A Coruña anuncia medidas contra a "lamentable" e "vergonzosa" acumulación de lixo tras o San Xoán

Praia do Orzán, nas primeiras horas da mañá do 24 de xuño, nunha imaxe emitida pola TVG © TVG

"Cómpre facer unha reflexión". A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, referiuse este mércores ao estado "lamentable" na que, sobre todo as praias, pero tamén algunhas rúas da cidade, quedaron tras a celebración da noite de San Xoán o pasado luns. Toneladas de lixo quedaron esparexidas, unha vez máis, polos areais nunha fotografía que leva o Concello a anunciar "medidas" para o vindeiro ano. 

Inés Rey anima a "facer unha reflexión" e anuncia "medidas" ante a "imaxe lamentable" de toneladas de lixo acumuladas nas praias de Riazor e Orzán

"De aquí ao ano que vén estudaranse medidas", advertiu. "Aínda non sabemos cales nin de que tipo, pero esta imaxe non casa coa cidade que estamos construíndo: unha cidade amable e respectuosa co medio ambiente", insistiu Rey, visiblemente indignada, ao abordar un tema que desde hai anos é o elefante na habitación nunha cidade que celebra de maneira popular e moi masivamente a súa maior festa: 190.000 persoas gozaron dela desta vez nas rúas. 

As 44 toneladas recollidas nas praias son 13 menos que o ano pasado e marcan un récord polo baixo desde que se contabiliza o lixo. En 2019 eran 50 máis (case un cento de toneladas), pero hai unha década recolléranse case cinco veces máis que agora: 211 toneladas, case 170 máis que este pasado martes.

As 44 toneladas de lixo son 13 menos que o pasado ano e 170 máis que no San Xoán de hai unha década

 Unha baixada influída, moi posiblemente, por un lixeiro descenso de afluencia nas praias, ateigadas igualmente pero cada vez máis centradas nun nicho moi específico de poboación: a xente nova, que mesmo parcela os areais días antes e reserva espazos que no pasado só eran ocupados pouco antes das fogueiras. 

Malia o descenso na cantidade de lixo, a imaxe segue a ser "vergonzosa" e "lamentable", como non dubida en cualificar a alcaldesa. "Ás cinco da mañá a zona de Riazor estaba bastante recollida, pero a do Orzán lamentablemente non. Había moitos contedores, pediuse que se empregasen, pero a cantidade de lixo que queda é vergoñenta", insistiu Rey, que cre que esa esa vergoña polas imaxes de sucidade é un "sentimento compartido por toda a cidadanía" e que contrasta coas de festividade popular, de barrio e celebración compartida que se difunden só horas antes. 

Por iso, insistiu en que o goberno municipal "estudará medidas" e recoñecen un debate sobre que facer ante "este tipo de celebracións tan multitudinarias" que acaban con toneladas de lixo, sobre todo nas praias pero, advertiu, tamén en numerosas rúas. "A imaxe do día seguinte non contribúe a que sexamos tolerantes con algunhas prácticas", advertiu. 

Praias da Coruña, nas primeiras horas da mañá do 24 de xuño, nunha imaxe emitida pola TVG © TVG

O debate, silandeiro, existe hai tempo. Fontes da política municipal recoñecen a dificultade para abordar de maneira radical o tema, pero tamén que hai que tomar medidas canto antes, máis cando as ducias de toneladas de lixo conviven con campañas a prol dun comportamento cívico, de respecto ao medio ambiente ou para evitar calquera desperdicio ou plástico nos areais durante o verán. De reclamar por evitar unha soa cabicha nas praias ao ir tomar o sol a espertar con case 50 toneladas de cristais, plásticos e restos de comida en Riazor e o Orzán. 

Debate aberto

Coa chegada da Marea Atlántica ao goberno municipal en 2015, e logo de intensas campañas de sensibilización, os residuos do San Xoán baixaron á metade en cinco anos: de 211 toneladas a 93. A maior concienciación e a continuidade destas campañas —tamén desde a Xunta e con recomendacións cada pouco de entidades ecoloxistas— fixo que en seis anos estes desperdicios volvesen baixar á metade. Malia todo, como di a alcaldesa, a imaxe posterior á festa segue a ser "lamentable". 

O debate está aberto sobre como evitar tanta porcallada. E sinala unha tradición —a de baixar celebrar o San Xoán ás praias urbanas— non tan tradicional nin tan antiga. Desde principios dos 90, co avance da urbanización nos barrios e a perda de leiras e terreos que permitían grandes fogueiras nos barrios, foron moitos os que optaron por trasladar a celebración ás dúas grandes praias da cidade, Riazor e Orzán, que acabaron por virar no epicentro da festa. Ata aquelas datas, era estraño ver cacharelas nos areais e a falla anual que hoxe impulsa o Concello tampouco existira antes. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.