O anteproxecto da Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2021 prevé un incremento do 5% no Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples (IPREM), que pasaría de 537,84 euros a 564,73 euros mensuais. A suba, duns 27 euros, sería a máis importante dende que existe este indicador, e viría poñer fin a catro anos de conxelacións sucesivas e a unha década de estancamento. Todo depende agora da aprobación dos Orzamentos nas Cortes, que permitirían elevar este indicador, do que dependen moitas prestacións e o acceso de milleiros de persoas a un gran número de axudas sociais de todo tipo.
A suba, duns 27 euros, sería a máis importante dende que existe este indicador, e viría poñer fin a catro anos de conxelacións sucesivas e a unha década de estancamento
O IPREM anual en 12 pagas pasaría de 6.454,03 euros a 6.776,73 euros. E o IPREM anual en 14 pagas subiría dende os 7.519,59 euros ata os 7.895,56 euros.
O IPREM naceu no ano 2004 buscando que as axudas e subsidios deixasen de actualizarse conforme ao salario mínimo interprofesional. Así, do nivel que cada ano se determine para o IPREM depende a contía de moitas prestacións, por exemplo o subsidio por desemprego, cuxas contías mínima e máxima se fixan en relación con este indicador.
O acceso a moitas axudas, dende vivendas de protección oficial, bono eléctrico, axudas ao alugueiro, bolsas de estudo ou a asistencia xurídica gratuíta, está restrinxido ás persoas cuxo ingresos non superen un determinado nivel calculado en función do IPREM
De igual xeito, o acceso a algunhas axudas, dende vivendas de protección oficial, o bono eléctrico, axudas ao alugueiro, bolsas de estudo, subvención para escolas infantís ou a asistencia xurídica gratuíta, está restrinxido ás persoas cuxo ingresos non superen un determinado nivel calculado en función do IPREM (por exemplo 2 veces o IPREM para o bono eléctrico ou 5,5 veces o IPREM para as vivendas protexidas).
Despois de medrar de forma regular entre os anos 2006 e 2010 (entre o 2% e o 3% anual), o indicador permaneceu practicamente conxelado durante os dez anos seguintes, cun único incremento no ano 2016, de tan só 5 euros (+0,93%). Dende entón, as sucesivas prórrogas dos Orzamentos Xerais do Estado pola imposibilidade de aprobar unhas novas contas, impediron a actualización do IPREM, que non variou nos últimos catro anos.
A diferenza cada vez maior entre IPREM e SMI estaba bloqueando o acceso de moitas persoas a un gran número de beneficios sociais
Isto non só fixo que moitas prestacións non aumentasen a súa contía nos últimos anos, senón que deixaba fóra de moitas axudas e beneficios sociais a máis persoas que viran aumentar os seus ingresos, por exemplo debido ao incremento que veu experimentando nos últimos anos o Salario Mínimo Interprofesional (SMI). Mentres que no ano 2016 o SMI equivalía a pouco máis de 1,2 veces o IPREM, na actualidade é case 1,7 veces este indicador. Esta diferenza cada vez maior entre IPREM e SMI estaba bloqueando o acceso de moitas persoas a un gran número de beneficios sociais.