Alugar unha vivenda é hoxe un 51% máis caro que no 2015, cun ascenso continuado e crecente (en 2033 e 2024 os prezos medraron un 7% cada ano). Dende o 2015 os salarios aumentaron só un 22%
A vivenda converteuse hai tempo no problema máis importante para os galegos e galegas de menos de 40 anos, o que explica o crecente malestar social con esta cuestión. Cun número elevadísimo de inmobles baleiros e coa presión engadida dos pisos turísticos, as opcións de alugueiro son escasas e, ademais, con prezos en ascenso e cada vez máis lonxe do alcance dos salarios medios.
Ademais, a oferta de vivenda protexida é moi limitada e a alternativa da compra é impensable para unha parte importante da poboación que busca un fogar. Tomando como referencia o salario medio en Galicia e os actuais prezos de mercado (para vivenda nova e de segunda man), unha persoa necesitaría dedicar sete anos íntegros de do seu soldo para pagar unha hipoteca inmobiliaria media. Nunha cidade como A Coruña, Vigo ou Santiago unha persoa soa debería aforrar durante vinte anos para ter esta opción, mentres que a unha parella abondaríanlle uns sete anos.
Na actualidade alugar un piso en Galicia é un 50% máis caro que no ano 2015, cun incremento constante que se acelerou nos últimos tres anos (5,6% en 2022, 7,8% en 2023 e 7,4% no que levamos de 2024), segundo os datos do Observatorio da Vivenda de Galicia, dependente da Xunta, que toma como referencia os prezos dos novos contratos asinados cada ano. Non é, polo tanto, un indicador que reflita a situación do conxunto de arrendamentos, pero si amosa a realidade á que se enfrontan as persoas que buscan un inmoble de alugueiro.
Nas cidades os prezos soben por riba da media, un 60% dende o 2015, encabezadas por Pontevedra e A Coruña
Como se ve no gráfico, o prezo dos alugueiros en Galicia (+51%), tomando como base ese ano 2015, encareceu moi por riba do IPC (cunha suba do 24% en nove anos) e tamén do salario medio, que en Galicia se moveu lixeiramente por debaixo da inflación (+22%), amosando unha perda do poder adquisitivo dos traballadores.
Nas cidades, agás Ourense, os prezos incrementáronse por riba dese 51%, con valores ao redor do 60% de ascenso na Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago e Vigo e por riba do 70% en Pontevedra.
A Coruña é a cidade galega cun maior prezo medio dos novos alugueiros (674 euros)
A Coruña é a cidade galega cun maior prezo medio dos novos alugueiros, que no que levamos de 2024 acadan os 674 euros. Por detrás aparece Vigo (645), e Santiago (624) e Pontevedra (619). Ourense, Lugo e Ferrol, ao redor dos 500 euros teñen prezos medios máis económicos, pero as tres urbes presentan un claro ascenso, especialemente Ferrol e Lugo.
No 2024 Ferrol, Santiago e Lugo son as cidades nas que máis encarecen os alugueiros
De feito, aínda que dende o ano 2015 é Pontevedra a que presenta un incremento relativo máis importante, neste ano 2024 os prezos están subindo en maior medida en Ferrol (+12,2%), Santiago (+10,7%) e Lugo (+9,1%). Entre xaneiro e setembro os prezos medran un 8,4% na Coruña en relación ao 2023, mentres que Ourense, Pontevedra e Vigo roldan o 6%.
Os prezos soben en todo o país. As grandes vilas acumulan un ascenso do 49% dende o 2015 e mesmo nos concellos de menos de 5.000 habitantes os alugueiros encareceron un 37%. De feito, neste 2024 o ascenso nestas localidades é do 9%, por riba da media
Os prezos soben máis nas cidades, pero a Galicia urbana non é unha excepción. O acceso a unha vivenda é cada vez máis difícil e caro en todo o país. Dende o 2015 os prezos subiron un 59% nas sete urbes, por riba da media galega (+52%). Nas grandes vilas o ascenso foi do 49% e nos concellos entre cinco e vinte mil habitantes a suba foi do 42%. Pero tamén nas localidades menos poboadas os prezos non deixan de medrar, acumulando un ascenso do 37% dende o 2015.
