A finais de 2020, a Consellería de Medio Ambiente -da que depende o Instituto Galego de Vivenda e Solo- anunciou a sinatura dun convenio co Consello da Avogacía. Tratábase de abrir, por vía de urxencia, unha liña telefónica de "asesoramento profesional gratuíto" para "afectados pola ocupación ilegal da súa vivenda".
O Goberno galego achegou 27.000 euros destinados a sufragar a "elaboración dunha guía informativa" ao respecto e, sobre todo, a apertura dun servizo "atención xurídica de consultas de persoas propietarias afectadas por intrusión non consentida en vivendas" a través de internet e na devandita liña telefónica, dispoñible catro horas pola mañá e outras tantas pola tarde e luns a venres e os sábados, en horario matinal. O convenio reservaba 500 euros por semana para a cobertura destas "gardas".
Nin o convenio -asinado o 4 de decembro de 2020- nin a súa memoria xustificativa incluíra daquela dato ningún a respecto da incidencia do fenómeno das ocupacións ilegais en Galicia. Unha vez finalizada a vixencia do acordo, en decembro de 2021, Praza.gal preguntou polas cifras de utilización do servizo ao Consello da Avogacía e máis á Consellería, que vén de responder nesta semana final de xaneiro: as consultas foron 30 nun ano, isto é, unha media de dúas e media ao mes e menos de unha á semana. Para a Xunta, o balance é "satisfactorio" e disponse a renovar o convenio para este 2022.
A Xunta afirma que aínda que poida semellar "discreto" o balance do teléfono 'antiocupacións' ao que destinou 27.000 euros en 2021, é "acorde co agardado" e matiza agora que o das ocupacións "non é tanto un problema cuantitativo como cualitativo"
Segundo a resposta ofrecida polo departamento que dirixe Ángeles Vázquez a este xornal, "máis dun 80%" das persoas que recorreron a esta liña telefónica sobre ocupacións para recibir "unha primeira asistencia profesional sobre os trámites administrativos e xudiciais a seguir" -isto é, arredor de 24- eran "propietarios de inmobles ocupados e familiares directos". "Tamén -agrega- se rexistrou algunha consulta puntual por parte dalgún veciño, axente inmobiliario, fundación e avogado dos afectados", perfís que se atoparían entre as 6 chamadas restantes.
Diante da escaseza de chamadas, o Goberno galego sinala que "o balance das consultas" pode "parecer discreto" pero "resulta satisfactorio e acorde co agardado". Neste sentido, tras afirmar ou suxerir nos últimos anos -quer dende o Goberno, quer dende o PP- que este fenómeno ía en aumento e asumir o contido dun informe encargado por 8.000 euros a unha profesora e dirixente do PP que advertía dun suposto incremento "exponencial" en Galicia, a Consellería matiza agora que "o fenómeno das ocupacións non é tanto un problema cuantitativo como cualitativo".
Mentres os datos do Poder Xudicial acreditan un escaso impacto deste fenómeno en Galicia, a Consellería pon o foco en que se trata dun "problema de orde social, pola inquedanza que xera" e confirma a renovación do convenio para manter o teléfono activo durante 2022
Despois de que, sistematicamente, os datos oficiais do Poder Xudicial veñan sinalando a problemática das ocupacións como moi escasa e mesmo en regresión en Galicia, Vivenda vén dicir que a cuestión non é tanto a cantidade de episodios como o problema de "orde social, pola inquedanza e inseguridade que xera" sobre afectados e "entre veciños e comerciantes da contorna". Por todos estes motivos, confirma, "vaise renovar o convenio" para manter o teléfono antiocupacións durante 2022. Os termos do acordo xa están redactados e o novo convenio só está pendente de sinatura, ratifica.
Na mesma resposta, a Xunta reitera tamén a súa posición a respecto dun endurecemento do Código Penal para estes casos. É a tese que veñen defendendo o Goberno e o PP dende hai anos e que a propia Consellería reafirmou tras a recepción do devandito informe, que tamén culpaba dun teórico incremento de ocupacións en Galicia cun suposto apoio a esta práctica por parte da alcaldesa de Barcelona, Ada Colau.