Un San Xoán sen lixo é posible: depende de ti

O San Xoán, na Coruña CC-BY-NC Goio

Esta é unha noite de festa rachada, unha noite de cacharelas e lumieiras, de lume, fume e sardiñas. Unha noite para comer e beber con amigos e veciños. Porén, despois da noite chega a mañá. A imaxe que se pode ver en moitas localidades galegas no amencer do día 25 non é nada agradable: praias, leiras e prazas amencen cos restos de cinza e a madeira a medio queimar, pero tamén con botellas de plástico e cristal, caixas, cartóns, papeis, pratos e cubertos desbotables e demais restos. A propia celebración do serán e a noite de San Xoán pode ser moi molesta e negativa para fauna propia de certos espazos (sobre todo nas praias) e para as mascotas, moi afectadas polo son dos petardos. ADEGA ofrece unha serie de recomendacións para que a festa non prexudique ao medio ambiente nin deixe un ronsel de residuos.

ADEGA: "Unha correcta política de residuos debe estar primeiramente encamiñada a reducir o volume de lixo producido, e despois, a procurar unha axeitada xestión"

A entidade fai fincapé, especialmente, no control da enorme cantidade de refugallos que se produce esta noite e destaca que "unha correcta política de residuos debe estar primeiramente encamiñada a reducir o volume de lixo producido, e despois, a procurar unha axeitada xestión". Subliña que "evitar estes impactos depende de ti, mudando os teus hábitos". "Se vas á praia, río ou monte non deixes o lixo ciscado. Ao final estes materiais, sobre todo os plásticos, rematan no medio ambiente. No mar, son unha das principais causas da contaminación mariña, e ao inxerilos os animais mariños, peixes ou aves cáusanlles a morte", engade.

Adega ofrece unha serie de seis consellos prácticos, dirixidos especialmente ás persoas ou entidades que organizan as cacharelas e festas asociadas a elas, sinalando que unha boa organización de inicio e a toma de decisións sobre o lugar no que se desenvolve a celebración e a forma en que se fai pode reducir moito o impacto negativo deste evento:

  • Acoutar os espazos das celebracións sobre todo nas proximidades de espazos naturais como fragas, bosques, ríos ou contornas históricas ou monumentais. Evitaremos riscos de lumes, danos á fauna e flora sensible, ao patrimonio, e accidentes ás persoas.
  • Evitar facer cacharelas en praias e dunas, especialmente en litorais protexidos ou de alto valor ecolóxico. Tede en conta que mesmo nunha praia urbana, por moi humanizada que pareza, pode albergar unha rica biodiversidade, mesmo especies ameazadas ou en período de cría, como a píllara das dunas.
  • Ter previsto e sinalizado zonas de aparcamento e servizos hixiénicos, e se é posible, un posto de información permanentemente atendido. Para evitar problemas coa volta a casa podes achegarte andando ou en bici á cacharela máis próxima, sen esquecer o chaleco reflectante.
  • Dispoñer sempre de protocolos, materiais e persoal responsable de velar polo bo desenvolvemento da festa e con capacidade para previr situacións de risco e facer fronte aos pequenos accidentes que sempre se producen: queimaduras, pequenos lumes, caídas, intoxicacións...
  • Para reducir o volume de refugallos xerados unha boa medida é usar recipientes (vasos, pratos) de barro ou louza, e garrafas de cristal retornables, que os clientes poden levar coa consumición pagando unha pequena fianza. Logo, ao retornalos, seralles devolta a fianza se non queren ficar con eles. Tentaremos evitar, na medida do posible, o uso de vaixelas de usar e tirar, e de ter que facelo, que sexan preferibelmente de papel/cartón e non de plástico.
  • Debería haber suficientes contedores para a recollida selectiva dos refugallos, cando menos de orgánico, papel-cartón, vidro e envases lixeiros, e a recollida debería facerse logo de rematada a festa. Os refugallos estrados en carballeiras e praias durante días ou o lixo acumulado nos contedores sen recoller, degradan moitas paisaxes singulares e contaminan o ambiente.

 

Unha chea de cacharelas

Das praias de Riazor, Orzán, Matadoiro, San Amaro, As Lapas e Oza recolléronse o ano pasado 210 toneladas de residuos

Na tarde deste xoves comezará a ulirse no ambiente que a celebración se vai achegando. Comezarán a arder as primeiras cacharelas, cando menos unha en cada barrio, sendo imposible cuantificar cantas fogueiras pode haber esta noite en toda Galicia. En Compostela, por exemplo, haberá 15 cacharelas públicas, 17 sardiñadas e 32 cacharelas con sardiñada, ademais doutras 250 laradas privadas. En Lugo, o Concello autorizou 359 fogueiras de San Xoán, 217 na zona rural e 142 na cidade. En Ferrol, pola súa banda, o Concello autorizou 129 lumieiras. E en Pontevedra 154 fogueiras alumearán o ceo nesta noite, 21 cacharelas no casco urbano e o resto farano en 14 das parroquias do concello. En todos os casos as autoridades locais fixaron unhas normas de obrigado cumprimento para garantir a seguridade.

Na Coruña o San Xoán é a festa grande, reunindo esa noite na cidade, sobre todo nas praias, a decenas de miles de persoas, moitas procedentes doutros concellos. Está previsto que a tradicional queima da falla se produza a media noite en Riazor, así como un espectáculo pirotécnico. Ademais, entre as 23 e as 02.45 horas terá lugar o concerto Sons de San Xoán, cos grupos Bastards, Os Diplomáticos de Monte Alto e Siniestro Total. A preamar terá lugar ás 19.15 horas, polo que quince minutos despois (19.30 horas) comezará a repartirse nas praias da enseada a madeira que dispón o Concello para as lumeiradas para evitar que a xente empregue mobles e outros materais que poden revestir toxicidade. En concreto, repartiranse 140 toneladas de madeira, que se entregarán en 14 puntos distribuídos en puntos pola enseada de Orzán-Riazos, ademais de As Lapas, San Amaro e Oza.

A preamar terá lugar ás 19.15 horas

Ademais, unhas 190 persoas participarán no dispositivo especial de sensibilización e de limpeza das praias en San Xoán, que comezará ás 6.30 horas da mañá do xoves, pouco despois da hora de desaloxo dos areais, que será ás seis. Este grupo encargarase de completar a limpeza tanto en Riazor e Orzán coma nos distintos barrios coruñeses. Das praias de Riazor, Orzán, Matadoiro, San Amaro, As Lapas e Oza recolléronse o ano pasado 210 toneladas de residuos. Ademais, nos últimos días o Concello levou a cabo unha campaña de sensibilización que percorreu os barrios espallando “un código de boas prácticas medioambientais para a Noite Meiga para lembrar a necesidade de pasalo ben en San Xoán, pero á vez, con sentidiño, coidar a cidade, de xeito que a veciñanza estea orgullosa da cidade antes, durante e despois das festas”, segundo destacou a concelleira María García.

 

Campaña de sensibilización na Coruña por un San Xoán limpo © Concello da Coruña
Cacharela de San Xoán CC-BY-SA Xindilo
A imaxe da mañá do 24 de xuño nalgunhas vilas galegas CC-BY LOLI!
Restos do San Xoán na praia do Orzán CC-BY-SA Carlos de Paz
No San Xoán, a sardiña molla o pan CC-BY-NC-ND Chiringuito Los Pinares
Celebración do San Xoán en Compostela CC-BY-NC-ND Roberto Blanco

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.