prezo razoable.
Non quedan atrás as grandes vilas e cabeceiras comarcais, onde dende hai anos o ritmo de encarecemento dos alugueiros é moi semellante ao que sofren as cidades. E no rural galego, malia seguir a presentar prezos máis económicos, tamén se deixa sentir a tendencia de aumento, ligada moitas veces á falta de vivendas dispoñibles para o seu arrendamento.
Os datos do Observatorio amosan que os prezos medios dun alugueiro en Nigrán (781 euros) e Oleiros (768) superan amplamente os das súas cidades de referencia, Vigo e A Coruña. E que os de Baiona, Cambre ou Culleredo pasan dos 600 euros, moi preto dos datos das grandes cidades
O Observatorio da Vivenda da Xunta de Galicia publica cada mes información actualizada sobre os prezos dos alugueiros, a partir da información das fianzas que obrigatoriamente se deben depositar no Instituto Galego de Vivenda e Solo. Esta estatística ofrece unha imaxe fiel, polo tanto sobre os novos contratos de alugueiro que se están a asinar (non tanto sobre o conxunto dos alugueiros) e polo tanto son un bo indicador do momento en que se atopa o mercado, isto é, o que atopan as persoas que están a buscar unha vivenda para arrendar.
Habitualmente os datos que publica o Observatorio detállanse por tipo de concello e tamén cidade por cidade (e mesmo, no seu interior, polos seus distritos). Pero de forma periódica, o organismo publica outros informes que amosan datos referidos a outros concellos. Esta estatística revela que a escalada dos alugueiros hai tempo que se estendeu por practicamente todo o territorio galego.
Tamén moitas grandes vilas e capitais comarcais presentan prezos medios que roldan ou superan os 500 euros, como Vilagarcía de Arousa (521, por riba de Lugo, Ourense ou Ferrol), Tui, Cambados, O Grove, Betanzos, Ribadeo e todos os concellos do Morrazo
O prezo medio dos alugueiros nas cidades galegas asinados o pasado ano móvese entre os 493 euros de Ferrol e os 681 da Coruña, con Vigo, Santiago e Pontevedra superando amplamente os 600 euros de media e Lugo e Ourense roldando os 520. O pasado ano os prezos aumentaron o 6% en Vigo e Pontevedra, o 8% en Ourense, o 10% en Lugo, Santiago e A Coruña e o 12% en Ferrol.
Os datos do Observatorio amosan que os prezos medios dun alugueiro en Nigrán (781 euros) e Oleiros (768) superan amplamente os das súas cidades de referencia, Vigo e A Coruña. E que os de Baiona, Cambre ou Culleredo pasan dos 600 euros, moi preto dos datos das grandes cidades. Pazos de Borbén, Bergondo, Gondomar, Mos e Sada achéganse tamén a eses 600 euros de media.
O prezo medio dos alugueiros nas cidades galegas asinados o pasado ano móvese entre os 493 euros de Ferrol e os 681 da Coruña, con ritmos de aumento entre o 6% e o 12%
Outras localidades que forman parte do extrarradio de cidades están igualmente próximas aos prezos medios das cidades que lideran as súas áreas metropolitanas, como por exemplo O Pereiro de Aguiar (560 euros, por riba dos 518 de Ourense), o mesmo que Poio, O Porriño, Ames, Arteixo, Barro, Redondela, Brión, Teo ou Abegondo.
Tamén moitas grandes vilas e capitais comarcais presentan prezos medios que roldan ou superan os 500 euros, como Vilagarcía de Arousa (521, por riba de Lugo, Ourense ou Ferrol), Tui, Cambados, O Grove, Betanzos, Ribadeo e todos os concellos do Morrazo, dende Moaña e Cangas a Bueu e Marín.
Nas grandes vilas (entre 20 e 50 mil habitantes) o custo do aluguiro supera xa os 519 euros
Os ritmos de aumento no último ano de moitos destes concellos non son moi distintos dos que presentan as sete cidades. É o caso de Oleiros (+10,7%), Gondomar (+12,9%), O Pereiro de Aguiar (+5%), Sada (+10,4%), Arteixo (+4,2%), Vilagarcía (+5,6%), Redondela (+14,7%), Tui (+14%), Cambados (+8,4%), Brión (+7%), Tomiño (+15,8%), Miño (+16,5%), Salceda de Caselas (+7,1%). Nalgúns destes concellos, con menos contratos asinados, a fiabilidade dos datos esxactos e a magnitude das tendencias é menor.
O ritmo de crecemento fóra das cidades mesmo foi superior o pasado ano. Fronte a unha suba media do 7,8% no conxunto de Galicia e do 8,2% nas cidades, nos concellos de menos de 5.000 habitantes o prezo aumentou un 11,8%
Os indicadores xerais do Observatorio xa viñan amosando esta aceleración dos prezos en todo tipo de concellos. Fronte a un prezo medio dos alugueiros asinados o pasado ano nas cidades de 618 euros, nas grandes vilas (entre 20 e 50 mil habitantes) o custo mensual supera xa os 519 euros. Na vilas medias (entre 5 e 20 mil habitantes) os prezos roldan os 454 euros e nos concellos pequenos (por debaixo dos 5 mil habitantes) sitúanse en 380 euros.
Ademais, o ritmo de crecemento fóra das cidades mesmo foi superior o pasado ano. Fronte a unha suba media do 7,8% no conxunto de Galicia e do 8,2% nas cidades, nos concellos de menos de 5.000 habitantes o prezo aumentou un 11,8% e nas vilas medias (ata 20.000 habitantes) subiu un 9,2%.