De feito, nos últimos anos os prezos nos concellos de menos de 5.000 habitantes -rurais os máis deles- están a crecer ao mesmo ritmo que nas cidades. No que levamos de 2024, por exemplo, nestas localidades os prezos medraron un 9,4%, por riba da media das cidades (+7,4%) e da media galega (+7,4%)
As cidades: epicentro da crise da vivenda
Os contratos de alugueiro asinados neste ano no distrito 15004 da Coruña (parte do Ensanche, Riazor...) achéganse xa aos 900 euros de media (873,3), cunha suba do 8% en relación ao 2023 e do 51,5% dende o 2017
En calquera caso, son os centros urbanos os que dende hai anos están a rexistrar un incremento maior nos prezos, nun movemento que expulsa a moitas persoas destes espazos. Os últimos datos do Observatorio da Vivenda, que ofrece datos segmentados por código postal, amosa que os contratos de alugueiro asinados neste ano no distrito 15004 da Coruña (parte do Ensanche, Riazor...) achéganse xa aos 900 euros de media (873,3), cunha suba do 8% en relación ao 2023 e do 51,5% dende o 2017, primeiro ano con datos dispoñibles por distrito.
O 15004 coruñés non é unha excepción na cidade herculina, onde os alugueiros dispáranse dende hai anos en todos os barrios. No 15001 (Cidade Vella, Atochas...) e no 15003 (Pescaría, Orzán...) a media achégase xa aos 800 euros, mesmo que no 15005 (Gurugú e parte do Ensanche)
Na Coruña o barrio que máis se encarece é o dos Mallos-Sagrada Familia, onde os prezos están a aumentar un 11,5% en relación a 2023 e un 59% dende 2017
No resto da cidade os alugueiros asinados este ano situánse por debaixo dos 700 euros, pero con ascensos moi significativos no 15007 (Mallos e Sagrada Familia), onde os prezos medran un 11,5% en relación ao 2023 e acumulan una suba do 59% dende o 2017. A tendencia é semellante no 15006 (Catro Camiños e Os Castros), que acumula unha suba do 56% ou no 15008 (Elviña) e 15009 (Castrillón).
No centro de Vigo os prezos medios neste 2024 achégase aos 800 euros
En Vigo, meirande cidade de Galicia, asistimos a unha situación semellante. No conxunto da cidade os prezos medios son algo máis baixos que na Coruña, pero tamén nos seus barrios máis céntricos, coma no distrito 36201 (que abrangue as principais rúas do seu Ensanche, como Rosalía de Castro e García Barbón) os contratos de alugueiro asinados neste 2024 se achegan aos 800 euros de media.
Na cidade olívica as rúas próximas á Praza da Independencia rexistran a maior suba anual, un 12% en relación aos prezos de 2023
Tamén supera os 700 euros o 36211 (ao redor da Praza da Independencia), barrio que rexistra unha suba anual do 12% neste 2024 e acumula un ascenso do 52% dende o 2017. Igualmente, o 36203 (O Castro e Gran Vía) rolda os 700 euros, cunha suba acumulada do 46% en sete anos. E o 36208 (parte de Coia, Bouzas) achégase tamén a esa cantidade.
O resto da cidade está por debaixo deses prezos, pero tamén o 36202 (que abrangue o Casco Vello), o 36204, o 36209 (Coia) e o 36210 superan claramente os 600 euros de media.
Os prezos medios no Ensanche compostelán (15701) superan xa os 700 euros, cunha suba anual do 15% no que levamos de 2024
A situación nas outras cinco cidades galegas pode consultarse na seguinte táboa. Os prezos están a subir en todas as urbes, especialmente nos seus barrios máis céntricos. Aínda que non chegan ao nivel do centro da Coruña e Vigo, os prezos medios no Ensanche compostelán (15701) superan xa os 700 euros, cunha suba anual do 15% no que levamos de 2024. Tamén o distrito 15706 (Conxo, Avenida Barcelona...) rexistra unha importante suba neste ano, un 10% máis, cun prezo medio de 665 euros.
Son prezos semellantes aos do distrito 36001 de Pontevedra, que abrangue a maior parte do centro da cidade, pero que este ano está a rexistrar un menor encarecemento (+4%).
En Lugo chama a atención o encarecemento dos alugueiros no 27001 (no interior da muralla) e no 27002 (que inclúe a Avenida Ramón Ferreiro, a Ronda das Fontiñas e a Ronda de Fingoi), con subas do 14% e do 8% neste 2024
En Lugo chama a atención o encarecemento dos alugueiros no 27001 (no interior da muralla) e no 27002 (que inclúe a Avenida Ramón Ferreiro, a Ronda das Fontiñas e a Ronda de Fingoi), con subas do 14% e do 8% neste 2024.
Ferrol tamén está a rexistrar un importante encarecemento dos alugueiros neste ano, especialmente nos distritos 15402 (Madalena), 15403 (Esteiro, Ensanche A) e 15406, con ascensos que mesmo superan o 10%.
En Ourense os prezos máis elevados corresponden tamén ao centro da cidade (32003) e máis á zona leste (32004), pero neste caso os valores presentan unha maior estabilidade neste 2024, con ascensos máis reducidos