Nin os 3,3 euros do salario mínimo interprofesional (SMI). Está previsto que o vindeiro venres o Consello de Ministros aprobe o incremento dun 0,5% do soldo mínimo, que pasará dos 645,30 euros en catorce pagas anuais nos que levaba estancado dende 2013 a 648,60. Este levísimo incremento do SMI no ano electoral é presentado dende o Goberno de España e o partido que o sustenta como un síntoma máis de recuperación económica e do remate da crise proclamado por Mariano Rajoy hai poucos días. Alén de que, obviamente, poder percibir tres euros máis ao mes non vaia solucionar a situación económica de quen cobra o salario mínimo, esta raquítica suba prodúcese mentres o Estado mantén intacto por quinto ano consecutivo o Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples (IPREM), a referencia empregada para a concesión de múltiples axudas sociais.
Unha das primeiras decisións do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero foi, na primavera de 2004, desvincular diversas prestacións públicas da evolución do SMI por "razóns de seguridade xurídica e para evitar que se produzan efectos perturbadores na economía". Así, ao tempo que determinaba unha suba do salario mínimo, o Executivo do PSOE promulgou un decreto para crear o IPREM, que naceu cunha contía de 460,50 euros e cuxa evolución está condicionada a factores como os prezos, se ben a decisión última depende do Goberno central, que o fixa anualmente nos seus Orzamentos. Mentres o SMI ficaba restrinxido ao ámbito laboral, o IPREM é o indicador para, por exemplo, calcular o dereito de acceso a unha vivenda do Instituto Galego de Vivenda e Solo, a cobrar certas bolsas, a acceder á xustiza gratuíta ou o importe da prestación por desemprego.
O IPREM, referencia para calcular prestacións en ámbitos como vivenda pública, bolsas ou desemprego, permanece intacto dende a chegada do PP ao Goberno de España
Así as cousas, da evolución do IPREM depende que máis ou menos persoas poidan acceder a determinadas axudas e a contía das mesmas nun momento en que, tal e como acreditan fontes estatísticas como o IGE, as prestacións sociais teñen un peso crecente na economía e mesmo na supervivencia de moitas familias. Segundo os Orzamentos Xerais do Estado para 2015 este indicador permanecerá un ano máis en 532,51 euros ao mes, exactamente o mesmo importe que atopou o PP ao chegar ao Goberno. Así as cousas, o IPREM leva conxelado practicamente a metade da súa existencia, toda vez que entre 2004 e 2010 foi aumentando entre un 2% e un 4% interanual, en función dos obxectivos de inflación marcados polo Banco Central Europeo.
Mentres os presidentes galego e español e tanto a ministra de Emprego como a conselleira de Traballo destilan optimismo cara ao ano vindeiro a conxelación do IPREM e a mínima suba do SMI contribúen a asentar un panorama no que a fenda salarial galega co resto do Estado se mantén nuns 200 euros mentres, segundo os datos máis recentes, o pais se mantén nos postos de cabeza das comunidades autónomas no que a horas traballadas se refire.