Cáritas presentou este mércores o VIII Informe Foessa, unha completa radiografía da situación social no Estado Español, e que lle dá continuidade aos traballos publicados en 2008 e 2014: antes da recesión económica e no peor momento da crise. Este novo estudo analiza os efectos desta década de crise e recortes, preguntándose se houbo unha recuperación e que sectores sociais puideron acceder a ela. Unha das primeiras conclusións do documento é que na actualidade hai en España 8,5 millóns de persoas en situación de exclusión social, 1,2 millóns máis que hai unha década.
Isto representa unha porcentaxe do 18,4%, que é moi semellante en Galicia (17,5%). Un amplo grupo da poboación "para quen o ascensor da mobilidade social non funciona, e non é quen de subir sequera ao primeiro andar".
"Este grupo da sociedade insegura móvese no gume da navalla. E intúe que ante unha eventual acudida, nunha nova crise, o seu sostén económico crebará"
O informe si detecta que dende o ano 2014 se produciu un incremento das persoas "que non teñen dificultades para a súa supervivencia, que levan unha vida digna en termos materiais e que se recuperaron cando menos aos mesmos niveis de antes da Gran Recesión". Porén, tamén advirte da situación dun grupo intermedio, que denomina sociedade insegura e que estaría composto por persoas que neste non se atopan en situación de pobreza ou en risco de exclusión social, pero que podería caer nestas situacións en caso dunha hipotética nova crise.
"Este grupo da sociedade insegura móvese no gume da navalla. E intúe que ante unha eventual acudida, nunha nova crise, o seu sostén económico crebará. Indígnalle que a sociedade segura se desentenda do resto e colla máis impulso ata desconectarse", destaca o informe, que cifra en seis millóns o número de persoas que estarían neste grupo en todo o Estado.
Esta sociedade insegura é especialmente importante en Galicia. O noso país sitúase por debaixo da media española en canto á porcentaxe de poboación en situación de exclusión social e moi lonxe por exemplo dos datos de Canarias (29%) ou Estremadura (23%). Porén, Galicia é tamén a segunda comunidade autónoma con menos poboación con integración plena, é dicir, fóra de todo perigo. Fronte ao 48,4% do conxunto de España, o dato galego é do 40,96%, e só mellora ao das Illas Canarias.
O 42% dos galegos e galegas forman parte da 'sociedade insegura', que está "na antesala da exclusión"
No medio fica unha parte moi importante da poboación galega, maioritaria, de feito, o 42% do total, que fica adscrita a esa categoría de sociedade insegura, que está "na antesala da exclusión", destaca o informe. "Mira cara á fracción estancada e ve que é próxima, aínda que non é semellante. Non a coñece nin a comprende porque apenas mantén vínculos con ela", explica. "Porén, cando mira cara ao outro lado, ve que tamén se están debilitando os lazos coa sociedade segura, a que vive instalada na soberbia", engade.
"A sociedade insegura aínda se valora, non perdeu a autoestima e os compromisos co estado de dereito, pero intúe que na próxima sacudida o seu sostén económico crebará e caerá a terra. Non ten poder económico nin son da súa propiedade os medios de comunicación. Ten un emprego precario, insuficiente, e un futuro incerto", completa a descrición.
O informe debulla a situación dos factores de sostibilidade das distintas capas da sociedade, a ameazas máis urxentes e os elementos que ameazan con debilitarse. Alerta, por exemplo, sobre o encarecemento da vivenda, lembrando que nos últimos anos o prezo dos alugueiros nas cidades creceu un 30%. E advirte dos efectos da crecente precariedade laboral, subliñando que "o 14% das persoas que traballan están en exclusión social", que "un de cada tres contratos temporais dura menos de sete días" ou que "o 15,1% dos fogares sofre inestabilidade laboral grave (son fogares nos que a persoa principal pasou por 6 ou máis contratos, por 3 ou máis empresas, ou estivo 3 ou máis meses en desemprego durante o último ano).
O informe alerta do encarecemento da vivenda e lembra que "o 14% das persoas que traballan están en exclusión social"
Alerta igualmente sobre o efecto dos recortes sobre os servizos públicos, apuntando que o número de persoas con cobertura sanitaria privada aumentou do 13,3% en 2012 ao 16,3% en 2017 como resultado das crecentes deficiencias do sistema sanitario público e da presión das empresas privadas para gañar espazo de negocio. No campo do ensino tamén salienta "o aumento da ratio de alumnado e a carga electiva para o profesorado" ou das "dificultades para a obtención dunha bolsa".
Tamén fai fincapé na situación especialmente vulnerable que sofren algúns colectivos, como as familias monoparentais (que dependen case exclusivamente dunha muller) e, en xeral, os fogares nos que viven menores de idade.
Quen saíu da crise? Quen sufriu a crise?
O documento salienta que "non se adquiriu unha conciencia clara de que os máis prexudicados foron os grupos máis excluídos socialmente"
O informe destaca que na sociedade española "implantáronse dous significados da saída da crise que se basean en indicadores diferentes". "Para as elites significa crecemento da economía, para a cidadanía común significa traballo e soldo dignos", di, destacando que non se trara só "dos indicadores nos que baseamos os nosos relatos, senón de entender que diferentes miradas xeran diferentes prioridades e diferentes resultados".
O documento salienta que "non se adquiriu unha conciencia clara de que os máis prexudicados foron os grupos máis excluídos socialmente". E comenta que a crise pagárona principalmente os traballadores maduros (61%), seguidos polos mozos (56%).
"É urxente construír espazos para o empoderamento social e político das persoas máis afectadas pola crise. Todo desde a perspectiva de non deixar a ninguén atrás"
"Necesitamos unha proposta de horizonte ético, unha pedagoxía da indignación e a esperanza", conclúe o informe de Cáritas, que di que "é urxente construír espazos para o empoderamento social e político das persoas máis afectadas pola crise". "Ábrese a necesidade de crear un sector público composto polo espazo de traballo conxunto das administracións públicas, as entidades non lucrativas e as empresas sociais. E todo iso desde a perspectiva de non deixar a ninguén atrás", remata