"A pobreza non só se manifesta en colectivos en risco de exclusión, chegou á clase media"

Marta Capeáns, á esquerda, nunha Xunta de Goberno do COTSG © COTSG

Un dos colectivos aos que lle tocou enfrontarse coas caras máis duras da crise foi ao do Traballo Social. O aumento da pobreza e doutras lacras sociais á par das reduccións orzamentarias provocan que cada día sexa unha batalla. A presidenta do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG), Marta Capeáns, reflexiona sobre a reforma da Lei de Administración Local, a enquisa estrutural aos fogares do IGE, a violencia de xénero, o papel dos medios ou o cheque bebé aprobado por Feijóo.

Desde o COTSG e as esferas do traballo social foron moi críticos coa reforma da administración local, semella que o proxecto quedará aparcado…

Aparentemente si, á espera de que se resolva antes o financiamento das comunidades. Porén, o que conleva a situación actual é a provocar aínda máis incertidume sobre a continuídade dos servizos sociais máis próximos ao cidadán, especialmente nos concellos pequenos de menos de 20.000 habitantes, que son os maioritarios en Galicia.  A impresión é que foi unha medida pensada como aforro económico do estado, e non se pensou na súa viabilidade… De aí que non se poida levar a cabo e que varias comunidades, entre elas a nosa, se viran na obriga de elaborar unha norma autonómica para tentar impedir a aplicación da Reforma Local. A necesidade de contrarrestar unha norma é un xeito de admitir a escasa o nula previsión e medicción das consecuencias da mesma.

"A reforma da Lei de Administración local pensouse como aforro económico do Estado e non se calculou a súa viabilidade"

Por outra banda, a curto prazo, dá a sensación de que a norma foi feita para quedar ben coa UE, rescatar á banca e desentenderse do financiamento estatal dos servizos sociais como medida de aforro. Deste xeito o que se fixo é arrebolarlle un dardo envelenado ás comunidades autónomas, sen ofrecerlle ningunha alternativa de financiamento como plan B e cuestionar o modelo de atención social actual enmascarado no que se dé en chamar “competencias impropias” dos concellos, que sabemos que funcionan desde a cercanía ás persoas e as súas problemáticas.

O que segue en vilo é a aprobación do TTIP, como afectará á prestación de servizos sociais?

É a medida económica máis liberalizadora que se recorda na historia da Unión Europea. Este tratado vai protexer os intereses das grandes empresas e corporacións sobre os dereitos das persoas, e abre a posibilidade da xestión dos servizos públicos aos mercados, porque do pouco que sabemos, si nos consta que se fala de que entre eses servizos públicos se atopan a sanidade, a educación, o sistema de pensións e, como non, os servizos sociais. Co cal, será un auténtico torpedo á liña de flotación do Estado de Benestar.

"O TTIP é un auténtico torpedo á liña de flotación do Estado de Benestar"

A UE incumple, con este tratado de libre comercio, a súa propia esencia de crear “unha Europa dos pobos” e de dar cumplimento ao seu compromiso de loitar contra a pobreza, derivándoo directamente a un compromiso cos mercados, onde a máxima é a competitividade e o maior beneficio ao menor coste. Isto reflexarase na perda de dereitos e de calidade de vida das persoas.

A enquisa coxuntural de fogares que vén de publicar o IGE reflexa que o 57% dos fogares galegos chega a fin de mes con dificultade, o dato baixou un punto a respecto do ano pasado,como perciben isto desde o ámbito do Traballo Social?

Cando a situación esixe que desde a municipalidade se estean impulsando e reinventando prestacións complementarias para axudar ás familias con ingresos a chegar a fin de mes, é porque esa mellora non só non se percibe en absoluto, senón que aparece un novo concepto de pobre. A pobreza xa non é exclusiva de certos colectivos en risco de exclusión social, senón que xa chegou á clase media.

