As "sensacións" volven bater cos datos. O Consello Xeral do Poder Xudicial vén de actualizar a serie estatística Efectos da crise económica nos órganos xudiciais con datos correspondentes ao terceiro trimestre de 2021. Apenas vinte e catro horas despois de que a Xunta, por boca da conselleira con competencias en materia de Vivenda, Ángeles Vázquez, volvese poñer o foco na suposta necesidade de endurecer a persecución das ocupacións ilegais de vivendas -o seu departamento vén defendendo que aumenta e que existe "sensación" de impunidade ao respecto-, o Poder Xudicial acreditan que non só non aumentan dentro do propio ano, senón que seguen descendendo a respecto do ano previo á pandemia, o 2019.
O Poder Xudicial subliña que a comparación debe facerse con 2019 para evitar a distorsión dos prazos suspendidos pola COVID: as 22 novas demandas por ocupacións no terceiro trimestre son un 35,3% menos que daquela
Como vén sendo habitual neste ano, o órgano de goberno da xudicatura realiza as comparacións interanuais destes indicadores non a respecto de 2020, ano marcado polos confinamentos e suspensións de prazos xudiciais a causa da pandemia e o Estado de Alarma, senón ollando a 2019. E nesa comparación, as 22 novas demandas "por ocupación ilegal de vivendas en casos nos que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social" supoñen un 35,3% menos que no mesmo trimestre de hai dous anos.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a tendencia á baixa nun marco xeral de estabilidade neste casos é obvia. Os 22 novos casos do terceiro trimestre son exactamente os mesmos que no segundo trimestre e tamén a mesma cantidade que no terceiro trimestre de 2020. Mesmo son menos que no segundo trimestre do ano pasado, o marcado polo confinamento.
O Poder Xudicial destaca, ademais, a baixa incidencia deste fenómeno en Galicia en comparación con outros puntos do Estado. As devanditas cifras supoñen 0,8 novos casos por cada 100.000 habitantes, o cuarto rexistro máis baixo, igualado co de Castilla y León e só por tras de Asturias (0,7), Euskadi (0,6) e Navarra (0,2).
Na súa análise dos datos, o Poder Xudicial pon o foco noutro indicador que si traza unha liña á alza, o das execucións hipotecarias. Isto é, o primeiro paso dun acredor -xeralmente, o banco- cara a un desafiuzamento por falta de pagamento. Foron 222 durante o terceiro trimestre de 2021, o que supón un 60% máis que no mesmo trimestre de 2019. No total estatal, o incremento é aínda maior e achégase ao 90%.
Non todas as execucións hipotecarias acaban en lanzamento, en desafiuzamento. Non en van, a maior parte dos desaloxos non son en pisos ou casas en propiedade, senón en vivendas alugadas. Así, no terceiro trimestre do ano foron 254 os lanzamentos en vivendas arrendadas (case o 80% do total), mentres que houbo 59 derivados de execucións hipotecarias e outros 7, doutras causas.
Os desafiuzamentos no terceiro trimestre multiplican por 14 os novos casos de ocupacións
Deste xeito, o total de lanzamentos no terceiro trimestre do ano é agora un 28% inferior ao mesmo período de 2019. Os vinculados a vivendas alugadas supoñen case un 30% menos que daquela e os ligados a hipotecas, un 21% menos. Nestes datos inflúen tamén, non obstante, as moratorias aprobadas polo Goberno de España ligadas á propia pandemia (na actualidade, esa moratoria segue vixente para determinados supostos de vulnerabilidade).
En calquera caso, como amosan os gráficos anteriores, tanto as execucións hipotecarias como os casos que acaban en desafiuzamento seguen sendo moitos máis que os casos de ocupacións ilegais. Concretamente, os lanzamentos (tanto de hipotecas como de alugueiros) multiplicaron por 14 as novas demandas por ocupacións.