A USC e a Uvigo terán reitora por primeira vez: sete candidatas para dúas eleccións

Sedes dos Reitorados das universidades de Santiago e Vigo © USC/Uvigo

A Universidade de Santiago e a Universidade de Vigo terán unha reitora á súa fronte por primeira vez na súa historia. Nas elecciósn de febreiro e maio preséntanse cinco e dúas candidatas, respectivamente

A Universidade de Santiago e a Universidade de Vigo terán unha reitora á súa fronte por primeira vez na súa historia. A universidade compostelá celebra eleccións ao Reitorado en febreiro con cinco aspirantes, todas mulleres: Maite Flores, Alba Nogueira, María José López, Mar Lorenzo e Rosa Crujeiras. Os comicios na de Vigo terán lugar en maio, con dúas candidatas: Belén Rubio e Carmen García Mateo.

A chegada de dúas mulleres ao posto de mando de dúas das tres universidades públicas do país converterá en normal o que leva varias décadas sendo habitual nas aulas e mesmo nos despachos, pero que ata agora non se traducira na presenza dunha muller á fronte destas institucións. 

As mulleres son maioría nas aulas universitarias dende hai décadas e o seu peso no profesorado vai medrando paseniño ata superar o 43%. Porén, as catedráticas son aínda o 28% e nunca houbo unha reitora nas institucións galegas

Cómpre lembrar que as mulleres representan dende hai tres décadas ao redor do 60% do alumnado matriculado nas tres universidades galegas. Entre o profesorado, en cambio, as mulleres aínda non son maioría (en 2023 representaban o 43,4%), pero a súa proporción mantén unha tendencia de ascenso paseniño dende o 35,9% do ano 2008.

As mulleres si son maioría entre o profesorado axudante (54,5%) pero non entre o asociado (38,5%) e tampouco entre o titular (44,7%). De feito, a medida que se escala nos diferentes niveis da xerarquía docente, o peso das mulleres é inferior. Así, a porcentaxe de catedráticas aínda non chega ao trinta por cento (28,4%) a pesar do incremento nos últimos anos (dende o 18,9% do ano 2008).

USC: cinco candidatas

A universidade compostelá celebra eleccións ao Reitorado en febreiro con cinco aspirantes, todas mulleres: Maite Flores, Alba Nogueira, María José López, Mar Lorenzo e Rosa Crujeiras

As primeiras eleccións en celebrarse serán as da Universidade de Santiago, previstas para o mes de febreiro. Na USC haberá un gran número de candidaturas -un total de cinco-, o que eleva a incerteza sobre a identidade da persoas que substituirá a Antonio López, reitor dende o ano 2018. Se ninguha das candidatas supera o 50% dos votos ponderados (o que o elevado número de candidaturas e a fragmentación do voto facilita) habería que acudir a unha segunda volta.

María José López Couso (Pontevedra, 1963) forma parte do actual equipo de goberno da universidade, no que ocupa o cargo de vicerreitora de Titulacións e Internacionalización. Entre 2012 e 2020 foi decana da Facultade de Filoloxía.

Rosa Crujeiras, nacida en 1978 en Ribeira, conta tamén con experiencia no goberno da universidade, pois foi vicerreitora con Juan Viaño. Na actualidade é directora do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA).

Maite Flores, Alba Nogueira, María José López, Mar Lorenzo e Rosa Crujeiras, candidatas a reitora da USC © USC

Alba Nogueira (Cee, 1968) é catedrática de Dereito Administrativo e forma parte tanto co Consello da Cultura Galega coma da RAG, da que é membro correspondente. Como estudante foi representante no Consello de Goberno da USC e participou na Mesa Sectorial de Universidades en representación da CIG.

Maite Flores Arias (Santiago, 1975) é Catedrática no departamenteo de Física Aplicada e na actualidade dirixe a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG).

Mar Lorenzo Moledo (Noia, 1968) é decana da Facultade de Ciencias de Educación e, ao igual que López Couso e Crujeiras, tamén ocupou un cargo de vicerreitora; foi con Antonio López e durante un período de catro anos.

Universidade de Vigo: Belén Rubio contra Carmen García Mateo

As eleccións na Universidade de Vigo terán lugar en maio, con dúas candidatas: Belén Rubio e Carmen García Mateo

En maio serán as eleccións na universidade de Vigo con, de momento, dúas candidatas: Belén Rubio e Carmen García Mateo. Pode haber máis, aínda que de momento iso descártase. E, en todo caso, Rubio e García Mateo representan os dous partidos universitarios máis asentados na Uvigo: H2040 e Nós Universidade.

Carmen García Mateo e Belén Rubio, candidatas a reitora da Universidade de Vigo © Uvigo

Belén Rubio (Lugo, 1964) é catedrática de Estratigrafía do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio e na actualidade ocupa o cargo de vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Uvigo. É a candidata de H2040, o mesmo grupo que impulsou o actual reitor, Manuel Reigosa, reitor dende o ano 2018.

Carmen García Mateo (Vigo, 1963) é profesora na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigadora responsable do Grupo de investigación en Tecnoloxías Multimedia (GTM) de atlanTTic. Exerceu como vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea da UVigo entre 2006 e 2010 con responsabilidade adaptación da oferta académica da institución ao Espazo Europeo de Educación Superior. Preséntase aupada polo grupo Nós Universidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.