42º45'25,15" Norte e 7º54'38,99" Oeste. Estas son as coordenadas exactas do centro xeográfico de Galicia, segundo un informe do Instituto Xeográfico Nacional (IGN), dependente do Ministerio de Fomento. A localización corresponde ao lugar de Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, no concello de Antas de Ulla (Lugo), a poucos metros da estrada LU-P-0301.
O Centro Xeográfico atópase no lugar de Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, no concello de Antas de Ulla (Lugo), a poucos metros da estrada LU-P-0301
O Instituto Xeográfico Nacional realizou os cálculos en resposta a unha solicitude realizada polo presidente do Instituto de Estudos Ulloáns, Francisco Pardo Teijeiro, que pedía que a entidade realizase unha medición exacta. O IGN xa levara a cabou outras medicións hai anos, situando o Centro Xeográfico de Galicia nesta mesma contorna da aldea de Nugallás, pero sen fixar unha localización tan precisa. Tamén Carlos Neira apuntara a este lugar nun cálculo realizado hai dous anos.
O IGN estima que "o erro máximo cometido ao dar as coordenadas é menor aos 2 metros"
O informe explica que a determinación deste punto "é un problema xeodésico, complicado e complexo, de difícil solución e sempre aproximado", e que está suxeito a variacións provocadas por exemplo polos cambios no nivel do mar ou pola realización de obras portuarias ou recheos que incrementen a superficie total do país.
En calquera caso, técnicos do IGN levaron a cabo este cálculo do centro de gravidade de Galicia, utilizando os límites oficiais do territorio e empregando o algoritmo centroide de PostGIS, comprobando o resultado con QGIS e tendo en conta a curvatura da Terra. O documento engade que "tendo en conta todas as posibles fontes de erro", estima que "o erro máximo cometido ao dar as coordenadas é menor en todo caso aos 2 metros".
Nas últimas décadas outros lugares veñen reclamando a localización do Centro Xeográfico noutras zonas, nomeadamente en Lalín e Chantada, pero tamén en Agolada ou Melide
O Instituto de Estudos Ulloáns destaca que "con este informe oficial e definitivo damos por pechados os debates sobre a situación do Centro Xeográfico. Todos eles de carácter científico e alleos por outra parte aos slogan publicitarios que poden levar ao público a confusións". Nas últimas décadas outros lugares veñen reclamando a localización do Centro de Galicia noutras zonas, nomeadamente en Lalín e Chantada, pero tamén en Agolada ou Melide.
Francisco Pardo Teijeiro, presidente do Instituto de Estudos Ulloáns, sinala que a entidade iniciará campañas de divulgación da localización do Centro Xeográfico de Galicia, "especialmente no ámbito educativo". Con todo, reclama que "son as administracións local, provincial e autonómica as responsables dunha intervención na zona, para o que non se require grandes investimentos senón boas intencións". "Poñémonos a disposicións das administracións para deseñar un lugar de referencia, de encontro para todos os galegos", conclúe.
Entre o 'KM 0' e o 'Corazón de Galicia'
Moito se ten debatido sobre se o centro de Galicia estaba nun ou noutro lugar. O debate mesmo deu lugar á creación de marcas e slogans. Un dos máis coñecidos é o de "Corazón de Galicia", impulsado inicialmente por un artigo do mestre chantadino Ignacio Ramírez Pérez publicado en El Pueblo Gallego en 1970 e potenciado posteriormente na localidade polo banqueiro Leopoldo de Soto.
O Concello de Lalín e a Deputación de Lugo mantiveron durante anos un litixio xudicial pola utilización da marca 'kilómetro cero'
Máis recentemente Lalín promoveu a marca KM 0, que parte da consideración de que o Centro Xeográfico se atopa no seu termo municipal, en concreto na parroquia de Bermés, onde o matemático Xosé Rodríguez González, Director do Observatorio de Madrid, fixou o centro do país. En 1990 o escritor Armando Vázquez publicou un artigo de opinión titulado "Lalín, kilómetro cero de Galicia" na que defendía a localización do centro xeográfico nese lugar.
Uns anos despois o Concello de Lalín rexistrou esa marca promocional, mentres que a Deputación de Lugo fixo o mesmo con "Kilómetro Cero Deputación de Lugo". Aínda que nun comezo o TSXG sinalou que a marca kilómetro cero correspondía en exclusiva a Lalín, no ano 2015 o Tribunal Supremo permitiu utilizar as dúas en igualdade de condicións, despois dun proceso xudicial no que o Concello de Lalín gastou varios miles de euros, uns 8.000 segundo o PSdeG-PSOE.