O presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, presidiu este martes a sinatura do acordo social para a suba do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) na Moncloa, unha semana despois de que o Executivo acordase cos interlocutores sociais un incremento do 4% para 2018, até os 735,9 euros en 14 pagas e 10.304 ao ano, e elevalo aos 850 euros en 2020 de cumprirse cunhas condicións.
Os 850 euros previstos para 2020 achéganse ao 60% do salario medio, o mínimo recomendado pola Carta Social Europea
Eses 850 euros suporían achegarse ao 60% do salario medio, o mínimo recomendado pola Carta Social Europea. A suba foi recibida con optimismo polos secretarios xerais de CCOO e UGT, Unai Sordo e Pepe Álvarez, que participaron no acto deste martes cos presidentes da CEOE e Cepyme, Juan Rosell e Antonio Garamendi, e coa ministra de Emprego, Fátima Báñez.
A suba será do 5% para 2019, 773 euros ao mes en 14 pagas e 10.819 ao ano; e do 10% para 2020, ata os 850 euros
Pero para eses 850 euros quedan dous anos. Quen cobre o salario mínimo non chegará aos 850 euros até 2020; o ano que vén o soldo será de 735,9 euros por unha xornada completa, en 14 pagas, cifra correspondente ao aumento do 4% do SMI que xa anunciara Rajoy. Así, irase incrementando até alcanzar o obxectivo marcado para dentro dous anos. A suba será do 5% para 2019, 773 euros ao mes en 14 pagas e 10.819 ao ano; e do 10% para 2020, acadando eses 850 euros en 14 pagas e 11.901 euros ao ano.
"Queremos que a recuperación chegue a todos os fogares e a todos os salarios, especialmente aos máis baixos. Non queremos que ninguén quede atrás", dixo Rajoy, que dixo que, segundo os cálculos do Goberno central, 530.000 persoas poderán beneficiarse do aumento para 2018. Para Rosell, non son tan importantes as cifras "senón a mensaxe que achega" de acordo e diálogo social. En canto a CCOO e UGT, cren que o pacto é positivo pero debe acompañarse doutras medidas en materia de negociación colectiva e no fomento da "inclusión" na repartición da riqueza.
Os traballadores con convenio colectivo como referencia ao SMI non van ser beneficiados pola suba en 2018
Con todo, nin tan sequera aqueles traballadores cuxo convenio colectivo utilice como referencia o SMI para determinar o salario base van ser beneficiados en 2018. A Disposición Transitoria Primeira do borrador do Real Decreto polo que se fixa o salario mínimo para o vindeiro ano establece que para eses casos, o SMI de referencia que deben utilizar as empresas é o de 2016, "agás que as partes lexitimadas acorden outra cousa". En concreto, os 655 euros, actualizado cun incrementno dun 2% "segundo o obxectivo a medio prazo de inflación do Banco Central Europeo", tal e como di o decreto.
Segundo CCOO e UGT, as condicións dese decreto foron unha imposición do Goberno, pero existe a garantía de que ningún salario poderá estar por baixo do salario minimo en cómputo anual. É dicir, dos convenios non poderán saír salarios inferiores a 736 euros, pero de fixarse que son "dúas veces" o SMI, deberían tomarse como referencia os 655 euros de 2016.
A CIG cualifica de "vergoñento" o acordo asinado por "consolidar" a precariedade e a desigualdade, "que é máis no caso galego"
Desde Galicia, a CIG xa cualificara de "vergoñento" o acordo asinado por "consolidar" a precariedade e a desigualdade, "que é máis no caso galego, onde os sarios están un 15% por baixo da media do Estado". A central nacionalista lebra que o pacto incumpre o acadado antes no Congreso, segundo o cal en 2020 o SMI chegaría aos 950. Ademais, considera "aínda máis grave" o feito de que estes incrementos se condicionen ao aumento de 2,5% do PIB no Estado ou a unha media de novos cotizantes.
O IPREM, estancado
Alén disto, mentres o salario mínimo vai medrando, o IPREM mantense practicamente conxelado. O IPREM é o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples e é empregado como referencia para moitas axudas públicas, bolsas e prestacións sociais, tanto a nivel estatal como autonómico ou local. Apróbase a través dos Orzamentos Xerais do Estado e aínda non está decidido que ocorrerá en 2018, pero na actualidade a cifra sitúase nos 538 euros mensuais tras unha suba de 5 euros neste ano e logo de que permanecese desde 2010 nos 533.
Por exemplo, a prestación por desemprego fixa os seus mínimos e topes en base ao IPREM: o mínimo para un traballador sen fillos a cargo é do 80% do IPREM mensual, dependendo logo doutras variables. Tamén se utiliza para fixar subsidios de protección por paro ou prestación por maternidade non contributiva, entre outras, así como para acceder a vivendas de protección oficial, restrinxíndose a aqueles solicitantes que non superen en determinadas veces ese IPREM.
O IPREM mantense conxelado, polo que os traballadores que cobran o SMI poden verse excluídos de axudas pola fenda entre as dúas referencias
Así, naqueles lugares no que este indicador é un requisito de acceso, os traballadores que cobran o salario mínimo poden verse excluídos porque o IPREM e o SMI están cada vez más distantes. É dicir, os salarios mínimos non darán xa o dereito a algunhas axudas para persoas con baixos ingresos por mor desta fenda, cada vez maior, e que hai anos non o era tanto.
CCOO e UGT piden revisar a cifra do IPREM, mentres a CIG avoga pola súa "inmediata desaparición" ao ser un indicador de referencia absoluta para calquera tipo de prestación ou axuda pública. "O que fai é deteriorar aínda máis as condicións de vida e o acceso a unhas rendas públicas mínimas”, di a central nacionalista.
Os que non cobrarán nin ese mínimo
Aínda que se fale de salario mínimo, hai xente que cobra menos desa cantidade (dos 736 euros a partir do 1 de xaneiro). A cifra de referencia do SMI correspóndese á da xornada completa de oito horas en 14 pagas, pero no caso dos traballadores que teñen contratos a xornada parcial, de menos horas, o soldo mínimo a cobrar calcúlase proporcionalmente ás horas que se traballan. É dicir, se a xornada é de catro horas, o SMI será duns 368 euros.
Ademais, os traballadores que están dados de alta como autónomos non obteñen este salario mínimo. Na actualidade, o número de traballadores autónomos é de 3,2 millóns no Estado e son unha figura moi utilizada nalgúns dos novos empregos que se están creando na denominada economía das plataformas (gig economy), que acumula críticas de precariedade laboral. É o caso de Glovo e de Deliveroo, esta última sancionada pola Inspección de Traballo, que resolveu tras varias denuncias en Valencia que os seus repartidores son falsos autónomos.