País de propietarios, rendismo popular e alugueiro disparado á espera dos gobernos

Edificios de vivendas na Coruña fronte aos terreos do porto interior CC-BY-NC-SA Praza.gal

As apelacións da ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez, á solidariedade dos propietarios de vivenda en alugueiro para cobraren prezos accesibles polos arrendamentos, así como as súas advertencias ás autonomías que -como Galicia- non aplican a lei estatal concibida para amortecer a escalada, volveron situar nos últimos días esta cuestión no primeiro plano da actualidade. Hai pouca vivenda para alugar e a que hai é cada vez máis cara.

Tres de cada catro fogares en Galicia son vivendas e propiedade e apenas un 15%, alugadas

Pero, cal é o contexto deste fenómeno? A aposta por "un país de propietarios" e non "de proletarios" verbalizada polo ministro franquista José Luis Arrese a finais da década de 1950 virou, por múltiplos factores, en realidade e chega ata os nosos días. As principais fontes estatísticas indican que, tamén en Galicia, unha ampla maioría de fogares son vivendas en propiedade ou en vías de selo: tres de cada catro, en cifras redondas.

O problema crecente do alugueiro e as eventuais medidas políticas para emendalo, daquela, atinxen a unha parte da poboación crecente, pero minoritaria. De arredor do 15%.

Os datos máis recentes relativos a Galicia dispoñibles nas enquisas de condicións de vida do INE e do IGE (2023 e 2020) ofrécennos radiografías similares. O groso dos fogares son vivendas en propiedade, con valores próximos ao 80%, e seis de cada dez fogares son pisos ou casas en propiedade e sen hipoteca. Mentres, en valores próximos ao 10% están os fogares que son vivendas cedidas e só o devandito valor da contorna do 15% son os arrendamentos.

O 'país de propietarios' confórmano máis de 800.000 fogares e o 'país de inquilinos', uns 160.000. No medio, arredor de 200.000 caseiros, un rendismo popular ao que se engaden varias grandes empresas, dende inmobiliarias a un fondo voitre

En cifras absolutas, segundo o IGE, uns 840.000 fogares conforman en Galicia o país de propietarios fronte a menos de 160.000 desoutro país de inquilinos. No medio de ambos estarían os propietarios e propietarias que ademais son caseiros, os rendistas. Como detallou Praza.gal o pasado verán, os datos do IRPF permiten aproximarse a unha anatomía do que poderiamos chamar rendismo popular, persoas físicas que cobran cada mes certos cartos por un ou máis alugueiros. 

Son en torno a 200.000 persoas que ingresan, de media, uns 600 euros mensuais. A eles engádense os grandes arrendadores privados, empresas con decenas de inmobles encabezadas por Fincas Lavandeira, o fondo voitre Blackstone e Avante Electa -a empresa dos herdeiros do falecido fundador da inmobiliaria Fadesa-, con máis de 300 vivendas cada unha.

Eses datos do IRPF tamén evidencian que os ingresos inmobiliarios son maiores canto máis alta é a renda total da persoa. Así, por exemplo, máis do 40% da poboación que declara rendas de entre 150.000 e 601.000 reflicte na súa declaración que ten ingresos por alugueiros.

Os alugueiros xa son máis caros que a hipoteca media galega en catro cidades

En apenas 10 anos o alugueiro medio encareceu case un 50%. Supera os 541 euros na media galega e está amplamente por riba dos 600 na Coruña ou Vigo

Con este pano de fondo, no que o propietariado aínda é unha maioría esmagadora, os prezos do alugueiro seguen disparados. Así o acredita o único indicador público -alleo aos portais de busca de pisos ou ás propias inmobiliarias- dispoñible en Galicia neste ámbito, o do Observatorio da Vivenda da Xunta, que constrúe as súas estatísticas a través dos importes das fianzas que dende 2012 é obrigatorio depositar no Instituto Galego da Vivenda e Solo cada vez que se aluga legalmente un piso.

Con datos ata agosto deste ano, o alugueiro medio en Galicia rolda os 541 euros ao mes. Son case 200 euros máis que hai unha década, cando comeza a serie estatística, un incremento próximo ao 50%. Ese valor medio, así e todo, está xa moi por baixo dos importes dalgunhas das principais cidades coa Coruña á fronte, onde o alugueiro medio xa está por riba dos 665 euros ao mes.

Os alugueiros na Coruña, igual en en Vigo, Pontevedra e Santiago -sempre falando en valores medios- xa están por riba das cotas medias das hipotecas asinadas en Galicia. Ese valor, tamén á alza nos últimos anos, está agora nuns 580 euros mensuais. Hai 10 anos, alugar un piso en Galicia era uns 100 euros máis barato ao mes que pagar unha hipoteca. Agora a diferenza é de apenas 30 euros.

A Xunta combina a negativa a aplicar a lei estatal de vivenda coa promesa de "duplicar nesta lexislatura o número de vivendas públicas" 

E, mentres todo isto sucede, que acontece cos gobernos? Pola banda da Xunta, a actual conselleira con competencias en vivenda, María Martínez Allegue, vén reiterando nos últimos meses a aposta do Executivo por mudar o rumbo da última década e media, marcada por unha práctica desaparición da nova vivenda protexida no mercado galego, aínda máis no caso dos pisos con algún réxime de protección en réxime de alugueiro, que chegaron a quedar a cero durante varios anos.

Así e todo, esa intención política chega ante unha demanda practicamente tan disparada coma os prezos, con máis de 17.000 inscricións no Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida con data deste 27 de setembro de 2024. Na presentación de diversos proxectos -algúns xa en construción e outros en diversos puntos de tramitación-, Martínez Allegue subliña a promesa global de "duplicar nesta lexislatura o número de vivendas públicas" para "acadar as 8.000 e facilitar solo residencial para construír 20.000 vivendas protexidas e 5.000 libres". Combínaa, non obstante, coa negativa a aplicar preceptos da lei estatal de vivenda como os límites ás subas do alugueiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.