"A mellora económica non se percibe en absoluto, senón que aparece un novo concepto de pobre na clase media"

A precariedade nas contratacións e a inestabilidade laboral provoca que aínda tendo emprego, se pode estar nunha situación de empobrecemento que se reflexa no día a día no xeito de xestionar bens tan necesarios como a enerxía ou a alimentación. Tamén no aumento do endebedamento das familias por non poder facer fronte a gastos básicos como alugueres ou hipotecas, ou os propiosimpostos ou taxas… Iso é co que o colectivo de traballadores sociais se atopa a diario: ese é o novo perfil de usuario dos servizos sociais.

Esta mesma enquisa dá o dato de que 1/3 da mocidade galega vive en risco de pobreza ou exclusión social, á par que este grupo de entre 16 e 24 anos sufre un incremento na taxa de risco de pobreza de 10 puntos desde 2007, como deben as administración enfrontar esta situación?

Evidentemente potenciando a empregabilidade e a contratación deste colectivo e non promovendo a emigración como unha marabillosa alternativa de expansión, xa que dende o 2010 o que se conseguiu é o éxodo de máis de 100.000 mozos galegos formados e moi cualificados gran parte deles, que deberían estar aportando ese coñecemento ao noso sistema produtivo.

"Un país sen mozos e mozas é un país sen futuro. Non podemos permitirnos ese luxo"

A maiores, a administración ten a obriga de paliar esta situación promovendo calquera medida de apoio, xa que só 1 de cada 15 mozos e mozas en paro están percibindo algún tipo de prestación. Resumindo, non só non teñen a opción de ser produtivos, senón que se converten nunha sobrecarga, cualificada iso si, no seo da súas propias familias.

Un país sen mozos e mozas é un país sen futuro. Non nos podemos permitir ese luxo. Formar a xente e enviala a ser rendible a outros países. Evidentemente, todo pasa tamén por intensas reformas estrutrales que permitan xerar emprego pola vía da creación de economía productiva en Galicia, de tecido empresarial no ámbito da innovación, pola inversión e pontenciación do noso medio rural e por crear, como non, economía no eido social e dos coidados.

O ministerio de Facenda vén de certificar que o gasto social nos orzamentos galegos volve descender con respecto aos do ano pasado…

Segundo se desprende dos datos analizados, hai unha pequena rebaixa porcentual, ainda que no montante global medre un pouco. No eidos dos servizos sociais que nos colle máis de preto, hai unha pequena subida a respecto do ano anterior, froito tamén do aumento global do orzamento da Xunta.

En todo caso o obxectivo é termos canto antes os números de 2009, ano desde o cal a inversión en política social non fixo máis que descender, como tamén indica o Índice DEC, elaborado pola Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais. Estamos falando de invertir en que as e os galegos poidan vivir cuns mínimos de dignidade, e sobre todo, invertir no que realmente resulta máis acuciante.

O Goberno galego vén de aprobar o cheque bebé por unha contía de 100 euros mensuais, é un bo sistema?

Esta medida en concreto, se algo non vai acadar é o obxectivo para o que debería ser creada: o fomento da natalidade. E de sobra é sabido que esta acádase con equipamentos que favorezan a conciliación laboral, persoal e familiar a un prezo razoable, e coa creación de oportunidades de emprego para nais e pais.

"Poñemos en dúbida que o cheque bebé da Xunta vaia fomentar nada"

Este tipo de medidas pódense entender como unha alegría coxuntural e puntual  para quen a poida percibir (ao igual que o cheque bebé de Zapatero no seu momento) pero que non resolven nin a crise de natalidade nin son un apoio ás familias continuado no tempo, e dende logo poñemos moi en dúbida que fomenten nada.

O COTSG participou en xornadas de acción municipal como, por exemplo, Coruña ou Santiago, que medidas urxentes deben implementar estes novos gobernos do cambio?

Hai iniciativas moi interesantes en algúns concellos con gobernos novos e inquedanzas para mellorar a calidade de vida cidadanía, ou dar desposta rápida a situacións acuaciantes que poden derivar en casos de estancamento na pobreza, que proceden do paro prolongado. Si é certo que os maiores retos que se van atopar son, en gran parte de tipo xurídico: medidas como a aplicación da Reforma Local, normativas encorsetadas como a Lei de Subvencións etc.  dan como resultado que, moitas veces, aínda querendo, non é posible activar en tempos razoables, medidas de apoio ás persoas máis vulnerables.

