- 🟪🟧🟦 EN VINTE | VINTE NA VILA - Antas de Ulla: pan, queixo e un tesouro agochado no quilómetro cero
A Deputación de Lugo inaugura o Parque Central de Galicia en torno á carballeira de Nugallás (Antas de Ulla) onde quedou localizado o centro xeográfico do país tras un estudo encomendado polo Instituto de Estudos Ulloáns
O punto exacto no que se atopa o centro xeográfico do país foi durante décadas unha desas disputas nas que cadaquén tenta levar a auga ao seu rego. Mesmo foron varios os concellos que reivindicaron para si a condición de quilómetro cero en termos promocionais ou turísticos. Ata que o Instituto de Estudos Ulloáns se dirixiu ao Instituto Xeográfico Nacional (IGN) para procurar pechar de vez o debate cun estudo científico que sinalou en 2019 o punto exacto en Nugallás, un lugar da parroquia de San Fiz de Amarante, en Antas de Ulla.
O lugar tan procurado resultou estar nunhas leiras propiedade de Margarita Mariño Varela, mestra en colexios da Ulloa durante case catro décadas. Dona Margarita era, sen sabelo, a propietaria do centro de Galicia, como antes o foran anteriores xeracións da súa familia. Cando a Deputación de Lugo lle propuxo mercarllo para abrir alí o Parque Central de Galicia xuntou a súa familia no lugar para lles contar a historia do lugar e só puxo unha condición á institución provincial: "Que se respectasen os carballos, deses que dan pulo á Ulloa e que, por desgraza, moitos se adican a acabar con eles", explicaba en 2020 en conversa con Praza.gal.
E así foi. Seis anos despois, nos terreos de dona Margarita e outros lindeiros a Deputación de Lugo vén de inaugurar o parque central. Un monólito sinala o punto exacto coas coordenadas do centro xeográfico (7º 54’ 38,99” W 42º 45’ 25,15 N) e ao seu redor, un espazo natural acondicionado para o lecer: unha área cuberta para resgardar do sol ou da chuvia as actividades que alí se organicen, un edificio multiusos, sendeiros polos que perderse entre carballos e mais unha zona de xogos infantís.
. "O verdadeiro éxito do proxecto medirase polos recordos que aquí se constrúan ao longo dos anos"
En total, algo máis de 45.000 metros cadrados que a presidenta da institución provincial, Carmela López, presentaba este pasado domingo, na festa inaugural, como un espazo "orientado ao lecer, á convivencia e á conexión coa contorna natural". Tamén a "a promocionar o centro xeográfico de Galicia como reclamo turístico" de Antas. "O verdadeiro éxito do proxecto medirase polos recordos que aquí se constrúan ao longo dos anos", coida López.
Neste sentido, a presidenta da Deputación aplaude a encomenda do Instituto de Estudos Ulloáns ao IGN, xermolo do Parque Central. "Ningún sitio chega a ser simbólico por casualidade; faino porque hai persoas que o estudan, que o coidan, que o explican e axudan a que xeración tras xeración comprendamos o seu valor". Pilar García Porto, deputada de Promoción do Territorio e alcaldesa de Antas, agarda que o Parque Central vire en "epicentro de desenvolvemento turístico, económico e social".
Actuacións musicais da asociación Cultural Fiadeira, a Coral Polifónica Sons do Farelo, a Banda de Música de Antas e Treixadura puxeron a banda sonora a unha xornada inaugural que contou ademais con actividades familiares e degustacións gastronómicas de produtos ulloáns. Nace así un espazo que, din, quere ser lugar "de encontro para a veciñanza da provincia e do conxunto de Galicia".