A Xunta prevé para política de vivenda uns cen millóns anuais ata 2025, por baixo do bipartito e de Fraga

Presentación do 'Pacto Social pola Vivenda 2021-2025' CC-BY-SA Xunta de Galicia

"Mobilizar máis de 1.080 millóns de euros e chegar a 70.000 familias". Ese foi o obxectivo verbalizado este mércores polo presidente da Xunta na presentación solemne do denominado Pacto Social pola Vivenda 2021-2025. No documento, o Goberno galego recompila medidas xa postas en marcha e engade outras novas ás que destinará "un investimento directo duns 433 millóns de euros" ata 2025, o que implica algo menos de cen millóns ao ano durante cinco anos. 

Feijóo solemniza un "pacto social pola vivenda" que confía o 60% do investimento preciso a fondos privados e ratifica que o orzamento público na materia apenas vai medrar durante a actual lexislatura 

Esta previsión implica manter o orzamento público para políticas de vivenda en algo menos da metade do destinado polo Goberno de coalición de PSdeG e BNG nas súas derradeiras contas públicas, as de 2009, que reservaban algo máis de 210 millóns de euros. Tamén continuarán sendo inferiores ás partidas de vivenda do derradeiro orzamento do Executivo do PP de Fraga, en 2005, que as dotaba con 114 millóns de euros. Daquela, o conselleiro con competencias en materia de vivenda era Alberto Núñez Feijóo.

Esa contía de investimento público, arredor de 85 millóns ao ano, supón ademais confirmar que o Executivo non prevé incrementos significativos nos seus orzamentos de vivenda a respecto dos previstos para este 2021. O proxecto orzamentario, a piques de ser aprobado polo Parlamento, reserva 85,8 millóns para vivenda e o documento presentado este 20 de xaneiro salienta que as accións ligadas ao Pacto social suman algo máis de 72 millóns de euros neste ano. As partidas futuras, como a actual, están ademais ligadas á concreción de fondos estatais e da UE.

O resto do financiamento do plan, ata os máis de mil millóns anunciados polo presidente, o 60% do total, corresponderá a "fondos privados". A Xunta espera que se mobilicen grazas aos fondos públicos que prevé achegar nun plan que chega despois da lexislatura con menos vivendas protexidas construídas en Galicia dende que hai datos. Foron apenas 24 entre 2016 e 2019 (os datos de 2020 aínda non están dispoñibles) fronte ás máis de 10.000 do mandato da coalición de PSdeG e BNG, unha cantidade que tamén foi superada en todas as lexislaturas de Fraga agás na primeira.

Vivendas protexidas máis caras e vivendas "concertadas" 

Na construción de vivenda protexida, tanto para compra como para alugueiro -o arrendamento, din, será potenciado-, detense un dos epígrafes do novo plan da Xunta. O Goberno admite que as vivendas protexidas e, máis concretamente, as vivendas protexidas de promoción pública "constitúen a única forma de acceso a unha vivenda para moitas persoas e familias", especialmente nas sete cidades. 

O plan suxire que a Xunta vai subir os "prezos máximos de referencia das vivendas protexidas" porque "levan máis de 12 anos sen actualizarse" e isto "provoca que, en moitos casos, non sexa viable a súa construción"

Sen ofrecer cifras concretas sobre as vivendas protexidas -tanto de promoción pública como privada- para os vindeiros anos, a Xunta si adianta algunhas das novidades. Unha delas, referidas aos prezos. Apunta o Executivo que "os prezos máximos de referencia para as vivendas protexidas levan máis de 12 anos sen actualizarse", isto é, dende os tempos do Goberno de coalición. Isto, defende, "provoca que, en moitos casos, non sexa viable a súa construción", polo que "cómpre actualizar estes módulos co obxecto de impulsar a edificación", di no que semella apuntar a un incremento de prezos.

O plan adianta tamén que a "forma prioritaria de actuación" en "localidades medianas e pequenas" onde o rexistro de demandantes "acredite a existencia de demanda" de vivenda protexida serán as denominadas "vivendas públicas concertadas". Tratarase de vivendas construídas "por promotores privados ou outros promotores públicos" diferentes da Xunta "sobre solo público" e que para o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) pasarán a ter a consideración de promoción pública". 

"A intención desta figura -agrega o documento é establecer unha liña de colaboración público-privada con outros promotores" para que "constrúan as vivendas con recursos propios e o IGVS as cualifique como de promoción pública". A continuación, serían outorgadas "axudas a quen adquire, facilitándolle tamén acceso ao financiamento".

Axudas á compra

O documento, elaborado con achegas dos colectivos integrantes do Observatorio da Vivenda de Galicia, no que están presentes colexios de arquitectura, empresas promotoras, concellos e ou organizacións de consumidores, ademais da propia Xunta, inclúe medidas de acceso á vivenda, rehabilitación, renovación urbana ou oferta de solo residencial. Segundo a Xunta, entre elas hai "12 iniciativas novidosas" das que o propio Feijóo salientou “a posta en marcha de medidas para dar un novo impulso á adquisición de vivendas protexidas, mediante axudas de ata 20.000 euros. 

A esas axudas poderían acceder familias con ingresos inferiores a "4,5 veces o IPREM", isto é, o equivalente a un máximo de 2.538 euros mensuais. Destaca tamén Feijóo posibles plans para "o alugueiro con opción de compra para menores de 35 anos” con axudas "de ata 8.000 euros" para as persoas propietarias que se interesen por esta fórmula.

Presentación do 'Pacto Social pola Vivenda 2021-2025' CC-BY-SA Xunta de Galicia

O proxecto tamén indica que "cómpre analizar a posibilidade de articular" unha "liña de avais" ou "un seguro de crédito hipotecario, coa participación" de aseguradoras privadas para "garantir" ata o 15% do prezo de compra de vivenda para persoas menores de 35 anos, "xa sexa de nova construción ou procedente de rehabilitación", co condicionante de que o piso ou casa "non superase o prezo de adquisición dunha vivenda protexida de prezo concertado na mesma localidade". "Con este programa perséguese que poidan dispoñer de hipotecas polo 95 % do valor da vivenda: ao 80 % que outorga a entidade financeira súmase outro 15 % cuberto por este aval público. Desta maneira, a persoa compradora soamente tería que facer fronte ao desembolso inicial do 5 %", conclúen.

Documento do 'Pacto Social pola Vivenda 2021-2025' presentado pola Xunta © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.