Mercar unha vivenda na Galicia urbana é hoxe un 20% máis caro que hai cinco anos

Dominio Público

O ano 2008 supuxo o estoupido da burbulla inmobiliaria que viñera sendo alimentada nos dez anos anteriores. O prezo medio da vivenda libre pasara en Galicia de 652 euros por metro cadrado en 1998 a 1.552 euros no 2008, un 138% máis. Nos anos seguintes, marcados pola Gran Recesión, con milleiros de persoas incapaces de facer fronte ás súas hipotecas, quebras de promotoras inmobiliarias e bancos e caixas rescatados polo Estado, os prezos da vivenda caeron con rapidez. No ano 2014 o metro cadrado da vivenda libre pasara a 1.178 euros en Galicia, un 24% menos. Na cidade da Coruña, por exemplo, baixou de 2.275 a 1.534 euros, un 34% menos.

O incremento dos prezos de compra únese ao aumento dos alugueiros (un 25% dende o 2016) para dificultar o acceso á vivenda de gran parte da poboación

Dende entón, o prezo da vivenda vén experimentando un lento pero constante ascenso, que se foi acelerando nos últimos anos, especialmente na Galicia urbana. O prezo de compra dunha vivenda aumentou case un 20% nos últimos cinco anos na maior partes das cidades e grandes vilas galegas, un incremento semellante ao experimentado polos alugueiros (un 25% máis en cinco anos nas cidades) e que contribúe a facer máis difícil o acceso á vivenda, como veñen denunciando distintas entidades sociais, dende Cáritas ao Colexio de Traballo Social ou os sindicatos.

A Coruña é a cidade máis cara para mercar unha vivenda, por diante de Compostela e Vigo

Os datos do IGE que recolle o Observatorio da Vivenda da Xunta que A Coruña é a cidade máis cara para mercar unha vivenda, por diante de Compostela e Vigo. No prezo dos alugueiros a cidade herculina sitúase á par que a cidade olívica. Detrás das tres urbes aparecen Oleiros e Culleredo, na área metropolitana coruñesa e despois Pontevedra e Ourense. Lugo e sobre todo Ferrol teñen prezos medios máis reducidos e vense superados por algunhas vilas como Redondela, Arteixo, Ames ou Cangas (estas dúas últimas non figuran no gráfico por non estár dispoñible o dato de 2016).

A porcentaxe de incremento entre o 2016 e o 2021 móvese algo por debaixo do 20% en case todas as cidades, entre o 16% de Pontevedra, o 17% de Lugo e Ferrol, o 19% de Santiago e o 20% de Vigo e A Coruña

A porcentaxe de incremento entre o 2016 e o 2021 móvese algo por debaixo do 20% en case todas as cidades, entre o 16% de Pontevedra, o 17% de Lugo e Ferrol, o 19% de Santiago e o 20% de Vigo e A Coruña. A excepción é Ourense, onde os prezos case non variaron (+4%). Ademais, nalgúns concellos próximos a grandes cidades, como Oleiros (+27%), Arteixo (+23%), Culleredo (+22%), Redondela (+22%) o encarecemento da vivenda libre foi aínda maior.

Os datos de 2021 non son aínda definitivos (só se coñece o valor dos tres primeiros trimestres), polo que a porcentaxe de incremento podería ser aínda superior. 

De igual xeito, nos nove primeiros meses de 2021 (á espera de coñecer os datos do último trimestre) o encarecemento dos prezos da vivenda foi importante na Coruña (+7,5%), Ferrol (+7,3%), Vigo (+5,6%) ou Pontevedra (+5,1%), con Lugo e Santiago con aumentos do 4% e vilas como Ribeira ou Redondela por riba do 7% e Culleredo, Arteixo e Narón por riba do 5%.

No conxunto de Galicia o incremento dos prezos de compra da vivenda libre é aínda lento, apenas un 2% en cinco anos, segundo os datos do IGE. Con todo, si que se observa unha aceleración nos datos dos tres primeiros trimestres do 2021.

En realidade, os datos -mesmo na Galicia urbana- están aínda moi lonxe dos niveis que se acadaran ao redor do ano 2008, no pico da burbulla inmobiliaria. En Arteixo, o prezo do metro cadrado (hoxe 1.044 euros) chegou a ser de 1.466. Uu en Vigo os 2.452 euros que chegou a acadar, na actualidade sitúanse aínda nos 1.582.

O encarecemento rexistrado nos últimos cinco anos leva xa os prezos medios na Coruña, Oleiros, Santiago ou Lugo a niveis semellantes aos que se rexistraban no 2005

Con todo, o encarecemento rexistrado nos últimos cinco anos leva xa en varias cidades e algunha vila os prezos medios a niveis semellantes aos que se rexistraban no 2005, tres anos antes do máximo acadado durante a burbulla da primeira década do século. Na Coruña, por exemplo, os prezos superan xa amplamente os niveis de 2005, o mesmo que en Oleiros, Santiago e Lugo. En Culleredo, Marín, Vilagarcía, Pontevedra ou Arteixo, achéganse ao nivel dese ano 2005.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.