Medio millón de persoas viven por debaixo do limiar da pobreza en Galicia

Cadriño de Castelao con referencia á pobreza Dominio Público Castelao

Máis de medio millón de galegos e galegas (542.892), ao redor do 18,8% da poboación, viven por baixo do limiar da pobreza, fixado en 8.871 euros anuais por persoa. CC.OO. subliña o dato coincidindo coa conmemoración do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza. A través de Maica Bouza, secretaria de Emprego e Previsión Social, o sindicato denuncia que nos últimos anos "malia a suposta recuperación económica a renda distribúese en Galicia dun xeito desequilibrado e inxusto", o que tivo como consecuencia "un incremento das desigualdades sociais entre o 2013 e o 2017".

Case un de cada cinco galegos e galegas vive por debaixo do limiar da pobreza

No último ano, a taxa de pobreza en Galicia medrou unha décima, aínda que se atopa 2,7 puntos por baixo da media española, situada no 21,5%, e que no último ano diminuíu unha décima. A taxa de risco de pobreza indica a porcentaxe de poboación que ten ingresos inferiores ao 60% da renda mediana. O limiar da pobreza para un fogar composto por dúas persoas adultas e dous nenos ou nenas sitúase nos 18.629 euros.

Case un de cada cinco galegos e galegas vive por debaixo do limiar da pobreza CC-BY-SA Dani Vázquez

Outro dos indicadores para medir a desigualdade na distribución dos ingresos é o cociente S80/S20, que se interpreta como a relación entre a renda obtida polo 20% da poboación con renda máis alta (quintil máis alto) e a renda media obtida polo 20% da poboación coa renda máis baixa (quintil máis baixo). Canto máis alto é o cociente, iso significa que unha sociedade é máis desigual. En Galicia este indicador sitúase en 5,8, medrando de forma alarmante nos últimos anos, dende o 4,6 do ano 2009.

No último ano, a taxa de pobreza en Galicia medrou unha décima

CC.OO. alerta de que a pobreza afecta con máis intensidade ás xeracións máis novas, xa que as persoas menores de 16 anos teñen unha taxa de pobreza do 21,65% e as de menos de 24 anos do 23,48%, moi por riba das cifras xerais para o conxunto da poboación. Hai máis pobreza igualmente entre as mulleres que entre os varóns e de forma particular nas familias monoparentais, que dependen maioritariamente dunha muller e nas que o risco de pobreza e exclusión social se eleva ao 46,99%, tres veces a taxa xeral.

O mes pasado Cáritas alertaba de que tan só o 41% da poboación galega está nunha situación de integración plena. No outro extremo, case un de cada cinco galegos e galegas (470.000 persoas) atópase en situación de exclusión social. Deles, o 9,1% da poboación (245.858 persoas) está nunha situación de exclusión moderada e o 8,4% (226.946 persoas) en exclusión severa. Ademais, o 41,6% da poboación galega atópase nunha situación precaria e conta cunha alta taxa de vulnerabilidade social e con risco de caer en situacións de pobreza ou exclusión, sobre todo no escenario dunha nova crise económica

O sindicato esixe o reforzo do sistema público de pensións e de protección por desemprego e, así mesmo, das rendas de inserción, como a RISGA, "que deberían cubrir as necesidades básicas das persoas". CC.OO. é crítico coa xestión que o Goberno galego fai da RISGA, sinalando que "unha ferramenta teoricamente válida para a inserción social convértese, en mans da Xunta, nun ineficaz mecanismo de protección social". "Máis flexibilidade nos requisitos, menos burocracia e, en consecuencia, máis orzamento son pasos imprescindibles se queremos reducir a pobreza e a exclusión social en Galicia", afirma a central.

O sindicato esixe o reforzo do sistema público de pensións e de protección por desemprego e das rendas de inserción, "que deberían cubrir as necesidades básicas das persoas"

Finalmente, CC.OO. propón unha serie de actuacións para loitar contra a pobreza e a exclusión social: derrogar a reforma laboral para promover o emprego de calidade; reforzar as políticas activas de emprego; ampliar a protección por desemprego; mellorar os salarios; garantir unha vivenda digna; establecer unha renda mínima garantida no ámbito estatal; elevar o IPREM; desenvolver un sistema fiscal progresivo e xusto e consolidar o Sistema Público de Pensións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.