A Xunta de Feijóo reduciu a cero a nova vivenda pública de alugueiro malia aos milleiros de peticións pendentes

Feijóo visita en 2013, en vésperas da súa entrega, unha promoción de 172 de vivendas protexidas no barrio lucense de Garabolos aprobada en 2007 polo Goberno de PSdeG e BNG CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza.gal

Década e media despois do estoupido da burbulla inmobiliaria cebada durante os primeiros anos do século e cando xa pasou un trienio dende o inicio da pandemia da COVID, coas súas consecuencias económicas, a vivenda sitúase no centro da axenda política. O peche do pacto do Goberno do PSOE e UP con ERC e EH-Bildu, por unha banda, e o plan aprobado pol o Consello de Ministros para poñer en alugueiro social vivendas do banco malo, por outra, puxeron o foco nunha cuestión que Pedro Sánchez acrecentaba este mércores anunciando 43.000 vivendas máis para "alugueiro accesible" empregando fondos europeos.

A nova lei estatal e o plan para alugar pisos da Sareb puxo a vivenda no centro da axenda política. As críticas do PP a ambas fixeron agromar lembranzas da política dos gobernos de Feijóo na materia

O feito de que a vivenda virase nun dos principais temas de conversa política nos últimos días obrigou tamén a que o aborde o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo. O actual líder do PP retrucou os plans gobernamentais clamando pola construción de máis pisos para "baixar os prezos", argumentou, e acto seguido fiou un plan presentado xunto ao PP de Madrid con esixencias como unha axuda de pago único de 1.000 euros a xente moza para "cubrir gastos" de acceso á vivenda. 

Esas consideracións suscitaron que pola banda esquerda agromasen lembranzas da política de vivenda levada adiante polos gobernos do PP de Feijóo en Galicia. Son críticas que en boa parte grupos da oposición galega viñeron sostendo durante anos sen atoparen excesivo eco.

Entre estas lembranzas destacan as discretísimas cifras de construción de vivenda protexida en Galicia durante a presidencia de Feijóo, dende abril de 2009 ata maio de 2022. Como informou Praza.gal, nos anos 90 -integramente gobernados polo PP de Fraga-, en Galicia chegaran a construírse máis de 3.000 vivendas protexidas de media anual. A cifra roldou as 2.700 anuais na primeira década do século -con Fraga e a coalición PSdeG-BNG- e caeu a apenas trescentas na segunda, xa co PP de Feijóo, durante cuxos mandatos houbo varios anos con menos de 10 vivendas protexidas rematadas. 

O discreto balance da vivenda protexida impulsada polos Gobernos do PP en Galicia dende 2009 é aínda máis cativo ao ollarmos aos pisos para alugar, con ata seis anos sen ningunha nova e un máis, o 2018, cunha soa

Pero o balance é aínda máis cativo se nos detemos especificamente á vivenda pública que nestes días está no centro do debate, a destinada ao alugueiro. Durante a maior parte da presidencia de Feijóo, este tipo de pisos protexidos pola Xunta quedaron reducidos á mínima expresión, con ata seis anos completos sen que fose promovida unha soa vivenda protexida para o seu alugueiro. Así o acreditan os datos do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana -antigo Ministerio de Fomento- sobre as cualificacións provisionais de vivendas protexidas en Galicia, unha serie temporal que chega polo momento ata o ano 2021, o último completo con Feijóo como presiente.

Como amosa o primeiro dos gráficos que acompañan esta información, no primeiro ano completo no que Feijóo foi presidente, o 2010 -asumiu a presidencia en abril de 2009-, aínda entre ecos da xestión do Goberno de coalición PSdeG-BNG, en Galicia foron cualificadas como vivendas de alugueiro algo máis de 1.300 pisos protexidos; en 2011 foron xa menos de medio milleiro. En 2012 quedaron en pouco máis de cen e en 2013 xa se reduciran a menos dunha vintena.

Foi a partir de 2014, na segunda lexislatura de Feijóo como presidente da Xunta, cando comezou a seca total de vivenda protexida para alugueiro en Galicia. Nese ano e nos tres seguintes (2015, 2016 e 2017) en Galicia non houbo ningunha nova vivenda protexida para o seu arrendamento. En 2018 o rexistro oficial reflicte unha soa e en 2019 volve o cero. En 2020 figuran 17 vivendas con esta cualificación e en 2021, outra volta ningunha.

Máis de 9.600 persoas solicitan unha vivenda de alugueiro no rexistro da Xunta. A cifra elévase ata case 13.000 contando quen pide arrendar con opción de compra

Estas escasas cifras de construción de vivenda protexida en xeral e de vivenda protexida en alugueiro en particular producíronse mentres o Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida do propio Goberno galego vén reflectindo como milleiros de persoas agardan poder optar a un piso arrendado. Así, por exemplo, cando no ano 2018 foi cualificada como protexida en alugueiro unha única vivenda tras catro anos sen ningunha, a poboación anotada nese rexistro á procura de alugar superaba as 8.000 persoas

A 19 de abril deste 2023 -os datos do rexistro son de actualización continua-, as persoas anotadas nas diferentes modalidades deste rexistro interesadas en alugar unha vivenda eran xa 9.655. Contando as algo máis de tres mil que solicitan alugueiro con opción de compra, o total elévase ata as 12.954.

Edificio de vivendas de promoción pública en Vigo CC-BY-SA Xunta

Ao gran número de demandantes de vivenda protexida véñense referindo os grupos da actual oposición para sinalar o que consideran unha ausencia de política de vivenda por parte da Xunta. Así o enfatizaba este mesmo mes de abril o BNG despois de que Alfonso Rueda asegurase que o seu Goberno prevé agora incrementar o parque público residencial de Galicia nun 50% para "acadar as 5.600 vivendas no ano 2026", un compromiso que chegaría ata a metade da vindeira lexislatura e que pasaría por "incorporar algo máis de 1.800 inmobles".

BNG e PSdeG responden ás promesas de Rueda sobre futuras vivendas protexidas e ás críticas aos plans do Estado lembrando a escaseza de novos pisos promovidos pola Xunta nestes anos. Rueda defende que "había un traballo importante feito" porque "falabmos de duplicar as vivendas de carácter social"

Para a deputada Alexandra Fernández, voceira do Bloque neste ámbito, Rueda "carece de credibilidade" neste eido". Despois de que "no 2014 non se fixese ningunha vivenda de promoción en alugueiro, igual que en 2015, 2016 e 2017" e "só unha en 2018", resalta, agora o Goberno do PP promete "o que non fixo en 14 anos".

Tamén o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso resaltaba nos últimos días, ante as críticas do PP ao plan do Goberno de España para impulsar a vivenda pública, que os anos de Goberno de Feijóo en Galicia foron os do "récord negativo de construción de vivenda pública en Galicia". Malia contar con "todas as competencias precisas" e "todos os instrumentos legais para actuar", sinala o socialista, "baixou a media de 2.700 vivendas ao ano entre 2000 e 2010 a 300 anuais no seu mandato".

Preguntado pola escaseza de vivenda pública na última década, o pasado xoves o presidente da Xunta defendeu a súa política e mais a do seu antecesor. "Había un traballo importante feito", xustifica Rueda, xa que "falabamos de duplicar o número de vivendas de carácter social", se ben "os ritmos e as necesidades dependen de cada momento". "E agora -conclúe- tidas as Administracións actuamos coa intensidade que denota o momento".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.