A alianza das universidades de Galicia e Norte de Portugal: redes de cooperación e formación conxunta

Reitoras e reitores das universidades de Galicia e do Norte de Portugal © USC

Santiago acolleu a xuntanza da Fundación CEER, que agrupa as seis universidades públicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal: as universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña, e as universidades do Porto, do Minho e de Trás-os-Montes e Alto Douro

Santiago acolleu esta semana a xuntanza da Fundación CEER, que agrupa as seis universidades públicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal: as universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña, e as universidades do Porto, do Minho e de Trás-os-Montes e Alto Douro. 

O encontro anual do Padroado da Fundación, no que participaron todas as reitoras e reitores, serviu para renovar o compromiso das seis institucións de "seguir traballando xuntas a ambos os lados da fronteira". Á reunión asistiron tamén a directora da Fundación CEER, Inês Gusman, e a secretaria xeral, Ana Paula Marques. 

Colexio de san Xerome, sede do Reitorado da USC © USC

No balance do último ano destacouse o traballo da Fundación na consolidación de consorcios europeos, no deseño de propostas e no fortalecemento de redes de cooperación con grupos de investigación, universidades e entidades públicas e privadas

A Fundación CEER actúa desde hai máis de 20 anos como ponte estable entre as institucións galegas e portuguesas, facilitando a colaboración entre as seis universidades e a súa participación en iniciativas conxuntas, nas que tamén interveñen administracións e outros organismos de Galicia e do Norte de Portugal.

Reitoras e reitores repasaron a actividade desenvolvida pola Fundación neste último ano e as liñas 
estratéxicas a seguir no vindeiro 2027. No balance do último ano destacouse o traballo da Fundación na consolidación de consorcios europeos, no deseño de propostas e no fortalecemento de redes de cooperación con grupos de investigación, universidades e entidades públicas e privadas.

Nos próximos anos, a Fundación seguirá traballando para facilitar a mobilidade de estudantes, docentes, persoal investigador e persoal de xestión entre as seis universidades, impulsar a formación conxunta e reforzar a presenza común das institucións nos programas europeos

A Fundación coordina proxectos nos tres principais programas Interreg que actúan sobre a Eurorrexión: SUDOE, Espazo Atlántico e o programa de cooperación España-Portugal (POCTEP). A eles súmanse novas vías de financiamento, como a iniciativa b-solutions, Erasmus+, contratos de servizos a entidades como a Comisión Europea, entre outros.

Nos próximos anos, a Fundación seguirá traballando para facilitar a mobilidade de estudantes, docentes, persoal investigador e persoal de xestión entre as seis universidades, impulsar a formación conxunta e reforzar a presenza común das institucións nos programas europeos. Tamén quere achegar a investigación universitaria ás necesidades dos territorios e dar máis visibilidade á cooperación entre as universidades dos dous lados da raia.

A xuntanza serviu tamén para formalizar o relevo na presidencia do Padroado, que pasa da Universidade do Porto á Universidade de Santiago de Compostela, na persoa da súa reitora, Rosa M. Crujeiras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.