Lume, sardiñas, churrasco e festa en todo o país nun San Xoán festivo en medio cento de concellos

Noite de San Xoán nas praias da Coruña © Concello da Coruña

A gran festa popular que máis se estende por Galicia abre o verán nunha noite tras a que chega un día festivo só en 48 concellos. Non será así en 2026, cando o 24 de xuño será festivo galego

Non hai moitos barrios, vilas, aldeas ou lugares que entre o serán do 23 de xuño e as primeiras horas do 24 de xuño non arrecendan a fume, non vexan bailar as lapas, non teñan na grella unhas sardiñas, uns chourizos ou un churrasco ou non bailen ao son desas músicas que, con independencia da letra, sempre acaban dicindo "verán". O San Xoán é, posiblemente, a gran festa popular que máis se estende por Galicia ao mesmo tempo aínda que, un ano máis, só vaia poder gozada en medio cento de concellos nunha noite véspera de día festivo.

Son, concretamente, 48 municipios nos que este 24 de xuño non é día laborable. Un deles, Carballo, estende a festividade un día máis por ser o San Xoán as súas festas patronais. No resto de Galicia as fogueiras, as cacharelas, as lumeiradas, o lume novo e toda a troula na súa contorna terán que celebrase, en moitos casos, cun ollo no reloxo por ter que se erguer para traballar ao día seguinte. Non será así en 2026, xa que a coincidencia do Día das Letras Galegas en domingo levou a Xunta a declarar o San Xoán como día festivo para toda Galicia.

Con festivo ou sen el, en calquera caso, a de San Xoán é noite de tradición e festa. Algunhas destacan pola súa popularidade, caso da cidade da Coruña, onde o Concello prevé que unhas 150.000 persoas celebren na contorna das praias de Riazor, Orzán e Matadoiro. E moitas máis nas máis de 700 fogueiras e grellas espalladas por barrios de toda a cidade, que conta cun dispositivo de seguridade e limpeza dotado cunhas 1.000 persoas.

Segundo MeteoGalicia, o tempo será dispar en función do lugar no que nos atopemos. Con temperaturas en xeral suaves ou mesmo cálidas -no sur de Lugo, en concellos do interior ourensán e no Baixo Miño están activos avisos amarelos pola calor-, o prognóstico fala de nubes de evolución que, sobre todo cara ao sur de Galicia, poden derivar en treboadas pola tarde.

Nas localidades onde o San Xoán se celebra nas praias cómpre atender tamén ás mareas. A baixamar está prevista contras as 21:30 e a preamar, en torno ás dúas e media da madrugada.

As herbas para lavar a cara

Tras a noite, saltar o lume papar as sardiñas e demais tradicións chegará o día... E e o momento de lavar a cara coa auga impregnada das herbas do San Xoán. Adoitan ser sete, pero non son as mesmas en toda Galicia.

O etnógrafo Xesús Taboada Chivite fixo relación dalgunhas das máis habituais, como recolle a Galipedia, unha lista na que non poden faltar o fiúncho, o fento ou a propia abeloura ou herba de San Xoán, ademais de follas de sabugueiro e outras flores e herbas. A listaxe non é casual, pois moitas delas son as especies que máis agroman nesta época do ano, e as propiedades máxicas de moitas delas están máis que estudadas pola ciencia, que leva séculos empregando moitas delas para fins medicinais ou cosméticos.

Unha fogueira durante a noite de San Xoán CC-BY-SA Alberto García

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.