"Os maiores retos que van atopar os concellos para activar medidas para as persoas máis vulnerables van ser lexislativos"

En todo caso, a medida máis importante a ter en consideración sempre é a aposta pola xente, e aplicar o sentido común no reparto dos recursos. Se algo aprendimos desta crise, é que un dos problemas máis grandes veu da inversión en obras e en cemento inútiles a costa de abandonar á súa sorte a unha parte importante da cidadanía.

Recentemente veñen de formular unha reclamación a El Correo Gallego e de denunciar publicamente o uso da linguaxe de Periodista Digital ou El Progreso, en que poden axudar os medios ao Traballo Social?

Tanto no caso mencionado, como en tantas outras ocasións acontecidas ao longo dos últimos anos, aconséllaselles e recórdaselles aos medios que teñen unha arma nas mans que crea opinión e que educa á cidadanía en terminoloxía, en conceptos, pero tamén en ideoloxía, e que o xeito de expresarse pode desembocar en xerar, ou en conter odios a colectivos xa de por sí castigados socialmente.

Unha persoa que ten a desgracia de atoparse vivindo na rúa non é un “pé negro”, nin “un estómago agradecido” ou cando alguén sofre unha condea de “prestación de servicios en beneficio da comunidade” non se lle condea a facer Traballo Social.

Hai guías de estilo, e sempre estamos os colexios profesionais dispostos a colaborar e asesorar neste senso, e incluso nós mesmos estamos elaborando unha, vista a necesidade, en colaboración co Colexio de Xornalistas, para referirse con termos acaídos, evitar o mal uso de conceptos, ou incidir no máis preciso, evitando cuestións de mal gusto e que poden causan danos innecesarios, estigmatizan e atentan á dignidade das persoas.

"Os medios poden xerar ou conter odios cara ás comunidades máis castigadas socialmente"

Os e as profesionais do xornalismo teñen o deber de ser moi rigorosos, e dende o Colexio de Traballo Social consideramos que, aínda máis se cabe, cando os temas que traten teñan a ver coas persoas máis vulnerables. E a maiores, insistimos na necesitade de realizar valoracións desde o sentido común, que non inciten á cultura do odio.

As 7 mulleres galegas asesinadas por violencia machista igualan o peor dato dos últimos anos. Hai correlación entre a suba e o recorte orzamentario?

Evidentemente sería moi arriscando sentenciar que hai unha correlación entre eses 7 casos concretos, e os recortes. Pero o que si está testado é que feitos como a saturación e falta de persoal nos Xulgados de Violencia, a ausencia de profesionais suficientes nos CIM, a falta de recursos residenciais alternativos para vítimas de violencia, etc, favorecen que non se poidan prever ou evitar certos desenlaces fatídicos.

Neste campo de traballo e ante esta terrible lacra social, cada euro é inversión en deter sufrimento, en salvagardar o interese superior dos menores e mesmo en salvar ata a propia vida.

No COTSG usan a palabra feminicidio con frecuencia…

Parécenos un termo que, pese a non ser novedoso, porque se utilizou por primeira vez no ano 1976 ante o Tribunal Internacional sobre os crimes contra a Muller en Bruxelas por Diana Russell, si define moi ben o feito que está a acontecer na nosa sociedade. O único e o gran motivo que remata na morte dunha muller a mans da súa parella ou ex parella é o feito de seren mulleres.

"As mulleres non morren. Son asasinadas. Cométense feminicidios"

O feminicidio supón o asasinato de mulleres a mans de homes motivado polo odio, pracer ou sentimento de posesión cara elas. Non se nos ocorre un xeito mellor para definir o que, desgraciadamente, está a acontecer na nosa sociedade. “Non caen”, non “aparecen afogadas", nin "queimadas”, en definitiva, non “aparecen mortas”. Son asasinadas. Estanse a cometer feminicidios.

A presidenta do COTSG, Marta Capeáns CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.