A posibilidade de que medio cento de vivendas procedentes dunha inmobiliaria quebrada no barrio coruñés de Palavea acaben podendo ser cedidas ao Concello da Coruña para alugueiro social a través da Sareb, o coñecido como banco malo que quedou cos negocios inmobiliarios das entidades financeiras rescatadas -entre eles, máis de 5.000 millóns de ladrillo tóxico de Novacaixagalicia-, vén de redirixir o foco público sobre a actividade desta entidade. Máis aínda tendo en conta que recentemente a Comisión Europea confirmou que, ao contrario do asegurado polo Goberno de Rajoy cando foi creado, a Sareb computa como débeda pública.
A Sareb, que se negou a informar ao Parlamento sobre os 5.000 millóns de 'ladrillo tóxico' que absorbeu das caixas, ten cedidos 50 pisos á Xunta e 12 ao Concello de Miño
A controversia na política coruñesa en torno a eses pisos chega mentres o propio banco malo certifica cantos dos inmobles que xestiona están á disposición das comunidades autónomas ou dos concellos para pasaren a unha bolsa de alugueiro social. No caso galego, son apenas 50 as cedidas á Xunta para este fin e a elas engádense outras 12 negociadas co Concello de Miño. Mentres, Sareb tenta vender un total de 423 inmobles en territorio galego.
A única fonte pública para coñecer os inmobles na carteira da Sareb é o buscador do seu sitio web. Non en van, o banco malo negouse formalmente a informar o Parlamento de Galicia en 2017 ao respecto cando, no marco da comisión de investigación sobre o fracaso da fusión de Caixagalicia e Caixanova, o lexislativo galego lle reclamou datos concretos sobre os 5.000 millóns en activos inmobiliarios que absorbera de Novagalicia Banco, a entidade rescatada que quedara co negocio bancario de Novacaixagalicia. O banco malo alegara que se trataba de información confidencial.
A venda destes inmobles xestiónase a través das empresas Altamira Asset Management, Haya Real Estate, Servihabitat e Solvia, divisións inmobiliarias do Santander, Bankia, Sabadell e Caixabank, respectivamente -Haya e Servihabitat agora son parte do mesmo grupo financeiro, tras a fusión de Caixabank e Bankia-. 195 deles están na provincia da Coruña, 161 na de Pontevedra, 48 na de Lugo e as 19 restantes, na de Ourense.
A Xunta négase a divulgar o seu censo de vivenda baleira mentres pon o foco na ocupación
O regreso das vivendas do banco malo ao primeiro plano da actualidade prodúcese mentres boa parte da axenda política da Xunta a respecto da vivenda se centra en alertar sobre posibles ocupacións ilegais. O Consello Xeral do Poder Xudicial identifica 94 casos novos deste durante todo o ano 2020. Nese mesmo ano, os desafiuzamentos foron 15 veces máis, segundo a mesma fonte.
Vivenda sinala que o seu censo de vivenda baleira contén 1.813 inmobles, pero négase a divulgar cantos están en cada localidade e que entidades son as propietarias de cada unha, porque "non se crea, en ningún momento, como un rexistro de acceso público"
Recentemente, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda encargou dous informes sobre ocupacións de vivendas. Un deles, alerta dun suposto incremento "exponencial" e culpa do mesmo a dirixentes como a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau. Como informou Praza.gal, o Goberno galego pagou 8.000 euros por un deses informes, que fo redactado por Silvia Valmaña, profesora e dirixente do PP de Castilla-La Mancha. O documento reproduce parágrafos enteiros dunha proposición de lei redactada meses antes polo PP castelán-manchego e o suposto incremento "exponencial" baséase na comparación cos datos da actividade dos xulgados galegos en 2018, cando estiveron paralizados boa parte do ano pola folga do persoal de Xustiza, que o informe non menciona.
Con este pano de fondo, a mediados deste mes de abril o BNG preguntou no Parlamento ao director do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, polos datos concretos do seu censo de vivenda baleira. Tratábase, especificaba a deputada Alexandra Fernández, de coñecer en detalle "onde e cantas vivendas baleiras hai", pero tamén a súa titularidade: "Cantas son de propiedade de entidades de crédito, das súas inmobiliarias ou de entidades de xestión de activos, incluídos os procedentes da reestruturación bancaria", isto é, as do banco malo.
En resposta ao BNG, o director do IGVS só indica que "moitas" das vivendas do censo de pisos baleiros están en concellos pequenos e exemplifícao con "cento e pico" que se atopan en Lalín
O máximo responsable do IGVS, que subliñou a utilidade de contar cun censo de vivendas baleiras e admitiu ter identificadas cales son titularidade de bancos ou outras entidades financeiras, evitou ofrecer datos concretos, alén das sumas totais. Xustifica o alto cargo a ocultación das cifras porque o rexistro "non se crea en ningún momento como un rexistro de acceso público", o cal "non impide, para nada, que outras administracións", como os concellos, "poidan acceder a eses datos".
Así, García so concretou que o censo contén actualmente 1.813 vivendas e que hai media década eran 2.553. "Moitas delas", asegurou, están "en concellos de menos de 10.000 habitantes" e exemplifica a circunstancia co caso de Lalín (20.207 habitantes en 2020), onde figuran "cento e pico". Esta, considera, é "unha dimensión clara do problema", xa que boa parte dos pisos de bancos e outras entidades financeiras se atopan en municipios onde "non hai unha demanda concreta" de acceso á vivenda por parte da cidadanía.