Mercar unha vivenda nunha cidade galega é, en cifras redondas, un 20% máis caro que hai cinco anos e alugala custa un 25% máis que daquela. Nos concellos pequenos o incremento foi menor, pero dende 2020 arrendar un piso ou casa encareceu case un 10%. Mentres, o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda Protexida da Xunta tiña 15.419 persoas inscritas, algo máis de 9.000 á espera dun piso de alugueiro con algún tipo de réxime de protección.
No segundo trimestre de 2022 as execucións hipotecarias en Galicia aumentaron un 21% mentres na media estatal caían un 4%. No primeiro trimestre do exercicio, os xulgados galegos tramitaron 435 desafiuzamentos: 351 por impagamento de vivendas alugadas e os restantes 84, derivados de hipotecas. Eses desaloxos multiplicaron por quince os novos casos de ocupacións ilegais, segundo o propio Poder Xudicial.
Este é o pano de fondo co que a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo este luns un encontro co delegado do Goberno de España en Galicia centrado, precisamente, na cuestión da vivenda. Nel, a "principal demanda" transmitida por Ángeles Vázquez a José Miñones en materia de vivenda foi a reclamación de "contundencia" para "frear o fenómeno da ocupación de vivendas".
Os prezos da vivenda aumentaron por riba do 20% en cinco anos en Galicia tanto en compras como en alugueiros. Os datos máis recentes indican que os desafiuzamentos multiplican por 15 as novas demandas xudiciais por ocupacións ilegais, nas que a conselleira puxo o foco do seu encontro co delegado do Goberno de España en Galicia
Como xa vén sucedendo nos últimos anos, a Xunta admite que non ten "cifras exactas de vivendas ocupadas", se ben asegura ver "evidente" que "se trata dun problema cunha tendencia crecente en Galicia". Así o afirmou a consellería no seu resumo dos asuntos tratados co delegado gobernamental, a quen reiterou a súa reclmaación de "endurecer as penas para disuadir" a quen queira ocupar unha vivenda e "acabar coa sensación de impotencia dos afectados".
O departamento que dirixe Ángeles Vázquez pon o foco en que leva "máis de dous anos" axitando esta cuestión. Neste tempo desenvolveu accións como contratar, por 8.000 euros, un informe ao respecto a unha profesora da Universidade de Castilla-La Mancha que resultou ser tamén dirixente do PP nesa autonomía. O documento, entre outros aspectos, culpaba a alcaldesa de Barcelona dun suposto incremento das ocupacións en Galicia e reproducía parágrafos enteiros dunha proposición de lei presentada tempo atrás polos populares castelán-manchegos. Tras a xuntanza deste luns, a Xunta considerou que ese informe foi "de gran utilidade" e confirmou que entregara unha copia a Miñones.
O teléfono 'antiocupacións' financiado pola Xunta recibiu 30 consultas nun ano
Outra das iniciativas desenvolvidas pola mesma consellería neste eido foi habilitar, en colaboración co Consello Galego da Avogacía, un consultorio gratuíto por teléfono e internet para persoas afectadas por ocupación de vivendas. O servizo, financiado con 500 euros á semana, recibiu apenas 30 consultas no seu primeiro ano de funcionamento e o Goberno galego considerou "satisfactorio" o resultado, se ben matizou que o das ocupacións "non é tanto un problema cuantitativo como cualitativo". En febreiro deste ano volveu asinar un convenio para manter activo o teléfono 'antiocupacións', pero engadindo a posibilidade de obter información sobre desafiuzamentos.
A versión do Goberno de España: repaso ás axudas para vivenda
O delegado gobernamental resalta que centrou a reunión en "debullar os 419 millóns de investimentos" do Estado en Galicia "para políticas de vivenda" e a importancia de que a Xunta as xestione "con dilixencia, para non perder un só euro"
A versión do Goberno de España sobre os asuntos tratados na xuntanza é ben diferente. A delegación gobernamental sinala que Miñones repasou coa conselleira "os programas que financia" o Estado "no marco do Plan Estatal de Vivenda" e dos fondos europeos destinados a este eido. "Debullou -sinalan- os 419 millóns de euros de investimentos do Goberno de España para políticas de vivenda en Galicia, que suman as partidas xa transferidas ata este ano e as comprometidas en firme".
Entre elas, resalta, inclúense partidas coma os 22,8 millóns do bono alugueiro para a mocidade ou 205 millóns de fondos de recuperación da UE, "fundamentalmente para impulsar programas de rehabilitación enerxética e construción de vivenda en alugueiro social". Miñones, di a Delegación, trasladou á conselleira Vázquez "a importancia de dispoñer de información permanente do grao de execución" destas axudas e de xestionalas "con dilixencia, para non perder un só euro".
O departamento estatal tamén sinala que na xuntanza foi abordada a cuestión das ocupacións, sobre as que pide "tranquilidade". É o que cómpre, cren, dado que as cifras ata mediados de ano (110, di) "son o 1%" do Estado e "representan o 0,19% de delitos cometidos" en Galicia.
"A totalidade", abonda, rexistráronse en "inmobles deshabitados, propiedade de entidades bancarias ou sen propietarios coñecidos" e "ningunha responde a organizacións criminais". "Na súa maioría -advirte- detectamos que por tras destas ocupacións están colectivos vulnerables e en exclusión social", resalta, e "por iso insistimos na colaboración da Xunta, que asume a competencia en vivenda, e achegamos os fondos necesarios".