Case 800 quilos de lixo apañados en 22 concellos noutra limpeza simultánea de praias

Veciñanza na limpeza de praias no barrio de San Roque da Coruña CC-BY-SA Adega

Case 800 quilos de lixo. Esa foi a cantidade aproximada que centos de voluntarios recolleron a pasada fin de semana en varias praias galegas nunha nova edición da Limpeza Simultánea de Praias coordinada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega).

Malia que a meteoroloxía desfavorable provocou que varias limpezas tivesen que ser adiadas, a entidade ecoloxista destaca que foron "centos" as persoas voluntarias que "sumaron os seus esforzos ao longo do litoral galego para limpar as praias e denunciar a problemática ambiental do lixo mariño". 

Cabichas recollidas nunha praia galega na limpeza simultánea de areais de Adega CC-BY-SA Adega

Na actividade participaron centros de ensino, asociacións, escolas de surf, colectivos e particulares de todo o territorio galego que traballaron de xeito organizado en 22 concellos da costa.

Adega destaca que de entre o lixo retirado, tiveron moita presenza as cabichas, os paus dos ouvido, as toalliñas e produtos de hixiene e, como vén sendo habitual, restos plásticos. "Ademais, adoitan aparecer residuos menos convencionais como calzado, traxes de baño, tubos, colchóns, rodas, portas....", sinalan desde unha entidade que logo da recollida leva a cabo co voluntariado máis actividades para concienciar e aprender a separación dos restos para a súa reciclaxe. 

A entidade destaca que con este tipo de accións "pretende poñer o foco sobre a problemática dos residuos nos nosos areais despois da tempada turística, así como na importancia de conservar a nosas praias libres de lixo para evitar que este acabe no mar". 

Ademais, Adega incide en que as limpezas de praias "non deben de ser feitos illados" e en que voluntariado ambiental "non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración". Ao tempo, convida a calquera persoa a recoller o lixo do noso litoral sempre que poida e de xeito manual, con respecto polos ecosistemas dunares e con especial coidado coa fauna e flora que neles habita.

Lixo apañado na Limpeza Simultánea de Praias de Adega CC-BY-SA Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.